09:53 Sabado, 25 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-04-2011

Contar cunha rede ferroviaria propia implicaría propostas de actuación propias, pensadas dende, por e para o país

O tren que nos leva pola beira do Miño

Valorar (10)

XOSÉ ANTÓN BAO ABELLEIRA



Domingo 10.20 da mañá, partimos dende Lugo cara a Ourense nunha desas escasas viaxes que se poden facer por este traxecto. Non hai horarios de viaxe con frecuencia. Os compañeiros e compañeiras do BNG que facemos a viaxe tivemos que contratar un autobús para poder volver a Lugo dende Ourense se non queriamos pasar alí todo o día. Duración da viaxe 1 hora 50 minutos. En coche dura 1 hora como moito. Magnífica paisaxe, iso si. O país segue sendo precioso a pesar das desfeitas. O país aguanta. Somos os únicos que reivindicamos a creación dunha rede ferroviaria de proximidade con todas as consecuencias. Por que somos os únicos que cremos nun país vertebrado social e economicamente, nun país sustentable, nun país de noso e non das multinacionais.

En Ourense compañeiros e compañeiras de Ourense e Lugo entoamos versos de Curros, palabras de Castelao e aquel verso de Novoneyra para ir, tamén non noso tren por terras liberadas.

Velaí vén, velaí vén... este Manifesto que recobra as nosas reivindicacións. 

MANIFESTO EN DEFENSA DO TREN DE PROXIMIDADE

As consecuencias económicas derivadas do aumento do prezo dos combustibles fósiles, a súa escaseza e o control que as grandes multinacionais teñen sobre eles, son palpables para o peto de todos/as os/as cidadáns, como receptores últimos. Este é un dos múltiples motivos polos que o BNG ven reclamando dende fai moito tempo a consecución dunha rede ferroviaria que cubrira todo o pais, conferíndolle unha forza e unha vertebración económica importante, tanto polo movemento continuo de persoas como de mercadorías.

A preocupación polas emisións á atmosfera de gases contaminantes do resto de medios de locomoción, causantes en gran parte do cambio climático, confírenlle ao tren un plus ecolóxico que unido á utilidade no transporte de mercadorías fan deste un dos máis baratos e útiles.

Contar cunha rede ferroviaria propia implicaría propostas de actuación propias, pensadas dende, por e para o país. Isto quere dicir propostas adaptadas ás necesidades reais e sen ter en conta exclusivamente criterios económicos senón sociais. Por iso o BNG sempre defendeu esta opción, de presente e futuro, no Parlamento Galego, no Parlamento Español, no Senado, nas Deputacións Provinciais e tamén nos Concellos.

As nosas reivindicacións pódense resumir nos seguintes puntos, claros e concretos:

- Creación dunha rede de ferrocarril de proximidade entre as principais vilas galegas, impulsando a comarcalización do país, que atenda tanto ás necesidades de locomoción de pasaxeiros como ao transporte de mercadorías.

- Aposta decidida polo tren nas comarcas do interior como elemento de vertebración económica e social.

- Elaboración dun plan de acceso ferroviario aos polígonos industriais que se atopen enclavados na proximidade das infraestruturas ferroviarias.

- Impulsar a mellora da rede convencional para garantir a prestación de servizos e frecuencias de media e longa distancia de calidade, así como a renovación das locomotoras e vagóns existentes buscando a consecución dun rendemento óptimo.

- Trasferencia a Galiza dos servizos ferroviarios que teñen destino e chegada dentro do noso territorio.

- Creación dunha compañía pública galega para a prestación dos servizos ferroviarios e que atenda claramente ás necesidades propias.

- Integración das provincias do interior coa rede de alta velocidade comprometendo prazos e orzamentos necesarios.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña