14:36 Xoves, 23 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-04-2011

Todo acontecemento relevante con carga identitaria recibe a pauliña de mito

Historia e mito

Valorar (51)

ANSELMO LÓPEZ CARREIRA


Restos da fortaleza de Pardo de Cela


Aínda que ninguén poida poñer seriamente en dúbida que a Historia é unha ciencia -por canto procura a explicación certa do pasado e se vale para iso dunha metodoloxía apropiada, sobre a base de fontes fidedignas-, sen embargo é certo que o correspondente léxico científico, non é que non exista, senón que se deixa de lado con frecuencia, provocando que os seus alicerces se debiliten. O motivo principal (sen tomar en conta a ignorancia) non é outro que a interferencia ideolóxica na Historia, o propósito de valerse dela en debates extra-históricos.

Con isto non pretendo elevar ao historiador por riba do ben e do mal, pretendendo encerralo no seu castelo de almasí. Ademais de ser absurdo e innecesario tratar de disimular as  conviccións políticas de todos e cada un de nós (tácitas ou expresas), é imprescindible que a Historia teña utilidade social. Máxime cando se dá a afortunada circunstancia de que as loitas emancipadoras teñen ao seu favor a razón histórica, polo que lles abonda coa simple veracidade. Demostrar a existencia nacional de Galicia só esixe o esforzo de sacar á luz a Historia. Son os apoloxistas do dominio, a explotación e a inxustiza os que se ven forzados á manipulación histórica, pois queren xustificar o inxustificable, e é entón cando o léxico se deforma.

Un dos conceptos que se esgrimen profusamente no combate historicista sen o mínimo rigor é o de mito, dándolle un uso de arma arroxadiza; sempre e exclusivamente contra a Historia de Galicia. Todo acontecemento relevante con carga identitaria recibe a pauliña de mito: é mito o celtismo, o Monte Medulio, o reino suevo, Pardo de Cela, os Irmandiños, supoño que tamén os Mártires de Carral; ¿e porqué non o Partido Galeguista e Castelao?.

Apréciese en cambio a sutileza de que nunca se arromban nas sentinas do mito episodios da Historia de España como os iberos, nin (por suposto!) Viriato ou Numancia, nin moito menos o reino visigodo, ou as Comunidades de Castela e os seus tres mártires. Nunca ninguén ousou chamarlle mito a don Pelayo ou a Guzmán el Bueno. O mito acabará sendo, como a morriña, unha marca galega: Galicia, terra meiga e mítica.

Cómpre axustarse ao rexistro en que nos situamos ao tratar un tema histórico, saber cando estamos a facer Historia e cando simplemente falamos de historias. No segundo escenario vale todo, pero no primeiro débense depurar os campos semánticos, so pena de non nos entendermos. Nunha sinxela procura por dicionarios de acceso doado, comprobamos que a palabra 'mito' carga o seu significado no relato fabuloso, sexa este preferentemente sobre deuses, heroes ou orixes dun pobo ou da Humanidade (p. ex. o mito de Prometeo), ou unha exposición alegórica (o da caverna, de Platón); sempre é representación de algo enteiramente irreal, produto da imaxinación, sen fundamento perceptible. Nun nivel de maior concreción terminolóxica, considérase que o mito se elabora nun estadio proto-histórico e afecta ao mundo abstracto das esencias.

Cun matiz diferente, cabe atribuír esa categoría a unha persoa ou suceso reais que se rodean de extraordinaria estima en razón da súa especial transcendencia, mais neste sentido o mito non ten por que ser obxecto de ataque, xa que non é a súa veracidade histórica o que se cuestiona, senón o valor que posteriormente se lle adxudica, o cal é algo subxectivo.

Por tanto, os acontecementos históricos non son mitos. Non existe un mito do celtismo, nin é mítico o reino suevo. Cousa ben distinta é que o tratamento histórico de tal ou cal momento sexa acertado ou non, como pode acontecer que un diagnóstico médico, sen deixar por iso de ser científico, sexa equivocado. A teoría cósmica tolemaica (froito dunha paciente observación) era científica, malia ter sido logo desprazada pola da gravitación universal. O de Urano sostendo a Terra, ese é un mito cosmolóxico. Un mito céltico é o de Breogán descubrindo Irlanda desde a Torre; podemos cualificar de mítica a conversión do rei suevo Carriarico por obra das reliquias, e naturalmente que o é a vitoriosa aparición de Santiago nunha batalla contra os mouros.

Entre Mito e Historia existe unha fonda e longa relación, na medida en que ambos serviron para dar explicación ao pasado, pero son completamente diferentes: a Historia atense á realidade e quere serlle escrupulosamente fiel; o mito pasa por riba dela para situarse no territorio da sacralidade, ata o punto de a verdadeira historia facerse irrecoñecible no mito detrás do cal se agacha. A separación é tan patente que non reclama ningunha batalla para poñer a cada un no seu sitio. ¿Alguén se quere parar hoxe a combater o mito da arca de Noé?.

Por iso carece de sentido pretender combater a Historia con campañas anti-mito. Tan absurdo como socavar a relixión coa ciencia. Son dous campos paralelos ata o infinito. E da mesma maneira que cada quen ten dereito ás súas íntimas crenzas, cada pobo ten dereito aos seus mitos. A princesiña do conto de Castelao morreu de amor... malia sabermos todos que foi dunha enchente de cereixas; e en Compostela está o sartego de Santiago... aínda que no sexa certo. Trátase da dobre verdade de que falaba Averroes no século XII: depende do nivel en que nos movamos. A procura da certeza correspóndelle á Historia, pero o mito fai unha interpretación alegórica, e tamén forma parte do patrimonio cultural dun pobo.

O imprescindible traballo de crítica histórica non se fai botando man de tópicos máis ou menos eruditos, senón mediante a achega dos datos que nos proporciona a traballosa investigación das fontes.

Por outra parte, os supostos mitos da Historia de Galicia son inocuos, e (como todo o nacionalismo galego en xeral) contribúen ao proxecto democrático e humanista da dignificación nacional. Non son responsables de ningún sufrimento humano, pois nunca foron alimento de odios, chovinismo nin fanatismo.

Os combatentes anti-mito farían un traballo moi útil dedicándose a rebater os dominantes ideoloxemas historiográficos españois e europeos, e non só porque así contribuirían á clarificación histórica, senón tamén (e sobre todo) porque eses mitos si que serviron e serven para xustificar e dotar de base innúmeros proxectos catastróficos de espolios, xenocidios, agresións e inxustizas. Aí os tales mitos úsanse como armas de destrución masiva, mais os combatentes anti-mito non asoman por ningunha parte.

E non vaian crer que cumpren a función crítica que tamén demanda a Historia de Galicia. Todo o contrario; o seu é un traballo en negativo, que só logra confundir e enturbar o coñecemento do noso pasado.


1 2 seguinte

[16-04-2011 12:38] Antonio das Mortes comentou:

Moito obrigado e non te queimes Anselmo!
É natural que o "cainismo", ese mito, se exprese cos irmáns; cómo senón?
Da outra banda, benvidos os mitos, esa ancora da cultura coa natureza humán, índa máis desque un home do século das luzes nos ensinou que "o soño da razón produce monstruos".
Iso sí, cada cousa para o que é,
o zapato é para o pé.

Eu seino porque....

[16-04-2011 12:14] A. López Carreira comentou:

Sr. "Tristán": é vostede un maleducado, polo que non precisa outro comentario. De todos modos fareille unha recomendación metodolóxica: se, como vde. recoñece, non sabe nada sobre o tema suevo, primeiro infórmese e logo opine, pois en caso contrario o que diga carece de sentido; e o dicionario dínos que "esbardallar" e "falar sen sentido".
Sr. "Tudense", para remontarse á Galicia medieval o primeiro que cómpre facer e sacarse da cabeza o actual mapa da Comunidade Autónoma de Galicia. Aquela tiña outro deseño territorial, pero era Galicia. No séc. VII Isidoro de Sevilla, mesmo escribindo en latín, chámalle xa 'Gallicia', non 'Gallaecia'; seguir empregando a denominación latina non deixa de ser un cultismo, con algo de anacrónico. Portugal e León non existían.
A toponimia xermánica só foi estudada sistematicamente en Portugal, polo que é normal que sexa en Portugal onde se dea a porcentaxe máis alta. A toponimia non se pode coller en conxunto; a inmensa maioría son topo-antropónimos e gran parte deles non remontan a época sueva. Por poñer un exemplo, o meu nome (antropónimo) é xermánico e a miña casa podería ser denominada (topónimo) "casa de Anselmo", mais isto non significa que aí habite un xermano; outro: en África e Latinoamérica abunda hoxe a onomástica inglesa, mais obviamente non nos permite inducir a cantidade de ingleses que puidera haber.

[16-04-2011 03:24] Galliciense comentou:

tristán...que mágoa que sexas tan descoñecedor do noso pasado e da nosa historia.

1. O galego, pobo proletario??. E logo quenes foron, Pedro Froilaz, Xelmirez, o VII conde de Lemos, Diego Sarmiento, Inés de Castro, Vimara Peres, Ilduara de Celanova, etc..etc.. senón ARISTOCRATAS GALEGOS?.

2. "Galiza sempre estivo gobernada desde fora". Anda, vai te ler un libro! que Braga era a CAPITAL galega, e Tui do rei Vitiza, que??, e LEÓN, territorio Gallecie, que??. Documéntate miña xoia.

3. "Que sabemos do reino suevo??". Por mira, varias CRÓNICAS medievais, lete a Hidacio e San Isidoro, ou Xiao de Biclara ou Gregorio de Tours. Mirate algo de numismática, mira o Divisio Teodomiri, e a ver se con todo iso, APRENDES ALGO.

4.Imperialistas?? que??, dicir que a Gallaecia romana chegaba ao Douro é ser imperialista????. Decididamente, non sabes o que é ser imperialista....

En resumidas contas, tristán, lete un libriño e deixa a Galiza tranquila.

[15-04-2011 23:53] O pito dobre. comentou:

Sendo a lingua o maior espoñente dunha cultura non é o único. O galego certamente deriba do latín, pero isto non implica que non teña tamén influencias da lingua que usaban os povoadores deste territorio antes da romanización, según afirman os estudosos do idioma.
Estaremos todos de acordo con que houbo vida humana neste territorio antes da romanización. E supoño que falaban. A cuestión está entón en saber a que grupo cultural pertencía ista lingua. Algúns cremos que á cultura celta. Cada quen que espoña os dados dos que dispoña á opinión pública e que os técnicos falen.
Non comparto que os mitos sexan mentiras, algúns serán froito de fábulas irreais, e non por elo mentiras, senón mitoloxía( que, cando é grega, sei que é unha cousa moi boa, pero cando é galega e contrarevolución). Ou temos que desbotar todo o patrimonio inmaterial da nosa cultura? É mentira a santa compaña? Era un mentiran Castelao, por facer uso deste mito? Pero a historia ten demostrado que algúns mitos teñen un fundamento historico real.
A verdade é revolucionaria, mais tamén é diversa, relativa, da cor do cristal co que se mire...
O que xa non é revolucionario é crerse en posesión da verdade absoluta.
Gusto do ton pedagóxico deste artigo e comparto co autor o enfoque, aínda que non sei se é verdade.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña