00:28 Sabado, 16 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-03-2010

O medo que mete medo

Todos á cadea. O medo e a desconfianza son a base dos movementos reaccionarios

Valorar (278)

EMILIO LÓPEZ PÉREZ


violencia cultural

"El que la haga que la pague. Que el condenado tenga que arrepentirse en la prisión cada dia de su vida"

Iste é o obxectivo que o portavoz do Partido Popular pretende acadar ao través dunha reforma legal e así o acaba de expoñer con toda claridade nas Cortes do Estado.

Non se pretende en modo algún traballar na dirección de evitar o delito ou lograr persoas e modelos de sociedade que reduzan a delincuencia; o realmente importante é a satisfacción de vengarse do delincuente. Xuristas, fiscais, criminólogos, sociólogos, psicólogos, e-polo visto- uns poucos deputados, teñen chamado a atencion nos últimos tempos sobor do grave erro de pretender solucionar o problema da delincuencia ou da violencia exclusivamente coa represión, sen sequera analisar con profundidade as causas próximas ou remotas de fenómenos tan complexos. A excitación dos sentimentos máis negativos como a vinganza ou o odio foi e segue a ser un dos potentes instrumentos de propaganda do ultraconservadurismo e do fascio. Primeiro dende os poderes fácticos introducen a súa ideoloxía na cidadanía e logo presionan aos Gobernos e a sociedade para que camiñe nesa dirección. O máis útil para a sociedade non é ir condenando a cadea perpetua ou a pena de morte un tras de outro a todolos delincuentes, o verdadeiramente útil sería ir reducindo a violencia estrutual, social, individual... E moito máis útil previr o cancro que ter que curalo. Aínda que é posíbel que a algúns "vendedores de quimioterapia" sexan listos dabondo como para tirar beneficio de determinadas enfermidades sociais que eles mesmos axudan a crear... O máis preocupante é ver como quen se din progresistas caen nas súas redes.

Fai uns anos un grupo de persoas dende a tribuna do público no Parlamento do Estado amosou unha pancarta coa seguinte lenda: "Todos á cadea". Creo recordar que era xente próxima a Esquerda Unida.

Esta frase que denunciaba as crecentes tendencias represivas foi trasmutada por outra repetida dende entón milleiros de veces por todo tipo de representantes e comunicadores en institucions públicas e privadas e que ten idéntico significado, mais non con intención de denuncia senón con carácter imperativo: "Endurecemento das penas".

Non existe nin no Estado nin en Galiza un discurso ideolóxico racional -agás o nacionalismo e pouco máis- que diferencie a chamada esquerda da chamada dereita, nin o reaccionario do progresista, nin o democrático do antidemocrático. Os dous discursos máis potentes que estamos a sofrer son os do consumismo e o do medo e da inseguridade; fomentando o egoismo e o odio. Como moito quedan (ou quedamos) os utópicos e os inxenuos, que aínda pensamos que é posíbel ter outro tipo de sentimentos.

A uns intégranos en Oenegués e aos outros demonízannos meténdonos nalgúns dos moitos infernos que teñen: Radicais, separatistas, Islamistas, violentos, indxgenistas, ditadores, trasnoitados, aldeáns, ou "gallegos en el peor sentido de la palabra"....

Vexamos dentro do noso País algúns dos espazos nos que se percibe, con estratexias máis descaradas ou máis encubertas, un traballo intenso e eficaz para lograr na cidadanía esta ideoloxía facciosa fomentando os sentimentos de egoismo, medo, inseguridade e odio. Para poder superar o que de negativo teñan para o individuo algúns destes sentimentos existe un antídoto moi propio da dita ideoloxía facciosa: O diñeiro e o poder.?

A CRISE: Despois de moitos anos nos que lograron manter como temor e preocupación prioritaria da cidadanía o terrorismo, pasa a crise económica e as súas consecuencias a ocupar o seu lugar. Cunha diferencia importante, no terrorismo aparecían os seus responsábeis e perseguíanse; na crise non hai responsábeis, si os hai non se lles pode pedir contas, e até nos teñen convencidos de que é mundial e a padecen por igual ricos e pobres. Din as veces incluso os estómagos agradecidos das multitertulias que é unha praga. Xa nos podían dicir se hai algún produto non tóxico para combatila...

A VIOLENCIA: Si por casualidade algunha embaixada de pacíficos extraterrestres etivese recollendo información ao traveso dos medios de comunicación do que acontece niste pais, e principalmente si ollasen os telexornais, non soio evitarín achegarse xunto de nos, senón que tomarían todalas medidas posíbeis para que unhos seres tan violentos e leantes se achegasen por xunto diles.

A INSEGURIDADE: A inseguridade é niste intre a "arma mater" de D. Mariano e Cia. Somente lles falta pedir que nos enxendren cun garda de seguridade pegado ao cú e cunha pistola ao cinto. Metade ladróns e metade policías podería ser un modelo de sociedade que concordaría co pensamento de moitos. O problema sería que precisaríamos alguén que traballara para ter a quen roubar. E non o digo por decilo; probabelmente a causa da chamada "crise global" poida estar en que andan os ladróns detrás dos que rouban. Se a seguridade ten que depender da represión e do medo e non do aprecio e o respeto polos teus semellantes, imos estar a cada paso máis inseguros...

O TERRORISMO: Con esta denominación conquiren os que dominan o mundo demonizar e estigmatizar todo aquilo que estorba as suas ambicións. Nin os mellores lingüistas saberían dicir cando o concepto se corresponde coa realidade, indica todo o contrario ou simplesmente se trata da axitación da pantasma. Por poñer só dous exemplos ben claros: No caso Palestino: Os israelitas matan aos palestinos en ataques terroristas. Os palestinos morren de xeito fortuito nas respostas que Israel dá a estes ataques terroristas. No caso Cubano: En Cuba hai presos políticos loitando pola "liberdade do Pobo Cubano" privados de todos os dereitos, en Guantánamo hai presos terroristas privados de todos os dereitos, pero é para salvagardar -disque- a liberdade do Occidente. E donde entenden moi ben estas cousas é no Parlamento Europeo...

OS MARXINAIS: O fraccionamento da sociedade e as desfeitas e dispersións que o Imperialismo está a producir polo mundo adiante lévanos a unha situación na que aos humáns non nos coñece xa nin a nai que nos pariu. Por non querer ser dunha nación apuntámonos a última charanga que pase pola televisión. No seu delirio -non sei si tremens- nalgún país recén chegado dende o Leste ao paradiso capitalista presentouse as elecións o partido dos bebedores de cervexa. En Europa, onde os grandes potentados saben moito de colonización, aínda ninguén se atreveu a falar dun dos muros da vergonza máis escandalosos e criminais que se coñeceron, o Mar Mediterráneo. Primeiro desfacemos os paises, desfacemos os formigueiros, e logo se nos pican as formigas decímoslles que traballen para nós gratis ou que se volvan para os formigueiros a onde xa as botamos antes...

AS CATASTROFES: As catástrofes, desgrazas, actos delitivos, conflitos xudiciais de todo tipo impactan continuamente a concencia dos cidadans até mantelos nunha especie de estado de pánico e intimidación contínuo.

Fixen unha pequena selección dos noticiarios da Galega perante catro días separando os titulares das novas diste tipo das outras, e o resultado é que as novas que meten medo son o triplo das outras. Algúns sustantivos exemplifican o impacto distes noticiarios que normalmente suman máis dunha hora nas horas de máxima audiencia: terrorismo, secuestro, motín, accidente, morte, delito, condea, asasinato, cadavre, paro...

O SILENCIO E A FALLA DE DEBATE CONTRASTADO:

O silencio é a falta de debate sobor dos fenómenos relacionados coa violencia  terxiversan a percepción dos feitos dun xeito que nunca acontecera. Na guerra de Irak ou de Afganistán somentes existen unhos culpábeis e por outra banda as forzas de ocupación non sofren ningunha baixa nin nengunha derrota esas imaxes están totalmente prohibidas.

Os medios de comunicación públicos e privados tratan estes fenómenos somentes dende a óptica dos poderes fácticos ocultando ou demonizando calqueira posición discrepante a ignorancia sobor de conflitos de máxima relevancia é total.

Con este asoballamento de propaganda ideolóxica facciosa, Europa e Occidente abonan o terreno para posicións de facto de extrema dereita. Cousa que xa se manifesta en varios países. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña