08:11 Sabado, 20 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-05-2011

A enerxía nuclear, unha enerxía sen futuro (I)

Da WuWa, WunderWaffen a Fukushima

Valorar (15)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Teoría atómica


A principios do século XX os científicos europeos estaban na vangarda da investigación atómica, entre outras, mediante o desenvolvemento da mecánica cuántica por parte do físico Werner Karl Heisenberg.

O auxe do fascismo en Europa provocou unha emigración de eminentes físicos de orixe xudía cara aos Estados Unidos, entre os que se atopaban o alemán Albert Einstein, o italiano Enrico Fermi e os húngaros Leó Szilárd, Edward Teller e Eugene Wigner, todos eles posteriormente implicados nos proxectos atómicos americanos. Mesmo Einstein sería o encargado de escribir ao presidente Roosevelt para advertir do Proxecto Uranio, o programa atómico nazi, e procurar un adianto das investigacións aliadas. Despois de Hiroshima comentaría: debería queimarme os dedos cos que escribín aquela primeira carta a Roosevelt.

WuWa nazi

Ao tempo que as forzas militares nazis estaban sendo cercadas polo exército vermello dende o oeste e polas forzas aliadas dende a súa entrada no continente europeo, o discurso nazi baseábase fanfarronamente en fantasiosas ameazas do armamento total ou WunderWaffen, denominada a arma marabillosa, que cambiaría para sempre o rumbo desfavorable da guerra.

Americanos e rusos na persecución dos proxectos atómicos nazis

Sobre a xénese da enerxía nuclear hai máis ocultación e información clasificada que sobre calquera outro aspecto do nazismo. Durante anos desviouse a atención pública sobre a persecución dos xenocidas nazis polos comandos do Instituto de Intelixencia e Operacións Especiais de Israel (Mossad), e mesmo sobre o hipotético destino do propio Hitler baixo a hipótese do falso suicidio, para non tratar sobre outros temas de verdadeira importancia como a procura e o destino dos científicos nazis e os seus proxectos segredos.

A carreira soviética e aliada por facerse cos segredos militares nazis non descartaba todo tipo de métodos. A actuación do Comisariado do pobo para asuntos internos (NKDV) durante a batalla de Berlín foi crucial para desvelar os segredos militares nazis a respecto da enerxía atómica. A descomposición do réxime nazi provocaba vendas de documentos a cambio de novas personalidades. Xa se ten constatado que nalgún dos cadaleitos de coñecidos dirixentes nazis xacen corpos de soldados anónimos, como o caso do xefe da gestapo Heinrich Müller, relacionado co submarino U-234, oficialmente suicidado mais ausente da súa propia tumba, dato confirmado pola familia no ano 1973.

Oficialmente os avances atómicos nazis non levaron a nada, mesmo se indica que foron boicoteados polos propios científicos alemáns. Os aliados non perderon o tempo para levarse os científicos alemáns aos seus centros de investigación, entre os que se atopaban: Werner Heisenberg, Otto Hahn, Carl Friedrich von Weizsäcker e Max von Laue, mediante as Operacións Epsilon, Paperclip ou Alsos, de carácter segredo. A investigación atómica nazi trasladouse publicamente como un inefectivo acelerador de partículas ou ciclotrón, incautado polos soviéticos.

Proxecto Manthatan

Os americanos, no ano 1941, con participación británica e canadense, estableceron o Proxecto Manhattan, coordinado dende o Laboratorio de Los Álamos, e que tiña como fin o desenvolvemento da primeira bomba atómica. Dentro do mesmo desenvolveron a Operación ALSOS co fin de reconducir as investigacións do proxecto alemán de enerxía nuclear, impedir que os soviéticos chegaran ao equipamento persoal e produtos relacionados coas investigacións nazis e confirmar o alcance das investigacións dirixidas á creación dunha bomba atómica.

Os resultados foron unha grande cantidade de plutonio, mais a imposibilidade de facelo explotar. Serían os fusibles infravermellos confiscados a bordo do submarino U-234 os que darían coa solución. Así se chegou á primeira bomba Trinity estalada o 16 de xullo de 1945 en Alamogordo, Nuevo México e ás dúas bombas: a Little Boy, baseada no isótopo de uranio U-235, e de 14 kt de TNT, deixada caer sobre Hiroshima o 6 de agosto de 1945 e a Fat Man, con isótopo de plutonio Pu-239 e 20 kt de TNT, bomba deitada sobre Nagasaki o 9 de agosto de 1945. Mais cabe destacar que a primeira bomba non era de plutonio, nin fora probada, nin se coñecían os seus efectos. Cabe preguntarse se é que os investigadores eran coñecedores dos resultados das probas nazis co uranio, interrogantes realizados e clasificados segredos na documentación do xuízo de Nüremberg.

O director do proxecto foi Julius Robert Oppenheimer, que, posteriormente, se opuxo á carreira armamentística nuclear. Unha vez rematada a guerra, foi  acusado de desleal e comunista polo Comité de actividades anti-americanas.

Programa soviético

Igor Vasílievich Kurchátov lideraba o proxecto atómico soviético desenvolvido dende antes de 1940, pasando a ser clasificado e dirixido por Lavrenti Pávlovich Beria, xefe do servizo segredo en 1941, este proxecto levou un forte impulso a raíz das información dos espías rusos en Los Álamos.

No 1946 o propio Truman ameaza a Stalin do uso atómico ao non cumprir os acordos de Yalta e Postdam e ocupar o norte de Irán, a retirada da zona indica que os rusos non dispuñan da bomba a esa altura, até 1949, cando detonan a RDS-1, modelo semellante á Fat Man, en Semipalatinsk, nordeste de Kazajistán.

Posteriormente á posta en marcha do uso militar da enerxía nuclear Kurchátov trasladou os seus coñecementos ao uso pacífico desta tecnoloxía, opoñéndose ás probas nucleares, daquela os esforzos centráronse na xeración enerxética abrindo a primeira central nuclear de Obninsk no ano 1954.

A inoperancia atómica nazi

No ano 1939 os alemáns comezan o proxecto denominado Uranverein, Club do uranio. Tres grupos de traballo estábanse desenvolvendo simultaneamente. O primeiro, o oficial, do ministro Albert Speer, que baixo a dirección de Walter Gerlach e Kurt Diebner incluía tamén a Werner Heisenberg e a Otto Hahn. O seu traballo estaba orientado á física teórica pura.

Un segundo grupo dirixido polo ministro de Telecomunicacións, Wilhem Ohnesorge, en colaboración coa Wehrmacht e posteriormente coas SS, tutelando o traballo do Baron Manfred Von Ardenne, quen desenvolvería a separación do uranio enriquecido 235 mediante a centrifugación do hexafluoruro de uranio e os fusibles infravermellos, ambos encontrados polos aliados a bordo do submarino U-234, que partiu de Kristiansand, Noruega, con destino a Xapón cargado de armas secretas, e mesmo oficiais nipóns, e que foi interceptado polos aliados. Estes dispositivos foron pezas chave nas primeiras bombas americanas. Queda a dúbida se foi entregado polo xefe da Gestapo Müller a cambio dunha nova identidade deixando a Heinrich Luitpold Himmler sen bazas e abocado ao suicidio. Un terceiro grupo, comandado polo xeneral Friedrich Karl Franz Kammler, colaboraba coa Luftwaffe na creación dun programa nuclear independente, cun grao extremo de segredo. Finalmente sería Kammler que centralizaría a investigación militar. Este xeneral desapareceu misteriosamente e atribúeselle a entrega aos rusos do barón que desenvolvería a tecnoloxía atómica soviética e de Alemaña oriental, tanto militar como civil, no tratamento do cancro.

Zielvorschlag New York: obxectivo New York

En 1943 son detallados os plans nazis de ataque nuclear contra Nova York ideados pola Luftwaffe de Hermann Goering, onde se especificaban exactamente os valores do efecto dunha explosión nuclear, entre 14 e 18 kt, que coincidirían posteriormente coa intensidade en quilotóns da bomba que sería usada o 6 de agosto de 1945 sobre Hiroshima.

As xigantescas instalacións secretas nazis

Só na xigantesca instalación secreta militar denominada Jonastal S III traballaban, e malvivían, máis de trinta mil obreiros nunha cidade subterránea de vinte e cinco quilómetros de lonxitude. Máis tarde os rusos ocuparían esas cidades subterráneas, situadas precisamente sobre os ricos xacementos de uranio do sureste de Alemaña.

Os avances xaponeses

En 1936 Yoshio Nishina constrúe o seu primeiro ciclotrón e outros posteriores en 1937. O rumor que corría despois da guerra era que os científicos tiñan planificado unha proba atómica cerca de Konan o 12 de agosto de 1945, mais o 6 e o 9 de agosto os propios xaponeses sufriron, de xeito experimental sobre a humanidade, os efectos de dúas bombas atómicas diferentes. Ao final da guerra foron incautados varios ciclotróns e cinco reactores nucleares en construción en Xapón e Corea.

O modelo nuclear

Despois da Segunda grande guerra ábrese a verdadeira carreira nuclear coa supremacía estadounidense e a imposición do seu modelo nuclear: a socialización dos custes, do impacto e das consecuencias e a privatización dos beneficios.

A unión soviética aínda que coñecedora da tecnoloxía atómica, militar primeiro e civil despois, mantívose nun segundo plano optando pola carreira espacial e arrebatando os primeiros avances, até o paso lunar de Niels Armstrong en 1969.

A ocultación de información de onte e de hoxe

Mais décadas despois dos feitos, podemos preguntarnos cales son os segredos procedentes do Terceiro Reich tan celosamente agochados baixo a excepción á Acta de Liberdade de Información americana, e como é que aínda hoxe todo o relacionado coa enerxía nuclear sexa visto pola maior parte da humanidade a través dun velo traslúcido. E indo máis alá, que non nos contan de Fukushima?.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña