06:15 Luns, 09 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-04-2011

A Consellería de Cultura e Turismo pretende aumentar o turismo cultural só con axudas para restaurantes e hoteis

Só propaganda

Valorar (8)

ADOLFO DE ABEL VILELA


Centro de interpretación do camiño primitivo de Lugo


En vésperas das eleccións municipais e autonómicas, inauguráronse fóra do país novos centros culturais, novos museos e ampliacións doutros. Entre os primeiros o Centro Cultural Internacional Oscar Niemeyer de Avilés, catro anos de traballo e 40 millóns de euros de inversión. A colección Tita Cervera ou Carmen Thyssen cedida por vinte e cinco anos a Málaga, exposta no Palacio de Villalón, rehabilitado polo concello de Málaga para este fin, no que investiu 12 millóns de euros. A ampliación en Toledo da que era a Casa do Grego, agora Museo do Greco, cinco anos de obras a cargo do Ministerio de Cultura cunha inversión de máis de 6 millóns de euros, e o Museo de San Telmo en San Sebastián, o máis antigo do País Vasco, catro anos e medio de obras para rehabilitar o antigo edificio e facer unha ampliación, cun investimento de 28,5 millóns de euros. Son algúns exemplos do que algunhas administracións públicas fan por mellorar e incrementar o produto destinado ao turismo cultural que contrasta co que non se fai aquí.

Subsidios, mera propaganda

Acaba de ser noticia o feito de que a Secretaría Xeral para ou Turismo   concedese unha subvención por importe de 21.500 euros a un establecemento de hostalería situado no concello de O Corgo (Lugo). O beneficiario tivo o mérito de concorrer a convocatoria publicada o 7 de maio de 2010, que destinaba unha partida dun millón de euros para melloras en establecementos hostaleiros non urbanos que estivesen en edificios singulares, núcleos históricos, paraxes e paisaxes naturais que contasen con calquera recoñecemento especial.

Podían ser subsidiadas as obras de mellora nestes negocios, adecuación do contorno, recuperación de elementos da arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos dos proxectos que se pretendían desenvolver. A cantidade a recibir non superaría as dúas quintas partes do orzamento.

Este tipo de subvencións parecen preparadas para que ninguén as pida, porque os burócratas que fan as convocatorias, pedindo papeis "fíxolles a boca un frade". Que coño pedirán que eles mesmos xustificaron a ampliación do prazo de solicitude o 25 de novembro, entre outras razóns polos "elevados requerimentos que foi necesario acreditar". De maneira que hai que felicitar á empresa agraciada, non pola contía, que se verá reducida o ano que ven cando faga a declaración da renda, senón por conseguir reunir e xustificar todo o que lle pediron. Houbo outros cinco que o intentaron pero non  conseguiron xustificar convenientemente toda a documentación precisa. A conclusión é que a maior parte das subvencións son un engano e un puro acto propagandístico.

Outro exemplo

Outra máxima dos burócratas é que se queres reducir a concorrencia, para que non o saiba ninguén, é quitala en agosto, cando os hostaleiros están no mes de máis traballo e non teñen tempo de ler o DOGA. O 14 de agosto de 2010, publicaba unha orde de 10 de agosto da Consellería de Cultura e Turismo, coas bases para a concesión de subvencións destinadas a creación e mellora de establecementos turísticos baseados en proxectos singulares e para as melloras de establecementos turísticos de aloxamento en xeral. Descoñezo se a convocatoria tivo o mesmo éxito que a citada anteriormente.

Na exposición de motivos figuraban como obxectivos, entre outros, "aumentar os ingresos medios por día e turista (atracción de turistas con capacidade de gasto), aumentar o número total de turistas e incrementar tamén a estadía media daqueles". Tamén sinalaba a necesidade "do crecemento da oferta de recursos turísticos", e de investimentos en infraestruturas privadas para a atracción de nichos específicos de mercado, como o turismo cultural.

Pois ben. Imos ver un exemplo practico. No ano 2004 a miña familia adquiriu unha casa no casco histórico de Lugo para montar unha colección visitable  de acordo cun proxecto museográfico, como Centro de Interpretación da Burguesía. Preténdense expoñer unha selección de mil pezas dos séculos XVIII e XIX formada durante cincuenta anos. Coa crise económica houbo que suspender as obras de rehabilitación por falta de financiamento bancario de maneira que vimos unha oportunidade na convocatoria.

É indubidable que a montaxe dunha Colección Visitable, con cafetería e tenda, nun pazo de 1770, de autor, histórico, situado a dez metros da oficina de Turismo da Xunta e do Centro de Interpretación do Camiño Primitivo, a trinta do Centro de Recepción de Visitantes e do de Interpretación da Muralla,  a cincuenta da catedral, da muralla que é Patrimonio da Humanidade, e da domus romana e templo de Mitra pendente de musealizar pola citada consellería "ad kalendas graecas", contribuiría a aumentar "a oferta de recursos turísticos" destinados ao turismo cultural da cidade de Lugo que pregoaba o preámbulo da convocatoria. Pero a maiores creaba postos de traballo, recuperaba e puña en valor un patrimonio arquitectónico, e destinaba ao servizo do público un patrimonio artístico privado. Pois a pesar de ter un "proxecto singular", e posiblemente raro, non puidemos concorrer ás axudas porque estaban contempladas exclusivamente para hoteis e restaurantes. É dicir, tanta literatura para nada.

Unha suxestión para perder o tempo

Como parece que os burócratas que fan estas convocatorias, e os políticos que as bendicen, non andan moi sobrados de ideas, vai a seguinte suxestión aínda a sabendas de que vou perder o tempo. Sendo como son os museos e as coleccións visitables, "un recurso turístico" moi importante do atractivo dun destino ¿por que non sacan axudas para creación e mellora de museos e coleccións visitables privadas? Hai algunhas abertas ao público que por falta de medios económicos e técnicos, teñen unha presentación que da vergoña, e que din moi pouco en favor do noso nivel cultural e da preocupación pola conservación, difusión e rendibilidade do patrimonio moble que se presenta nelas.

Por outra banda é posible que cunha liña de axudas deste tipo, moitas coleccións privadas que hai en Galicia terían unha proxección pública, un primeiro paso para que no futuro moitas delas deixaran de ser privadas, como ocorreu con moitos museos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña