02:04 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-05-2011

Canaliza o teu desánimo e actívate! Non deixes que te desmobilicen porque a túa desmobilización é a súa vitoria

Carta a unha desencantada

Valorar (27)

DAVID PENA DÍAZ



Benquerida desencantada,

Ola miña anónima desencantada, preguntaraste que fago escribíndoche esta carta sen nen sequera coñecerte. Desculpa de antemán o meu atrevemento, mais se cadra temos máis cousas en común das que imaxinas. Permíteme, xa que logo, que me entrometa no teu fartádego, no teu desencanto e na túa frustración. Fartádego, desencanto e frustración polo mundo que che rodea, onde domina a inxustiza e onde todo parece estar escrito sen que caiba a máis remota posibilidade de mudar o curso da historia.


Permíteme, pois, compartir contigo esa mesma frustración que eu tamén teño. Cómo non frustrármonos cando vemos as taxas de desemprego e a crise económica que non cesa e como única medida salvadora só nos receitan axustes e recortes en gastos sociais e nos dereitos das traballadoras e traballadores! Cómo non frustrármonos co desfile de políticos corruptos que fan que cada día haxa unha fenda máis grande entre o sistema de partidos e a cidadanía! Cómo non frustrármonos ante un goberno que tiña por bandeira a creación de emprego cando cada día as oficinas do INEM teñén máis usuarios, un goberno que renega de galego e que mira para outro lado cando se defender a nosa calidade de vida e signos de identidade se trata! Cómo non incomodarnos ante un poder xudicial absolutamente dependente e con fondas servidumes -disque existe separación de poderes. Sí, os poderes están separados mais o PSOE e o PP teñen a custodia compartida e un réxime de visitas moi equilibrado!-


Sei que dá noxo ver as listas do PP ateigadas de tránsfugas e corruptos mentres por obra e graza dunha lei de corte fascista se inhabilita ao alcalde de Arzúa. Sei tamén que a ti, como a min, desanímate a inexistencia de pluralidade e democracia nos medios de comunicación públicos así como o golpismo mediático do principal grupo de comunicación privado que se di galego. Son consciente de que che atafega pensar en que todo un Premio Nobel da Paz -un tal Obama- acaba de ordear e aplaudir a execución extraxuducial dun inimigo de Occidente que antes fora un gran amigo dos EUA en contra do comunismo, cómo tamén acaba de xustificar o uso de torturas nos interrogatorios... Qué mundo verdade? Qué xeito de prostituir o Premio Nobel e qué xeito de prostituir a palabra PAZ!


Sí, xa o sei, se sigo ímonos desanimar, imos acababar dicindo iso de que "Todos os políticos son iguais", mais ti sabes coma min que iso non é certo nen xusto. Porque hai alternativa, porque afortunadamente non todos son iguais. Mira o BNG sen ir máis lonxe! Non temos que buscar a alternativa moi lonxe da casa!


De seguro que coñeces persoas involucradas no activismo político que teñen como única bandeira a de Galiza e como único obxectivo o de servir aos demáis, sen contraprestación algunha.


De seguro que tes reparado en que mentres o PP e o PSOE competían e compiten en ver quen é máis servil aos mercados e ao gran capital, só o BNG saía á rúa ao carón da clase obreira nas dúas recentes folgas xerais. Terás tamén reparado en que só o BNG, de todo o arco parlamentario galego, opúxose á reforma do mercado laboral, ou cómo só o BNG criticou e votou contra a operación militar en Libia. Sí, sí, en solitario! Esta vez a "progresía de salón" e o "famoseo" preferiu apoiar a guerra e deixar na gaveta as pancartas e os colantes. E non reparas tamén en que só o BNG ten a coherencia de defender o mesmo aqui, en España ou en Europa?


A que o teu miolo xa está a remoer en todas estas cousas que che estou dicindo? Canaliza o teu desánimo e actívate! Non deixes que te desmobilicen porque a túa desmobilización é a súa vitoria.


Veña, despídome. Se cadra véxoche estes días nalgún mitin do Bloque!



1 2 seguinte

[08-05-2011 11:37] Antonio das Mortes comentou:

Do ponto de vista político-electoral somos unha das minorias, aquí e agora, máis non temos medo nen renunciamos a acción política e de xestión transformadora, na medida das nosas forzas que son, en termos relativos e cuantitativos, poucas.
Máis non renunciamos a emancipación nacional e social do povo galego, e o día 22 daremos outro paso nesa andaina, aue será obra do povo mesmo; porque somos, estaremos.

[07-05-2011 14:46] Fe notarial comentou:

As promesas de Xaime Bello para Ferrol e de Castrillo para Vigo tamén as levou o vento. Estamos cansos.
Necesítanse contratos con fe notarial como mínimo. A xente xa non se fía de ninguén.

[07-05-2011 13:05] Xoana comentou:

Benquerido amigo David:
Que tan ben me coñeces! Estou tan, tan cansa…
Sen embargo teño que diferir de ti en algunha cousa, porque tamén estou casa da desidia. Vivo nun pobo no que auténticos delincuentes asumen o noso goberno. Atan, desatan e arranxan ó seu antollo e ninguén, repito, ninguén lles pon traba. Mercan á xente con contratos absurdos aproveitándose do medo ó desemprego. Baleiran as arcas municipais contratando obras e servizos innecesarios a empresas amigas que engordan os seus petos a conta dos nosos impostos. Inxurian, castigan e enmerdan a todos aqueles que non comulgan co seu credo. Escúdanse na situación de crise para escusar os seus desfalcos. Ondean a bandeira do seu reino sen respectar lei nin procedemento outorgando a terceiros, previo pago, falsos dereitos que co tempo somos todos os que pagamos. E namentres, que pasa co resto? Chegados a este punto para min é case tan culpable o que cala e, polo tanto, consinte. Porque se a xente cre e está enganada, non debe haber alguén que a esperte? Non é xusto que se prometemos ser distintos, ser críticos, darnos ós demais, ser así sempre? aínda fóra de campaña? aínda cando nos toca estar na sombra? Porque penso que os que aínda temos fe e cremos na alternativa merecemos iso incluso na derrota. Merecemos que defendades o defendible (ninguén vos pide milagres), que loitedes contra todos eses “sis” dos gobernantes corruptos e amosedes á xente que non poden venderlles os que xa son os seus dereitos, nin xogar con eles a ser deuses ós que render pleitesía posto que de certo son servos do pobo que é quen os elixe e é quen os bota.
Pero si, amigo David, estou de acordo contigo. Hai alternativa. E aínda que algúns días me costa, non perdo a esperanza.

[07-05-2011 00:50] crítica ecuánime comentou:

Recoñezo que son, sen lugar a dúbidas, moi crítico (mesmo hipercrítico ás veces) con algunhas das políticas do chamado bipartido e que, efectivamente, recoñezo erros (xeralmente de forma, mais algún tamén de fondo) na política desenvolvida nalgúns concellos desde o goberno. Porén, ao mesmo tempo, sei diferenciar -e penso que cómpre facelo -entre "algúns" e "moitos", que non son a mesma cousa. O BNG cometerá erros, porque estes son consubstanciais a calquera proxecto colectivo, mais por sorte para o país está moi a anos luz -e con el a inmensa maioría das súas xentes e dos seus cargos electos -tanto do PSOE como do PP. Coido que mesmo na crítica cómpre sermos tamén un pouco ecuánimes.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña