08:25 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-04-2011

Unha novela complexa, co proceso de destrución da sociedade galega rural de fondo

A poutada do Oso, de Lois Diéguez: o conflito entre o que fomos e o que somos

Valorar (11)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Portada do libro "A poutada do oso" de Lois Diéguez


Desde 1930 temos na nosa literatura unha obra fundamental para coñecermos a peripecia dun intelectual cosmopolita que despois de renegar de Galiza e viaxar a outros países europeos procurando a universalidade europeísta, remata por atopar o seu propio país, afirmándose na súa lingua, na súa cultura e na súa historia. Este intelectual crítico, escéptico, egocéntrico, desnortado, cheo de elitismo e irracionalismo, é un home que despreza ou, cando menos, non lle dá valor ao seu lugar natal e á súa propia cultura, un home que na súa etapa de formación académica non sentira preocupación ningunha polos problemas de Galiza nin unha sensibilidade especial pola paisaxe, a historia e a cultura da súa Terra, mais que ao final, tras tanto desacougo espiritual, tras tanta loita interior, tras vivir a traxedia persoal de ser universal e ao mesmo tempo de non ser de ningures, realiza a viaxe de regreso ás súas orixes, como o Ulises homérico, e neste caso incluso coa decidida vontade de converterse nunha persoa comprometida co combate polo seu país. Dalgunha maneira morre o home á procura da cultura universal e nace o intelectual galego consciente de ser tal cousa. Estamos a falar, como xa o lector e a lectora sabe, de Adrián Solovio, do protagonista da novela Arredor de sí, de don Ramón Otero Pedrayo. Realmente estamos a falar da propia autobiografía de Otero Pedrayo, mesmo da biografía intelectual dos homes da Xeración Nós, daqueles homes que peregrinaron por culturas alleas, nas que nunca se atoparon, para finalmente descubriren a realidade oculta do seu país e a súa propia identidade galega, baseada nunha cultura popular de raíz campesiña e nunha civilización rural que comezaba a estar en transformación. Todo isto moi ben recollido en Arredor de sí, pero tamén no ensaio de Vicente Risco Nós, os inadaptados. O regreso de Adrián Solovio ás súas raíces e a identificación plena co seu país é a resposta ao seu profundo desacougo, o encontro consigo mesmo e con Galiza, a conquista da súa propia personalidade. Esa é a gran lección que nós temos que aprender de Adrián Solovio, é dicir, de Otero Pedrayo. Esa é unha lección que se aprende unha vez e para sempre.

Agora Lois Diéguez (Monforte de Lemos, 1944) acaba de publicar en Edicións Laiovento unha novela que ten certas semellanzas con esta obra oteriana no seu significado máis profundo. Lois Diéguez en realidade vén de escribir en forma de novela o Retrato do colonizado, de Albert Memmi, que é xa un clásico do pensamento desalienador. O Adrián Solovio de Arredor de sí é aquí Iván Marrube, mais o Iván Marrube non é o mozo intelectual que protagoniza a obra de Otero Pedrayo. Tampouco Iván Marrube viviu a súa infancia e adolescencia nun pazo da bocarribeira do Miño, como Adrián Solovio. Iván Marrube naceu e criouse no seo dunha familia labrega, humilde, nunha aldea do Val de Lemos, en Outeiro, entre as vacas, comendo cun amigo na maseira dos porcos, sufrindo a risa dos outros nenos cando pronuncia as primeiras palabras en castelán na vella escola de Outeiro e levando en si desde entón a vergoña de ser fillo de campesiños. E cando coñece a Edith, unha moza doutro estatus social, filla de Antonio Garza de las Heras e estudante de Arquitectura,  Iván queda cegado por esta rapaza, polo esplendor do seu corpo, do pazo e dos negocios do pai. Aí inicia Iván Marrube a súa metamorfose e a fuga do rural e de todo o que até ese momento conformou a súa vida. A partir de aí empeza a pensar nun futuro afastado da aldea e dos pais -dos que sinte verdadeira vergoña-, e rompe incluso a relación coa que era xa a súa moza desde había algún tempo,  Rosa, con quen gozara dos momentos máis intensos e alegres da súa mocidade. Ese camiño que el colle lévao a fuxir da aldea, a vivir no mundo urbano da cidade da Coruña, onde acaba sendo un recoñecido publicista, e, naturalmente, lévao a renegar das súas raíces, do seu idioma, da súa xente, a ser, en definitiva, un yupi, e tamén a vivir o desacougo, a neurose, o conflito entre o que foi e o que é, entre o que oculta e o que de verdade sinte. E igual que sucede en Arredor de sí coa personaxe de Adrián Solovio, o que mellor define a peripecia de Iván Marrube non é a fuga, neste caso o seu proceso de colonización intelectual, senón a súa viaxe de volta, o seu regreso ás raíces, ás súas orixes, por motivos moi diferentes aos de Adrián Solovio e cun punto de chegada que non vai ser tampouco satisfactorio, como si é na novela de Otero Pedrayo. Mais o camiño de regreso de Iván Marrube é o mesmo camiño que fixo Adrián Solovio na novela de Otero Pedrayo: o reencontro consigo mesmo e co seu mundo, gozoso na obra de Otero Pedrayo, doloroso na obra de Lois Diéguez.

Hai aínda algúns puntos máis de semellanza entre unha e outra novela, como é a nova ollada de Adrián Solovio e de Iván Marrube sobre o mundo rural e sobre a paisaxe, que realmente é o primeiro paso que dan os dous protagonistas no camiño de regreso ás súas orixes. E tampouco podemos ignorar que estamos ante dúas novelas de tese, de contido ideolóxico, de vontade didáctica, cunha clara función educadora. Mais aí rematan as semellanzas entre unha e outra novela.

Para empezar, a obra de Otero Pedrayo, como xa se ten sinalado en múltiples traballos, é unha novela paradoxicamente de valores non especificamente novelescos, unha narración-ensaio, sen acción, case sen diálogos e cun único protagonista, e, por outra parte, é unha novela culta, chea de erudición e con abundantísimas referencias a escritores, músicos, pintores e filósofos de todos os tempos e de todos os países. Pola contra, a novela de Lois Diéguez é unha novela con maiúsculas desde o punto de vista do xénero literario, unha novela con estrutura de novela, con moito diálogo, complexa, con dúas personaxes principais (Iván Marrube e Rosa), mais tamén con personaxes moi importantes que aparecen nalgún momento da historia (o Maxím, Matilde Garza ou a señora Dosinda, por exemplo), e con outras moitas personaxes que enriquecen o universo social do texto, que non é outro que a sociedade galega de hoxe e o cambio social das últimas décadas no noso país, e de fondo, o diálogo e as semellanzas entre culturas e formas de vida xeograficamente lonxanas, a relación entre persoas de moi diferentes países, a súa riqueza ou a súa miseria humana e cultural, e todo isto conformando a visión dunha sociedade rural en proceso de destrución, conformando tamén unha mirada da sociedade urbana actual, así como a contraposición entre ambos mundos, entre a aldea e a cidade, entre a verdade e a forza do mundo rural e a mentira e a deshumanización do mundo urbano, en definitiva, a realidade da nosa nación desde unha perspectiva social, cultural e política a través de diversas personaxes e da metamorfose individual e colectiva, deixando tamén a porta aberta á esperanza, á continuidade do país, ao futuro, que, en calquera caso, despois de ler a novela, xa sabemos que non pasa por individuos colonizados como Iván Marrube, senón por outros protagonistas da novela, como poden ser Iago e Noemí, esa nova mocidade que xa non vive no conflito entre ser dun mundo ou do outro, nin tampouco na vergoña e no desprezo do seu pasado, das súas orixes rurais. 

Velaquí unha novela que profundiza na realidade colonial do país, no abandono e na morte do campo, na neurose dos que renegan da súa xente e da súa propia cultura e na forza que ten nos seres humanos a emoción e todo aquilo que amamos nalgún momento da nosa vida. Velaquí tamén unha novela que explora os labirintos da vida e da sociedade actual.

Aínda que a novela ten esas dúas personaxes principias (Iván Marrube e Rosa), realmente a personaxe que atravesa como un río profundo toda a historia é Rosa, é a personaxe que ten máis forza, que atormenta e desacouga ao outro protagonista, que remove a súa conciencia, que entra como un vendaval na súa nova vida, que o cambalea e o fai regresar ás súas orixes, e faino a partir da visión fugaz do que Iván pensa que pode ser o rostro de Rosa no Entroido de Salcedo, e faino a través dunha foto que Iván Marrube contempla inesperadamente ao pasar por un dormitorio na casa do Iago, o amigo da súa filla, da familia Chamoso, que é outro epicentro da novela; e faino a través do recordo das súas vivencias íntimas con Rosa, que pensaba xa para sempre mortas e que agora regresan vivas ao seu corazón e o emocionan de novo; e faino a través da verdade que descubre no reencontro co amigo da mocidade, co Maxím, ou nas conversas que mantén coas poucas persoas que atopa na súa viaxe de volta á aldea despois de tanto tempo. Rosa entra de novo na vida de Iván Marrube mesmo a través dos soños e do delirio. Rosa é, ademais, a personaxe que ilumina toda a novela, incluso desde a sombra da súa presenza, a personaxe que de verdade fascina e intriga ao lector e á lectora, e faino, ademais, case sen formar parte da acción, sen estar de forma clara entre as persoas que dialogan ao longo da novela. Mais Rosa está en moitas desas conversas, no que se di ou no que se deixa de dicir. Rosa é verdadeiramente a personaxe central da novela. Sen a personaxe de Rosa, o texto ficaría nun retrato do colonizado sen auténtico pulso narrativo. Rosa é o regreso á vida, á emoción, ao gozo, á felicidade, ao que perdemos, ao que queremos desesperadamente recuperar e xa non está. E Iván Marrube reencóntrase consigo mesmo buscando a Rosa, igual que se reencontra coa súa aldea buscando nas terras lonxanas de África o que está na súa raíz labrega e permanece vivo na súa memoria agora recobrada.

A poutada do oso no Entroido de Salcedo, no inicio da novela, no primeiro capítulo, é unha poutada na conciencia, na memoria e na vida de Iván Marrube, e é tamén o regreso a unha sociedade moito máis humanizada, máis solidaria e participativa, que vive en diálogo coa natureza, o regreso a un mundo no que moitos e moitas de nós fomos felices mesmo sen sabelo. A poutada do oso, no remate da novela, no derradeiro capítulo, é o intento desesperado por recuperarmos o pasado, un soño ás veces xa imposíbel.

No discurso que José Luís Sampedro pronunciou co gallo do seu ingreso na Real Academia Española, aló polo 1991, recórdanos que "Muy colmado de ciencia está Occidente, pero muy pobre de sabiduría", e engade José Luís: "Los países de la periferia conservan, aún en su atraso técnico, más sabiduría y eso es una esperanza para todos, porque cada día es más urgente compensar el desajuste esencial de esta civilización: el de tener muchos medios sin saber ponerlos al servicio de la vida".

Nesta novela de Lois Diéguez hai varios capítulos que nos trasladan a África, ás terras onde naceu o home máis antigo do mundo, e hai africanos nas rúas da cidade da Coruña, na novela e na realidade de todos os días. E os protagonistas africanos desta novela son individuos que aman a súa Terra, que respectan a cultura popular do seu país, que falan diversas linguas, que reparten a pobreza, que son solidarios cos demais e que posúen nas súas mans e no seu corazón a maior riqueza posíbel: a riqueza humana da que carecen case sempre as persoas máis ricas en diñeiro e en recursos. Unha das páxinas máis fermosas do libro é aquela na que aparecen dous nenos nunha xanela: "A un deles faltáballe un dente. Pel sedosa, pouco acentuada no negro. Tuareg. Fermosos como esculturas bambara. Traían algo nas mans para mostrarllo orgullosos. Cando chegaron á altura da xanela, apoiados os pés nas mesmas táboas, pois o nivel do chan ficaba máis abaixo que o da rúa, o Iván estremeceuse. Levaban nas mans limpas un peixe prateado, como esmagado, coas liñas suaves da grella cruzándolles a barriga. Cada un o seu, prendidos cos dedos pola cauda. As fotos foron ambiciosas. Só dispuxo duns segundos, apenas un minuto, para fixar a alegría dos pícaros ao mostrar o seu trofeo, orgullosos e felices. Os nenos do peixe. Ou mellor, O neno do peixe. Nunca unha persoa maior podería reflectir un mundo tan rico no rostro. Quizabes tampouco un neno ben mantido ao que lle sobraba de todo".

Non quixera rematar este breve achegamento a esta última novela de Lois Diéguez sen facer sequera unha mínima referencia ao estilo. Como ben sabemos, a literatura é arte, e a calidade literaria dunha obra non está nunca no seu argumento, na ideoloxía que nos transmite o texto ou no seu valor temático. O que define a altura creativa do escritor é a estética, a estilística, o estilo. Aí é onde medra e florece a auténtica literatura. Recoñecer polos propios textos a voz do seu autor, o seu estilo, é un sinal inequívoco de que estamos ante un mestre da literatura. E se ademais o universo que está no fondo da obra é un mosaico filosoficamente rico, estamos, sen dúbida ningunha, ante unha obra das que pasan a peneira do tempo.

Lois Diéguez é un escritor que posúe unha extraordinaria capacidade narrativa, un autor cunha obra que se nutre toda ela da vida real, do tempo que lle tocou vivir, das emocións que nacen do gozo ou do sufrimento; un novelista que narra con meticulosidade, que ama o detalle, a concreción, a miudeza descritiva, e que prefire a narración lineal á deliberadamente labiríntica, aínda que as técnicas máis innovadoras están  moi presentes nos seus últimos textos publicados.

Eu non sei se esta é a mellor novela de Lois Diéguez, mais do que si estou convencido é de que nesta novela están tamén algunhas das melloras páxinas da prosa galega de todos os tempos. Eu convídoos a ler, por exemplo, as páxinas do regreso de Iván Marrube ás terras de Salcedo, onde o protagonista gozará das fragas, do río, da paisaxe, do frescor dos camiños, da calma da montaña... É unha prosa na que non se describe a paisaxe, é unha prosa na que se vive carnal e emocionalmente a paisaxe, como na narrativa de Otero Pedrayo ou na poesía de Novoneyra. Eu convídoos a ler o capítulo no que se produce o reencontro co Maxím, o amigo dos tempos mozos, que é un dos capítulos de maior carga emocional, no que están, ademais, algunhas das claves para a comprensión da novela. Ou convídoos a ler eses capítulos onde Iván Marrube regresa á aldea de Rosa, a Marce, e á súa propia aldea, a Outeiro, nas que o novelista non só describe cunha extraordinaria precisión e beleza formal un mundo milenario que se esboroa, o drama da Galiza rural, senón que expresa maxistralmente a soedade, o pensamento, a maneira de falar e a vida das poucas persoas maiores que van quedando nesas aldeas do Val de Lemos que Lois Diéguez tan ben coñece e tanto ama, de mulleres como Filomena de Baixo ou como a señora Dosinda, a parteira de Marce. Ningún outro novelista galego actual soubo reflectir esa agonía do mundo rural e o mundo interior desas persoas coa mestría de Lois Diéguez. Recordemos a personaxe de mamai Otilia en A canción do vagamundo. Hai páxinas na obra narrativa de Lois Diéguez que valen por toda unha novela, páxinas onde brilla a palabra, onde medra vizosa a literatura, páxinas inesquecíbeis, das que permanecen sempre na memoria do lector.

Lois Diéguez demostrou xa na súa primeira novela, A Torre de Babel, escrita en 1966, que era un gran narrador, un escritor preocupado por comprender, novelar e explicar a sociedade do seu tempo. E iso mesmo foi o que fixo en toda a súa obra posterior: explorar a sociedade no seu conxunto e na súa complexidade, mais tamén todo o que ten a ver coa problemática do ser humano nos seus aspectos máis profundos e máis íntimos. Lois Diéguez non é un fabricante de historias, é un escritor comprometido coa verdade da historia e co río profundo da vida, un autor que escribe desde a autenticidade humana e desde o territorio do pensamento heterodoxo e transgresor. Definitivamente, Lois Diéguez é un novelista imprescindíbel na nosa literatura, como o é don Ramón Otero Pedrayo ou Eduardo Blanco Amor.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña