12:47 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-05-2011

O nivel de paro, en máximos históricos, sintetiza como a crise recae sobre a clase traballadora galega

Reservistas

Valorar (10)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Un meu coñecido comentábame hai ben anos como, a conta das liortas que nos debates sobre o estado da nación se montaban entre os diferentes partidos, ao final non lle ficaba nada claro quen tiña a razón. E non se refería á alta capacidade persuasiva dos discursos de cada orador, senón que, ante a avalancha de cifras e estatísticas brandidas dende a tribuna por uns e outros, aparente ou realmente contraditorias entre si, non sabía concluír se a nación estaba moi ben ou moi mal. No barullo de informacións emitidas, de ruído cruzado, ficaba hesitante e, polo tanto, paralisado. Este espírito inxel non lograra fornecerse de criterios nin chaves de análise para saber que calquera dado, amais de falsidades que non se poidan contrastar coa realidade empírica, pode verse alterado segundo sexa a escolla que fagamos, e consideremos períodos, totais, subtotais, comparativas máis ou menos acaídas, ou definicións de categorías. Ao cabo, farto de escoitar que todo ía ben pero que el non daba atopado traballo, resolveu afiliarse ao PSOE. Descoñezo como lle iría aló.

Titulan hoxe os medios que o desemprego baixou en Galiza e no Estado. Día si e día tamén vémonos asolagados por innumerábeis cifras, análises, comparativas para xustificar unha postura ou a contraria. Que mellor exemplo que un PP para quen os concellos e o Estado non fan nada contra o paro, pero que o Goberno da Xunta é do mellorciño que hai malia que non exerza as súas competencias en materia de emprego. Isto pode facer que ás veces as persoas non lles fique claro que é o que pasa e, en consecuencia, que é o que se pode e debe facer. Ora ben, as cifras de fondo no noso país -non as conxunturais dun mes ou outro, dunha determinada comarca ou dun sector concreto- son nidias e concluíntes: estamos ante unha situación de auténtica alarma que compromete a viabilidade da nosa nación e as expectativas de benestar dos galegos e galegas.

O desemprego é agora o indicador máis preocupante e significativo do fracaso neoliberal en Galiza. Os 250.000 galegos e galegas que procuran traballo e non o atopan supón a cifra máis alta da nosa historia. A consecuencia da crise financeira e produtiva, a destrución de emprego ten unha taxa de aumento do 5% anual. Do total de desempregados, 55.000 son menores de 30 anos, e a metade destes están moi formados, con titulación superior. Case a metade dos mozos e mozas menores de 24 anos están no paro (a taxa de desemprego xuvenil supera o 40%). Ou dito doutro modo, só 1 de cada 5 mozos de entre 16 e 24 anos traballan (51.300 ocupados/as para unha poboación total nese tramo de idade de 227.600 persoas), e deles un 40% teñen un contrato temporal.

Poucos matices caben a estas cifras aterradoras, proveñan da EPA ou do Servizo Público de Emprego. Quizais se pode matizar para peor, pois hai que saber que a contabilidade creativa das administracións está decote maqueando os dados, como a exclusión de preto de 50.000 persoas das listas de desempregados polo feito de estaren recibindo orientación para desocupados, realizando cursos de formación ou por poñer certos requisitos para vender a súa forza de traballo. Con todo isto o fenómeno da emigración volve coller forza en Galiza. En 2009 emigraron 28.091 galegos e galegas, o triplo có que se producía anualmente a comezos deste século. De novo son os mozos e mozas con formación, o tramo de entre 25 e 34 anos, o que máis emigra, máis do dobre que calquera outro rango de idade, e o valor máis alto das últimas tres décadas. Foron 450.000 galegos/as os que deixaron o país nos últimos vinte anos. Non se trata de cosmopolitismo nin unha suma de decisións particulares libres e coincidentes, estamos ante un auténtico fracaso como país, un desastre humano formado por proxectos vitais que non se poden desenvolver nunha terra rica en recursos.

Alén dos dados directos de desemprego e de emigración, un terceiro elemento a ter en conta para valorar o significado real de termos 250.000 parados/as é ver a estrutura e a evolución da poboación. Ao estancamento en 2,8 millóns de galegos e galegas residentes en Galiza súmase unha estrutura populacional cun acelerado avellentamento. Pasouse dun índice de envellecemento do 37,9 en 1975 ao 140,5 o pasado ano, chegando a un dos niveis máis altos a nivel mundial. Como é doado pensar, alén dunha esperanza de vida maior para os vellos e vellas, isto vén significar a total ausencia de relevo xeracional na inmensa maior parte do país e unha pirámide de poboación mal estruturada e con tendencia a agravar os problemas no futuro. Outro dado: o índice de dependencia senil case se duplicou nos últimos 35 anos (19,3 en 1975 a 33,4 en 2010).

Con todo o anterior, temos que os traballadores ocupados hoxe en día son preto dun millón de persoas, cunha tendencia acusada a diminuír nos últimos anos[i]. E esta poboación ocupada ten que soster dalgún xeito ao resto dos 1,8 millóns de galegos e galegas que por razóns de idade, de estárense formando ou de non atoparen un emprego non traballa. A nivel demográfico e económico faise moi difícil contar no futuro cun bo nivel de vida e cuns servizos acaídos para toda a poboación se continuamos a destruír emprego no mar, no agro, na industria e no sector servizos, como agora mesmo está a pasar.

E aínda así, son as rendas do traballo e as nacións periféricas como a nosa as que están a pagar as consecuencias da crise. Son os traballadores e traballadoras galegas quen deben transferir recursos económicos ao sistema financeiro. É Galiza quen debe renunciar ás ilusións de converxencia que algúns crían ver no proceso de integración europea, para asumir o empobrecemento e as esmolas que caen do Estado e de Europa. Todo, agás traballar e producir na nosa terra, aproveitarmos os nosos recursos naturais e humanos. Semella que fósemos un exército de reservistas chamados a participar en guerras que non son as nosas.

[i] Segundo a E.P.A. hai 1.080.700 persoas ocupadas na actualidade. O nivel de afiliación á Seguridade Social baixou dende 1.073.400 en 2007 até 984.497 persoas en 2010.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña