15:05 Xoves, 21 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-03-2010

Nun mundo no que a máxima degradación é a pobreza compre chegar a que a natureza sexa punto de partida e de regreso ao mesmo tempo, para iso precisamos unha forte alianza dos movementos sociais

Ecoloxía en tempos de crise

Valorar (10)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


Voluntariado ambiental colaborando na repoboación e recuperación dun monte degradado nos lumes do 2005 en Gondomar


En termos xerais, as modernas civilizacións conseguiron avanzar en diferentes materias, desenvolvemento económico, dignidade laboral e das persoas, calidade de vida, etc. Mais seguen vivindo na pobreza o 16% da poboación mundial e mesmo porcentaxes importantes dos chamados países máis ricos.

Fame, analfabetismo, inexistencia de atención sanitaria, curta esperanza de vida e de natalidade son os datos xerais da maioría da poboación humana do planeta, onde 1000 millóns de persoas viven sen auga corrente ou 2600 millóns sen saneamento adecuado, o que redunda nunca crise ambiental sen precedentes na humanidade.

O movemento ecoloxista promoveu dende hai corenta anos unha serie de reivindicacións que foron materializándose tepedamente, sendo asumidas no papel polas políticas occidentais. Mais nunca tivo a capacidade de propoñer un modelo económico alternativo, mais alá de iniciativas moi limitadas no tempo e no espazo que nunca se converteron en modelos xeneralizábeis, senón que foron, máis ben, asumidas e deturpadas polo sistema imperante.

Entre nós, por exemplo, os lixeiros avances que se conseguiron no último lustro en Galicia semellan agora en perigo de regresión, e vemos así como os avances lexislativos foron paralizados e está sendo deseñada a súa regresión en cuestións tales como a limitación da construción no litoral.

A produción sustentábel e o comercio xusto son hoxe en día obxectivos máis inalcanzábeis que hai unha década e mesmo a batalla contra os transxénicos está sendo esquecida diante dunha poboación mundial cada vez máis demandante, desaparecendo así as reticencias sobre os métodos de produción.

Resistencia ecolóxica e alianzas

Mais ninguén está disposto a tirar a toalla, nin o feroz capitalismo que ve facilidades para apropiarse do pouco que queda e mercantilizalo, nin a resistencia ambientalista asentada/ pivotando nun desorientado movemento ecoloxista.

As alternativas pasan pola procura de alianzas dos movementos sociais nunha fronte común contra as dificultades e ameazas impostas polo capitalismo, 

Di James O'Connor, na súa obra Causas naturais, ensaios de marxismo ecolóxico: A natureza é un punto de partida para o capital, mais non soe ser un punto de regreso. A natureza é unha billa económica e tamén un sumidoiro, mais unha billa que pode secarse e un sumidoiro que pode tupirse ... A billa é case sempre propiedade privada; mentres que o sumidoiro soe ser propiedade común.

Eis a cuestión a subverter, chegar a que a natureza sexa punto de partida e de regreso ao mesmo tempo, a pesar dos tempos se crise.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña