13:43 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-03-2010

O goteo de denuncias de abusos sexuais de sacerdotes inundan o mapa internacional

Esta igrexa non ten perdón de deus

Valorar (15)

MARTIÑO SANTOS CANOSA


Georg Ratzinger dirixiu o coro dos nenos cantores de Ratisbona durante trinta anos, onde se consentiron e encubriron grandes atrocidades


Holanda foi o último en sumarse e xa acumula 350 denuncias por abusos sexuais de sacerdotes. Antes foron Alemania, Austria, Irlanda, Brasil, Estados Unidos e moitos outros, os que engrosaron a longa listaxe de maltrato, vexacións, violacións e pederastia practicada por sacerdotes en institucións relixiosas contra menores de baixa clase social. A xerarquía eclesiástica dos distintos estados e o Vaticano ocultaron durante anos as denuncias destas prácticas, moitas delas xa prescritas para a apertura de procedementos xudiciais. 

O coro dos nenos cantores de Ratisbona dirixido durante trinta anos por Georg Ratzinger (irmán maior de Bieito XVI); a Abadía de Ettal na diocese alemá de Múnic e Griesing mentres o 'gran irmán' era tamén arcebispo; un colexio da orde dos salesianos de Don Bosco; o seminario de Marcial Maciel, fundador dos Lexionarios de Cristo e doutra lexión de fillos até hai pouco descoñecida, como corresponde a unha orde ultraconservadora celosamente protexida e cuantiosamente respaldada desde a dereita española; son centos de centros educativos católicos os que acolleron en todo o mundo atrocidades consentidas e encubertas con secuelas persoais terríbeis, que xa nada teñen de accidentais e excepcionais. Para colmo de tomadura de pelo son agora as Conferencias Episcopais, as Conferencias de Institutos Relixiosos e as ordes relixiosas afectadas quen abren investigacións "independentes" para deitar verdade sobre o acontecido. Incluso o Vaticano mobilizou á Congregación da Doutrina da Fe, o outrora Tribunal da Santa Inquisición. Xuíz e parte. O raposo a coidar do galiñeiro outra volta. 

O xefe da Orde dos Xesuítas en Alemania, Stefan Dartmann, informaba a principios de mes de que os casos de abusos sexuais practicados nas escolas xesuítas nas décadas dos setenta e oitenta non se limitaron a Alemania, senón que tamén aconteceron en España e Chile. O informe Ryan coa testemuña de denuncia de abusos sexuais por parte de 2000 nenos irlandeses, e o informe posterior da comisión presidida pola xuíza Yvonne Murph con 450 acusacións, dan fe do encobremento da xerarquía católica alén das atrocidades dos sacerdotes implicados. A pouco que se fure saltan novos estados (os mesmos sacerdotes investigados reiteraron esas prácticas en distintas partes do mundo) e achéganse os casos máis no tempo avanzando as décadas (en Irlanda hai procedementos xudiciais en marcha con casos da primeira década deste século, do mesmo xeito que en Estados Unidos). 

Pecados secretos 

A resistencia da xerarquía católica chegou ao paroxismo cando en setembro do pasado ano o arcebispo Silviano Tomasi, observador permanente do Vaticano na ONU, afirmou nunha reunión do Consello de Dereitos Humanos que non se podía falar de pedofilia, senón de "efebofilia": "homosexuais atraídos por adolescentes". Velaí toparon a fonte do pecado e unha orixinal manobra de distracción axitando a vella negativa do sacerdocio para os homosexuais. Mesmo parte do chamado 'clero rosa' teno Bieito XVI ciscado por distintas clínicas do mundo para "curarse dos seus pecados secretos".  

Pecados secretos. Así son considerados tamén polo stablishment católico, á luz da normativa canónica e das instrucións papais e da curia vaticana, os milleiros de abusos sexuais cometidos por todo o mundo. A ministra alemá de Xustiza chegou a citar publicamente unha directiva católica de 2001 na que se indicaba que "os casos máis graves de abusos están suxeitos ao secreto papal e non deben publicarse fóra da Igrexa". Todo fica baixo control exclusivo e directo de Roma, baixo pena de excomunión para agresor, vítimas e testemuñas, nun decreto que actualiza outro dos anos 60 con idéntica filosofía. As presións sobre membros do clero, gobernos e medios de comunicación foron extremas para evitar cada escándalo.Parece imporse nas declaracións oficiais da xerarquía, e non foi doado, o arrepentimento e a petición de perdón. Cousas propias do reino dos ceos que eles mesmos resolven con sinal da cruz e absolución. Xustiza e cada quen no seu sitio na sociedade, iso é o propio. 

O asunto merecería accións adoptadas desde o ámbito dos poderes públicos, con procedementos nos ámbitos estatal e internacional de investigación e procesamento xudicial. As presas dalgunhas xerarquías católicas estatais para 'dar extrema unción e sepultura' ao asunto, pactando as cantidades económicas máximas das indemnizacións, agudizan o papelón cumprido até o de agora. O asunto merecería pór en revisión a lexitimidade da existencia oficial dunha rede de centros educativos relixiosos en estados laicos con sistemas de ensino público. A opinión sería unánime, de ser musulmáns os sacerdotes pederastas e torturadores sexuais, claro. Na era dos políticos esposados, das escoitas telefónicas e das irrupcións en concellos para practicar confiscacións e detencións, chama a atención tan pouca eficiencia coas sotanas. 

Estes sacerdotes, igual que todos os que ocultaron ou minimizaron a información sobre estes gravísimos feitos, son antiabortistas, anticélulas nai e anti-anticonceptivos. Seguro. Sería moi preas ou demagóxico preguntar para que queren entón exactamente que nazan nenos e nenas? Pregunto ofuscado pola indignación. 

[11-03-2010 ] Eu comentou:

E tamén está o irmán do Papa, cardeal el ou algo así, que acaba de confesar estes días que mallaba nos cativos, aínda que só "o normal"...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña