12:50 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-05-2011

Boto a faltar o debate a peito descuberto a propósito das certidumes que cada unha das correntes do nacionalismo tiña á altura dos anos trinta do século pasado

Risco como síntoma

Valorar (8)

BIEITO ALONSO FERNÁNDEZ


Vicente Risco


Non hai moito tempo que as páxinas para Galiza de El País acolleron un curioso debate a propósito da figura de Vicente Risco. Logo dun artigo no que Suso de Toro lle sacaba os untos ao escritor ourensán, algúns dos nosos próceres do pensamento deron en atacar ou apuntalar as sentenzas que  emitiu o autor de Non volvas, cunha indisimulada vehemencia. Pouco de novo, porén, saiu daquel rifirafe dialéctico máis alá de comprobar como pesan os estigmas do pasado cando se trata de construír un canon, literario ou ideolóxico, ao xeito, puro e limpo de simpatías sospeitosas. Purificar o pasado, facelo politicamente máis correcto, para construír un presente - e sospeito que un futuro - ideal, como un nobelo de lá nova co que tecer o noso traxe colectivo ao gusto da moda actual.

Descubrir a estas alturas, como dicía Manuel Outeiriño, que Risco escribiu parvadas non é desempeño intelectual de grande alcance. Non moitas máis, por certo, que outros pensadores de grande sona (caso de Ortega, poñamos por caso) e que sempre son  timbre de fondura e prestancia en certos ambientes académicos. O que en Risco é concomitancia co nazismo, terror ante a modernidade, e conservadorismo integral, noutros (e non son os menos importantes Jünger e Heidegger) non é máis que unha das múltiplas facianas da súa complexidade poliédrica. Sentada esta premisa inicial, a descualificación da súa obra ideolóxica, sobre todo desta, non é máis que a consecuencia inevitable. De aí hai quen infire outras críticas colaterais. Nun artigo desa xeira, Francisco Rodríguez ten advertido sobre a tendenciosidade daqueles que, aproveitando a ocasión, enzoufan a totalidade do movemento nacionalista galego nese lameiro de ignominia e atraso (mental, engado eu). É posible que así sexa nalgúns casos, pero eu teño para min que o asunto vai máis alá.

O problema político, non de Galiza senón de Risco, é un asunto de interese. E apunto dúas cuestións moi básicas: pode alguén ser nacionalista malia recoñecerse como conservador e cantas contradicións pode aturar o nacionalismo galego no seu percurso cronolóxico. Para o primeiro interrogante a resposta parece clara: Risco, Otero, Losada Diéguez e uns cantos máis puideron visibilizar, ao seu xeito e coas súas certidumes, unha  realidade nacional galega. Non é, de seguro, a que eu sosteño pero tamén é ben certo que sen as súas percepcións a miña conciencia nacional estaría tolleita. Agradaríame ter tempo para abondar nunha dúbida que quixera fose hipótese. Acaso  é máis avanzado defender un esquema ideolóxico liberal que rexeita radicalmente a diferenza, que nega a existencia dunha identidade colectiva, que converte ao individuo en socio forzado dun Estado que só o recoñece como "cliente". Ou podería ser percibida como progresista a actitude daqueles que, malia seren estigmatizados como elementos residuais do Antigo Réxime, rexeitaron abertamente a desterritorialización da nación, a súa liquidación como entidade colectiva (mesmo privándoa do nome, como acontece coa reforma provincial de 1833), por parte dos gobernos liberais españois.

E logo queda a cuestión das contradicións. Risco foi un medoñento (asunto matizado porque en 1936 "alguén" lle fixo chegar ameazas directas que o levaron a agacharse en Castro Caldelas), pero descoñezo que relevancia pode ter esa actitude vital para a anulación da súa traxectoria anterior; Risco tolerou, digámolo así, o franquismo porque nel primou a defensa das súas certidumes íntimas (orde, familia, relixión,...), pero tampouco chego a percibir a ignominia da súa actitude. Ao cabo, Risco non foi un Céline, colaboracionista do nazismo, xustificador do exterminio masivo, por máis que Risco expresara certa febre antisemita, polo demais moi estilada na Europa daqueles anos. Nin siquera foi un Filgueira, nin un Cunqueiro, santificado pola crítica literaria, malgré tout. Risco viviu e penou na contradición. Na súa persoal e na que padeceu a nación. Por iso non entendo ese afán purificador, mesmo no interior do propio nacionalismo. Por veces semella que o único afán dalgúns dos seus pensadores non é outro que expurgar as arestas dos - e das - que arrumaron unha idea colectiva para Galiza. Espilos das súas contradicións vitais e de grupo, e presentalos como seres dunha soa peza, cortados polo patrón ideolóxico que nos leva á decantación no nacionalismo hoxe realmente existente.

Non é Risco, por así dicilo, santo da miña devoción. Tampouco tiña porque selo. Pero boto a faltar o debate a peito descuberto a propósito das certidumes que cada unha das correntes do nacionalismo tiña á altura dos anos trinta do século pasado. Nas páxinas d´ A Nosa Terra, Risco, Vítor Casas e Otero deixaron para a posteridade unha acesa - pero leal - polémica sobre os camiños estratéxicos e tácticos que habería de percorrer o nacionalismo galego. Non está nada mal para un fato de reaccionarios pequeno burgueses. Quen nos dera.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña