09:24 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-05-2011

Seguramente, unha das cousas que dan que pensar no día despois das eleccións é se a cuestión do idioma tivo algunha incidencia no resultado

O 22-M do galego

Valorar (18)

IRIA TAIBO CORSANEGO



Estes días vai ser difícil escribir algo no que non teña protagonismo o resultado electoral. Tamén falando de lingua. A importante suba da dereita, en votos e en poder real, ten un significado e, sen dúbida, terá consecuencias tamén para a nosa lingua.

Seguramente, unha das cousas que dan que pensar no día despois das eleccións é se a cuestión do idioma tivo algunha incidencia no resultado. Sobre todo, porque nos últimos meses este tema está a ter un protagonismo importante entre os debates públicos. De ser así, por que?

Durante a campaña das autonómicas e a posteriori, xa o Partido Popular asumira a importancia das súas posturas a respecto do galego na consecución da súa maioría. Nas cidades, sobre todo nas que o PP consegue agora a absoluta, presentan candidatos cun discurso moi abertamente anti galego. Unha vez máis temos o exemplo do paradigmático caso da cidade da Coruña, polo simbolismo que neste tema inevitabelmente ten. O presidente da Xunta fala, en campaña, sobre a posibilidade de levar ao Parlamento o cambio da lexislación en canto ao topónimo da cidade. Por fortuna, Carlos Marcos, que co seu partido Unión Coruñesa prometera cambiar a Concellaría de Normalización Lingüística pola de "Normalidad", quedou sen representación no concello, mais ese discurso tivo uns tremendos altofalantes durante a campaña. Mais falabamos aquí tamén do significativo lema electoral dos populares coruñeses: "Ayer por Galicia, ahora por La Coruña".

O preocupante é, precisamente, por que a cidadanía dá o seu apoio a estas opcións tan abertamente belixerantes contra unha lingua que continúa precisando protección por parte dos poderes públicos.

Pode ser que á cidadanía non lle interese en absoluto este tema, por moitos motivos. A dereita, mais non só, esgrimiu a crise como argumento para cuestionar (e en moitos casos reducir) o gasto público destinado, por exemplo, á promoción do galego. É un argumento demagóxico e hipócrita, se revisamos outros ámbitos nos que estes aforradores non están dispostos a deixar de investir nin un só euro. Podo poñer por exemplo, arriscándome a ser impopular, o fútbol profesional. Canto diñeiro público se inviste e cantos impostos se perdoan aos equipos (insisto, profesionais), que teñen perfectamente capacidade para conseguir polos seus propios medios fondos procedentes da publicidade, por exemplo.

Outro dos motivos pode ser tamén que a imaxe de conflito, alentada pola propia dereita, cree rexeitamento nunha parte da cidadanía, non especialmente concienciada con esta cuestión. É algo que podemos escoitar frecuentemente nas tertulias políticas, porén a participación de persoas castelán falantes ou non vinculadas habitualmente á defensa do idioma nas mobilizacións destes últimos meses podería desmentir, cando menos en parte esta teoría.

Outra posibilidade é que verdadeiramente desde as institucións non se visualice unha defensa decidida do galego. Un exemplo pode ser o da Coruña, onde unha parte do goberno usa o galego habitualmente e fai bandeira del, mais o rueiro e a documentación da propia institución continúa estando case totalmente castelanizada, e a outra parte do goberno nin sequera usa o galego nas súas intervencións públicas.

A respecto disto, hai no ar outra dúbida. Quen defende o galego "pásase" por exceso ou por defecto. Pode ser, e de feito hai, tanto quen pensa que é un erro apoiar o goberno dun partido que continúa sen desprenderse da herdanza do lacoruñesismo. Tamén hai quen pensa todo o contrario, que só desde as institucións é posíbel facer cambios, e que estes deben facerse aos poucos.

Exactamente igual que entre as persoas que defenden o galego collen tanto as que pensan que só se cambia a tendencia en descenso da mocidade co galego a través de políticas de "sedución", evitando esa asociación co conflito, e quen pensa que a iso hai que sumarlle a reivindicación, ás veces desagradábel mais tamén necesaria.

Haberá que pensar en todas estas cousas, respectando moito o criterio e a opinión duns e outros. E mentres tanto, terémonos que alegrar de escoitar o novo alcalde da Coruña dicir que o do topónimo "aún no toca".


[25-05-2011 09:56] Vitor comentou:

Si la tele dice que defender o galego que é un sintoma de "sectarismo", e de sentimento minifunidista, é así. Que máis ten que sexa a lingua na que falemos e na que cavilemos, é así e punto. Hai que ser boa xente e non reivindicar nada, lo que mola es ser "mangoneados", é o capital e os que viven ao seu acubillo os que saben os que nos convén, os grandes timoneles que velan polos nosos intereses.... . Avergoñome do povo no que vivo, da súa falta de solidariedade, de sentimento colectivo, de iniciativa propria e nunha palabra da súa BURRAMIA.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña