00:56 Mércores, 05 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-05-2011

O relevante é que, a causa da incapacidade da Xunta e do seu Presidente, a nosa situación social e económica empeora

Guerra sucia

Valorar (14)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



Nas rúas de Compostela aínda resoan as consignas do 1º de Maio. "Polo Emprego. Non as reformas do capital". Máis de 200.000 persoas desempregadas son un bo motivo para estar nas convocatorias da CIG. Os últimos datos do paro son a proba do fracaso das reformas en curso edo acerto do nacionalismo -sindical e político- á hora de criticalas e combatelas. Porén, as forzas estatais persisten en aplicar receitas que non serven para atallar esta situación. É xa descarado e evidente que o único que queren salvar é un modelo económico fracasado, que está levando a un incremento das desigualdades sociais e a inxustiza.

Con este panorama empezamos a conta atrás das eleccións municipais. Neste contexto de crise, sería esperábel -ou desexábel -, un esforzo das forzas políticas por explicar as diagnose sobre a mesma e as alternativas para superala. Ideas e propostas semellan o mellor antídoto para enfrontar a apatía e a desconfianza na política. Lamentábelmente, moito me temo que isto non vai ser o que aconteza. Todo o contrario. Estamos na antesala dunha campaña na que a corrupción, a política do "ti máis", o intento de descrédito do contrario e a difamación, van ter un protagonismo importante nas campañas deseñadas polo PP e polo PSOE. 

O acontecido en Arzúa é un exemplo. Xaquin García, alcalde do BNG, sufriu unha política de acoso e derrubo durante toda a lexislatura. A oposición do PP nunca se  centrou en ofrecer as súas propostas para o concello. O fío conductor da súa opisición foi a difamación e a inxuria. Nunca puideron probar nada. Moi á contra, as súas mentiras ficaron en evidencia. Tamén, as prácticas chantaxistas do seu candidato, director da radio municipal.

Mais unha vez que estas saen á luz pública, cal é a reacción do PP? Mudar o seu candidato por comportamentos imcompatíbeis  coa ética que debe presidir na política? Non. Nada diso. Opta por retorcer a aplicación da lei para impedir que o alcalde de Arzúa opte á reelección. É o PP quen reclama contra a lista do BNG solicitando a aplicación dunha modificación legal "pensada" para casos de terrorismo. Unha modificación, pactada por PP e PSOE que tivo o voto en contra do BNG nas Cortes. Este compartamento, grave en sí mesmo, roza  o esperpento, cando piden a inhabilitación de Xaquin García por unha irregularidade que cometeu un alcalde anterior do PP.

Esta estratexia non se ideou na localidade de Arzúa. Ten os seus instigadores e ideólogos na dirección do PP, co Presidente á cabeza. "Sorprende que a algunos partidos les parezca mal que se inhabilite a candidatos condenados." Son palabras de Feixoó. Como sempre, retorce a realidade e dalle as súas bendicións a comportamentos e actitudes que fican lonxe da ética e os principios democráticos. Mais xa sabemos, o lema de Feixoó é que, na política todo vale, con tal de chegar ao poder. A guerra sucia é a súa especilidade.

Preparémonos pois para unha campaña sucia, na que o PP intentará embarrar o campo de xogo. Enlearnannos con acusacións de corrupción, de despilfarro, de deslexitimación do funcionamento democrático... porque mentres nos entreteñen con estas cousas, o importante pasa desapercibido. O importante é que desde que Goberna o PP na Galiza destrúese máis emprego, os nosos sectores productivos están en crise e a mocidade ten que emigrar de novo. O importante é enfrontar a política de desmantelamento dos servizos públicos, defendendo un ensino e unha sanidade que non deben ser privatizadas. O relevante é que, a causa da incapacidade da Xunta e do seu Presidente, a nosa situación social e económica empeora. Responder as difamacións é necesario, mais que non consigan distraernos do importante: demostrar que en Galiza hai unha forza política alternativa, o BNG, a única garantía de futuro para a nosa nación.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña