01:31 Martes, 15 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-05-2011

As diversas xeracións de falantes posúen características que as distinguen con clareza doutros grupos de idade

A memoria da lingua: a fala das persoas de idade

Valorar (21)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Afirmarmos que as variedades lingüísticas de galego empregadas pola xente maior adoitan estar normalmente menos influenciadas polo español, cando menos no ámbito da sintaxe, da fonética ou da entoación, constitúe xa unha sentenza constatada como para insistirmos máis nela desde aquí. Os modos de falar das avoas e dos avós pertencen ao que lingüistas como Chambers & Trudgill, Hudson ou Wardhaugh enmarcan dentro da variábel "idade", un factor de variación aínda pouco estudado no caso do galego mais que pode proporcionar interesantes informacións e datos sobre ese tipo de falares e sobre a sorte de certas mudanzas en marcha na nosa lingua; pensemos, a modo de exemplo, en que grupos de populación se costuman detectar expresións como Vai no aseo, Vai no baño, Vai no escusado, Vai no retrete ou mesmo Vai no "tigre" e, embora aproximativamente, adxudicarémolas con facilidade a faixas etarias diferentes. Dentro, por tanto, dese tipo de variedades lingüísticas xeracionais, o estudo da lingua das persoas idosas da Galiza vira un tema moito interesante por varios motivos, aínda que aquí só imos deternos en dous: en primeiro lugar, na recuperación dos trazos lingüísticos adquiridos na infancia que parecen abrochar novamente na vellez; e, en segundo lugar, nas significacións que poden adquirir determinados elementos vocabulares, á marxe das que se consideran hoxe en día máis frecuentes.

Fica claro, pois, que as diversas xeracións de falantes posúen características que as distinguen con clareza doutros grupos de idade: a infancia, a adolescencia, a vida adulta, a vellez... Deste xeito, un dos tipos de variacionismo que se constata nas linguas é o que se basea na mudanza lingüística xeracional, isto é, aquel que ten en conta, poñamos por caso, as diferenzas dos falares da mocidade cos da xente idosa, da mocidade coa infancia ou mesmo a mudanza de idioma ao se confrontaren diversas capas etarias. Un estudo pioneiro foi o desenvolvido polo abade Jean Pierre Rousselot en finais do século XIX, quen reparou, na súa obra Les modifications phonétiques du langage étudiées dans le patois d'une famille de Cellefrouin (Charente) (1891) no feito de que as persoas maiores pronunciaban certas consoantes palatais de maneira distinta a como o facía a xente nova. Con todo, non sería até á década de 90 da pasada centuria que as diferenzas dos modos de falar da adolescencia, en confronto cos da xente adulta, foron considerados como paradigmas de variación lingüística. E tamén non sería até tempos recentes que todo ese conxunto de variedades perfiladas pola idade dos utentes sería percibido con certa seriedade pesquisadora, nomeadamente na análise do vocabulario.

Ao estudarmos o variacionismo xeracional, é obrigada a referencia ao concepto de "mudanza en tempo aparente", que, a pesar das dificultades que implica, serve para nos aproximarmos cunha relativa dose de veracidade de estadios da lingua de tempos pretéritos: os estudos das mudanzas lingüísticas en tempo aparente asentan na perspectivación sincrónica dos usos idiomáticos de grupos ou comunidades de falantes con idades diferentes, para, despois, chegaren a conclusións de índole diacrónica sobre a deriva histórica do idioma. Segundo as formulacións clásicas desta hipótese, unha persoa de x anos utiliza actualmente a lingua non como se usa a día de hoxe, mais conforme a aprendeu hai z anos. Así, de acordo con este punto de vista, nunha escolma de datos ou nunha gravación feita en 2011, a fala dun individuo de 70 anos representaría o estado da lingua non desa data, mais de varias décadas atrás; deste xeito, sería posíbel achegármonos ás características da fala da mocidade de hai algún tempo entrevistándomos falantes que na actualidade non se consideran adolescentes, o que, máis unha vez, abre interesantes camiños para seren percorridos en termos da evolución do idioma.

Dándomos por asentes os esquemas de diferenciación xeracional, conforme os recollen, por exemplo, Chambers & Trudgill, pondérase a realización de traballos para sabermos por que camiños vai a deriva da lingua desde varias hipóteses de achegamento. O feito de seren atestadas diferenzas notábeis conduciríanos sen grandes dificultades a falarmos de variedades demarcadas pola idade, de forma que se constatarían diversas variantes lingüísticas cunhas realizacións nin sempre coincidentes. Relativamente a estas cuestións, pode darse o caso de que as persoas idosas, á medida que avanzar o tempo, vaian utilizando trazos lingüísticos que elas mesmas, nas súas propias variedades idiolectais, non usaban até ese momento ou cando menos non eran tan doadamente atestábeis. Unha observación non exhaustiva que puidemos realizar a varias mulleres e homes octoxenarios nos últimos tempos permitiunos detectar como determinados trazos fonéticos, certas características morfolóxicas e varios usos lexicais voltaban a abrochar con relativa normalidade cando un tempo atrás o que se podía documentar neses individuos eran outras solucións, con frecuencia beliscadas polo español.

Deste xeito, onde antes ouviamos sempre *a nariz a unha 'moza' de 82 anos, agora ás veces rexorde nesa mesma persoa o narís (con seseo implosivo). Na mesma liña, unha muller que coñecemos dunha idade similar que xamais tivo o seseo explosivo no seu idiolecto decántase nestes tempos preferencialmente por os cansiños e as mansiñas, que eran as formas, segundo comenta ela propia, que usaban as súas bistías aló pola década de 40 do século XX no bairro coruñés do Peruleiro. Máis un exemplo, agora proveniente da sintaxe: se noutrora se podía atestar como única hipótese unha cláusula cal Vou ver o que pasa a un patrón duns 90 anos, temos presentemente como outra posibilidade Vou ver o que se pasa, estrutura que xa comentaba Emilio Álvarez Giménez en finais do século XIX no seu opúsculo Los defectos del lenguaje en Galicia y en la provincia de León a sinalar que era típica do galego e que penetraba no castelán falado da Galiza. Igualmente, a unha construción como Hai que saír apareceulle unha forte competidora na alternativa Cómpre saírmos no mesmo falante. E após o case unánime suceso das solucións bárbaras para a flexión de número das palabas acabadas en -l do tipo *animales, *cordeles e *mandiles, mesmo a se manteren nun mesmo informante, fan agora acto de ocasional presenza os resultados animás ou mantés, aínda que esa persoa poida continuar a usar maioritariamente flexións como *musicales, *papeles ou *infantiles.

Finalmente, o ámbito semántico-lexical pídenos tamén un pequeno comentario, pois cómpre ponderarmos, segundo a nosa experiencia, tres cuestións que merecen de seu unhas palabras: na liña do comentado máis arriba, o primeiro aspecto asenta nunha certa recuperación de léxico xenuíno, o segundo participa da significación que poden adquirir determinadas palabras e o terceiro sobrancea mesmo unha curiosa utilización de diversos elementos vocabulares, algúns deles sen estaren lematizados nos dicionarios modernos: deste xeito, temos ouvido a varias das persoas a que fixemos referencia formas como artisteira/o ('aguda/o', 'intelixente'), axaneirarse ('excitarse', normalmente aplicado á sexualidade), bandurra/o ('candonga/o'), dar memorias a alguén ('dar lembranzas a alguén'), derrotar o río ou derrotar o pozo ('baleirar o río' ou 'baleirar o pozo'), despreocupar (co valor de 'incomodar'), desquerer ('deixar de querer' no aspecto afectivo), encontrarse ñápara/o ('encontrarse delicada/o de saúde'), esculifrarse ('arranxarse', 'asearse'), esguilar ('escorrer'), espichar ('morrer'), espretuar ('asombrar', 'asustar', 'sorprender'), facer algo nun virapau ('facer algo rapidamente'), ficar ('falecer'), galdaripa/o ('lercha/o', 'persoa de pouca importancia', 'persoa que provoca o riso'), gañar medo ('ter medo', 'coller medo'), madrasta e padrasto (non hai moito tempo as únicas documentadas no mesmo individuo eran as formas madrastra e padrastro), mar cordo ('mar tranquilo'), nomear (antes sempre *nombrar nesa persoa), non ter somencias de alguén ('non saber nada de alguén'), novez ('mocidade'), pórse malé ('pórse desasosegada/o'), rabuda/o ('maliciosa/o'), remocear ('virar nova/o'), rezar ('ficar' no sentido locacional), roncha negra ('tixola'), rotar ('perder auga' un recipiente), ter foros ('ter soberba'), xente lixeira ('xente sen palabra') etc.

Obviamente, estes exemplos non poden nin queren ser exhaustivos, mais, cando menos, algúns deles favorecen a reflexión sobre esa presumíbel volta ao pasado lingüístico que se detecta con certa frecuencia na fala das persoas idosas. Así, por un lado, parece consistir nun regreso aos hábitos idiomáticos doutras épocas, ao tempo en que se interiorizou a lingua, ao contexto en que, cando menos aparentemente, as beliscadelas do español aínda non eran tan numerosas como o son na actualidade. E, por outro lado, estes procesos parecen insinuar a idea de que á medida en que o cérebro vai deteriorizándose devagariño, determinadas esferas neurolóxicas sofren o tal devalo de forma diferente, pois semellan activarse en certa maneira como compensación a esas zonas cerebrais que van murchando. Corrobórase algo similar coa memoria, pois constitúe un lugar común entre especialistas a afirmación de que a xente de idade, nesa espiral de constante decembrar das capacidades cognitivas, lembra con maior facilidade o que sucedeu hai anos, ao paso que, non raro, posúe xeralmente serios problemas para ser capaz de saber o que lle aconteceu hai uns días ou inclusive unhas horas.

En definitivo, as variedades lingüísticas que se rexistran entre a xente de idade viran interesantes e dignas de análise, e non só por nos presumibelmente transportaren a estadios lingüísticos doutras épocas, mais por se converteren en máis unha ferramenta tanto para nos aproximarmos da deriva da lingua canto para aprofundarmos nas capacidades expresivas do noso idioma. Repárese en que o futuro do galego perpasa loxicamente as novas xeracións, onde o seu emprego é actualmente máis deficitario, mais nótese tamén que unha necesaria calidade no uso do idioma ten de contar con todo ese potencial expresivo detectado nas faixas etarias máis altas.


[20-05-2011 15:56] Abelardo X del Caño comentou:

Un artigo moi interesante, mais estou un pouco en desacordo contigo. Non penso que a merma da memoria sexa quén de mudar as verbas da xente idosa. O meu entender, pola relación cos velliños da familia, os anos fan esmolecer as cancelas que socialmente tentan afogar o galego ou facelo desaperecer dentro do castelán, as inhibiciós sociais desaparecen é, grazas a idade, cada un fala como en realidade pensa. Sen inhibiciós nen "rollos" sociais. Mais grazas por desvelar realidades do galego que moita xente tiña esquenzidas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña