04:43 Luns, 06 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-04-2011

Alguén privou a grande parte da poboación dunha rica tradición, que se pode revivir e actualizar

Retrinco cultural

Valorar (28)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Con certa estupefacción, malia ser previsíbel, comprobei como, nos últimos anos, algunhas asociacións de veciños de Ferrol organizaban Ferias de Abril, con impostura imitativa, á maneira sevillana. Souben, máis tarde, que tamén nos seus locais se impartían clases de sevillanas, sempre empregando fondos públicos. A do barrio no que vivo non ficou atrás. Vén de incorporarse a esta devoción mimética, que nos achega ás esencias da españolidade: ¡pobres colonizados, debemos afogar todo vestixio do noso pecado orixinal galego, lavándoo coa graza e o "salero andalú". Unha caricatura.

El será que esta devoción responde a unha moda que aparece como espontánea e sen maior significado para quen a promove? Endexamais o crin. Agora, menos. Nunca a Asociación de Veciños do meu barrio fixo uso por escrito do noso idioma, o galego, nin na documentación nin na propaganda. Pois, miren por onde, acaba de me sorprender usándoo para anunciar, polo menos nalgúns pequenos cartaces, a Feria de Abril coas súas sevillanas. Prodúcese así unha retorta intencionalidade. Queren pór unha venda para non sentirmos a ferida. Porén, a ferida resulta aínda máis fonda. Desexan agochar e encubrir a impostura cultural, afondando na burla e na desconsideración. Algunha conciencia teñen de estaren a promover algo que debe ser velado, marxinalmente, cunha careta galega. Xa se sabe, iso de nós máis galegos que ninguén...

Aproxímanse as festas dos maios. Aínda unha tradición viva no meu barrio, Canido, mantida á marxe e malia as modas miméticas e os desprezos da españolidade. Lamentarei, máis do que nunca, non ser quen de cantar cantigas e bailar os bailes do meu país. Alguén privou a grande parte da poboación dunha rica tradición, que se pode revivir e actualizar. Sei que é a miña e a orixinal do meu pobo. Como moitos outros veciños e veciñas, engalanarei o meu balcón con flores e, nesta ocasión, cunha obra gráfica de Castelao. Mesmo, se se dá o caso, deslizarei, con torpeza máis  con empeño, os meus pés e moverei o meu corpo e os meus brazos, ao ritmo da gaita, o pandeiro e o tamboril, cando menos, que non han de faltar en forma de alborada, muiñeira ou xota, como outros anos...


[03-05-2011 14:59] Canción do Tren de Ferrolterra comentou:

Canción do Tren de Ferrol:

"Pasou a ponte de Xubia
a toda máquina a todo andar
o Tren veloz de Ferrolterra
o Tren patriótico e nacional-popular.

Chu-cu-chá.
Chu-cu-chá.
Chu-cu-chá."

[29-04-2011 00:04] Anecdotas comentou:

Anecdotas, malia a que está a caer: crise económica, desemprego, emigración, destrución do medioambiente, etc.
Onde están as reflexións teóricas -xa non se fala da prática- do novo nacionalismo galego do século XXI que hai que construír? Vannos resolver Curros e Rosalía a papeleta?
Se queremos sermos lembrados polas herdanzas, que sexan sólidas.

[26-04-2011 08:30] Abelardo X del Caño comentou:

Boas! Xa esta pratica levouna adiante o sátrapa Vazquez na Coruña. Todo-los anos, un sí e outro tamén "Feira" de Abril nos Cantóns (Toma xa!!) Mais como tí ben sabes isto non é mais ca punta de lanza da cruzada contra o noso País que levan adiante dende a dictadura que escomenzou co golpe do 36 ate hoxendía! Non gosto do termo "auto-odio" pero recoñezo que istas actuacions son o mais parecido que podemos atopar a ise siñificado! Sorte que, algúns torpes "danzantes" coma tí e coma mín...e como outros moitos mais... brincamos mais co son da gaita e o pandeiro que co da quitarra (perdoa miña sogra se estas a ler isto.. xa sei que en Sevilla é Sagrado!)

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña