08:52 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-04-2011

A cuestión que me fai dubidar é se as persoas que temos interese en ver un filme en galego o facemos por puro exotismo

Crebinsky ou o exotismo do cinema en galego

Valorar (17)

IRIA TAIBO CORSANEGO


Fotograma de Crebinsky


Esta semana, aproveitando o tempo libre das ferias, fun ao cinema para ver Crebinsky. Escollín ese filme, entre outras cousas, porque estes días está de visita na Galiza un amigo catalán que quería asistir a algún acto cultural en galego.

Este amigo e máis eu conversamos habitualmente comparando a situación política, social e sociolingüística catalá e galega. Nesta ocasión, falabamos sobre o debate que se está a dar nos últimos meses en Cataluña en relación coa Lei de Cinema. Mentres aló hai unha lei aprobada (que aínda non está en vigor) que obriga á distribución dobrada ou lexendada en catalán do 50% das copias dos filmes exhibidos, aquí podemos asistir a un ou dous filmes ao ano en galego, con sorte. E cunha notábel diferenza de condicións.
Para podermos ver Crebinsky, procuramos na carteleira coruñesa. Actualmente na cidade hai 4 cinemas con múltliples salas, só o atopamos nun deles. En concreto, nunha das salas máis pequenas da cidade.

No flamante Marineda City, cosmopolita como poucos, hai hoxe 18 filmes en exhibición. Mellor dito, hai 17 filmes, e un deles (Río) ten tamén versión en 3D. Por poñer algúns exemplos, no novo centro comercial (sen ningún complexo, tal e como reza a publicidade que nos invade literalmente por todo o país e por todas as vías), podemos ver Torrente 4, Justin Bieber ou Águila Roja: La película. Non son eu quen para dicir que estes filmes son mellores ou peores que o outro. Sen dúbida, o exhibidor podería argumentar, no caso de que se vise obrigado a xustificarse pola ausencia de Crebinsky, que son eses e non outros os filmes que o público require. Eu non me atopo con argumentos para negalo. Mais o que si me dá que pensar son os motivos polos que o público procura uns filmes ou outros.

Explícome: eu vou á carteleira e procuro Crebinsky e non Torrente porque sei que ese filme foi rodado en Galiza, cun equipo galego e penso que tamén foi feito en galego. Ademais, porque me interesa e porque por diversos motivos podo sentirme moito máis identificada coa historia que conta o primeiro, sen ningunha dúbida. Gústame saber que teño a posibilidade de ver filmes con esas características e só por iso xa me interesa, ademais de que o argumento ou outros elementos poidan chamarme a atención. Mais aquí fago un inciso: quixen confirmar a lingua do filme, mais non conseguín acceder a esa información nin a través da distribuidora nin a través da propia carteleira. Mesmo cando chamei ao teléfono da reserva de entradas ofrecíanme a posibilidade de ser atendida tendo que escoller entre castelán ou catalán... Tentando ser obxectiva, non podo evitar pensar que parece que o feito de que o filme estea en galego non é un motivo de orgullo, senón máis ben algo do que non é conveniente facer moito alarde. E pode ser que tampouco interese que se coñeza demasiado ese detalle.

Voltando ao tema, a cuestión que me fai dubidar é se as persoas que temos interese en ver un filme en galego o facemos por puro exotismo.

A LEI CATALÁ

A lexislación da que falaba co meu amigo catalán é moi criticada polos distribuidores e por algúns medios que din estar do lado do público. Precisamente esa defensa parte da base de que a xente elixe libremente ou debería poder facelo, e se o cinema en catalán non ten máis público é porque naturalmente debe ser así. Parece que o cinema en dobrado ou lexendado ao catalán provoca un rexeitamento natural na cidadanía, do que as distribuidoras están dispostas a protexelos (por un módico prezo).

Polo visto, quen asiste a ver un filme algunha sala comercial catalá ten que aturar un dramático e demagóxico anuncio que asegura que a nova lei do catalán en breve impedirá que o público poida ver filmes como ese. Seguramente hai formas máis refinadas de tentar manipular unha opinión pública. Os distribuidores piden que a Generalitat compense ás salas que programen en catalán (asumindo que é unha especie de "castigo"), facéndose cargo das perdas que ocasione esa obriga. O que di a lei é que o 50% das copias dos principais filmes (os que exhiban a partir dun certo número de copias) terán que estar obrigatoriamente dobrados ou lexendados en catalán. O que se deduce deste anuncio é que estas empresas non están dispostas a perder unha mínima marxe de beneficio por causa desta lei, ademais de dar por feito que perderán diñeiro coas copias en catalán, algo que non tiveron a oportunidade de comprobar. Tamén suxiren, en varios foros, que (a xeito de chantaxe preventivo) poderían pór en circulación menos copias para evitar ter que cumprir a lei, poñendo a venda antes da ferida.

Esa lexislación parte da base de que o catalán precisa, para estar en igualdade de condicións, de medidas amplificadoras. Esixir o 50% só implica paridade real entre as dúas linguas cooficiais. Unha das súas maiores virtudes, desde o punto de vista da lingua catalá e da súa visibilidade, é que grazas a esa lei os filmes máis comerciais terán que estar á disposición do público tamén en catalán, evitando así que esa lingua fique só para un público máis concienciado.

Se Crebinsky tivese a mesma visibilidade que Río ou Justin Bieber non tería o mesmo número de espectadores?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña