01:06 Domingo, 17 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-03-2010

A ideoloxía aznariana aplicada ao urbanismo

Modificación da LOUGA

Valorar (8)

CÉSAR MOSQUEIRA LOURENZO



Se alguén pensa que a xenreira antigalega e a ideoloxía retrógrada do actual Goberno da Xunta do PP só se manifesta na persecución da nosa língua e nas medidas sociais, estaría profundamente equivocado como vimos co Plan do Litoral. Na Modificación da Lei Urbanística (Louga), proposta xa nos primeiros meses do novo Goberno, volven a aflorar con forza os mesmos principios ideolóxicos aznarianos. 

Cando o PP chegou ao Goberno do Estado no ano 96, con Aznar de Presidente, unha das primeiras medidas foi a liberalización do solo. Estamos ante unha reedición de aquel comportamento aznariano que tan malos resultados dou tanto dende o ponto de vista económico, como ambiental e paisaxístico. As vellas receitas ultraliberais que nos levaron a tremenda crise actual, tanto económica como ambiental, volven a inspirar ao PP de Núñez Feijoó, incluso en contra do que asinaba e defendía hai 5 anos cando era Conselleiro con Fraga.  

Nas súas liñas mestras é unha proposta de modificación profundamente ideolóxica, ultraliberal e nada respectuosa coa tradición e coa realidade galega


A deriva ideolóxica do PP galego e o seu sometemento ás conceicións mais retrógradas do aznarismo e das FAES quedan patentes nesta proposta de modificación. Na práctica supón unha volta atrás, á situación existente arredor do ano 2000, é decir, liberalización do solo, urbanizacións ciscadas no territorio, relaxación absoluta das condicións para poder edificar, rebaixa na dotación de servizos, equipamentos e dotacións, desorde urbanístico, perda do obxectivo de protección do medio rural, amnistía urbanística. 

Os avances tímidos no tratamento do territorio, no medre ordenado e sustentábel, na mellora de dotacións, na recuperación de tipoloxías, van desaparecer totalmente con esta modificación volvendo a situación de hai 10 ou 15 anos.
 

Aparte do trasfondo ideolóxico evidente, estase lexislando para  "facer posíbeis" no caso de non estaren feitas ou "legalizar" no caso de que estean executadas, actuacións manifestamente ilegais. Nos próximos meses asistiremos a un goteo de desbloqueos e legalizacións de proxectos irrespectuosos co medio ambiente, co contorno rural e litoral e coa protección da paisaxe. Xa se iniciou este proceso coa aplicación da transitoria 2ª para "amañar" o desaguisado de Barreiros; seguirá. 

É unha modificación que ademais da súa carga ideolóxica ten moitos artigos redactados á medida de quen tivo capacidade de influir para que se lle "legalizasen" as súas infraccións.
 

CONTIDO DA MODIFICACIÓN  

1/ Detrimento do público en favor do beneficio privado
- Suprime o criterio interpretativo beneficioso para a maior dotación de espazos públicos e maior protección ambiental. Artigo 6. - En caso de rúa pública enriba de estacionamento privado elimina a obriga de garantir a súa funcionalidade e bó estado. Artigo 47.8. - Permite urbanizacións sen dotacións de espazos públicos. Artigo 13, 24, 28 e DT 1ª. - Modifica a definición de solo urbano podendo pasar a esta categoría o que tradicionalmente non o é. Artigo 11. - Permite catalogar como núcleo rural grandes áreas de rústico que polas súas condicións ambientais e tipolóxicas nunca poderían ser edificábeis coa actual Lei. Artigo 13. - Favorece a proliferación de seudo-urbanizacións ciscadas e sen servizos básicos. Artigo 24, 28, e DT 1ª. - Os habitantes do rural teñen garantidas as ratios mínimas de dotacións e espazos libres, empiorando a súa calidade de vida. Artigo 47.1. - Suavízanse (no núcleo rural común desaparecen) as esixencias de adaptación ao ambiente e tipoloxía propia do rural das novas edificacións.  

2/ Favorece a desvertebración dos asentamentos no territorio
- Antes de nada habería que aprobar as Directrices de Ordenación do Territorio e adecuar a Lei ao seu contido. - Elimina a parroquia (xa timidamente contemplada actualmente na Lei) como entidade vertebradora da convivencia e prestación de servizos comúns (culturais, deportivos, zonas libres,....) para os veciños e veciñas. Artigo 56 e 72. - Xa non considera como solo rústico de protección forestal os montes públicos e os montes veciñais en man común. Artigo 32.- Suaviza a protección da legalidade no solo rústico, limitando prazos para o exercicio das accións para restaurar a legalidade e declarando unha amnistía urbanística. Elimina tamén as trabas que teñen os infractores á hora de inscripcións rexistrais, etc. Art.  210, 103, Tr.3ª.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña