12:55 Xoves, 06 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-03-2010

Un espazo histórico para un centro da romanización

O cuartel de San Fernando de Lugo

Valorar (2)

ADOLFO DE ABEL VILELA


Cuartel de San Fernando (Lugo)


No mes de abril termina o prazo do concurso de ideas aberto pola Consellería de Cultura e Turismo para instalar no Cuartel de San Fernando de Lugo o Centro de Interpretación e Museo da Romanización en Galicia, dentro da Rede de Patrimonio Arqueolóxico.

O edificio reúne condicións para destinalo a esta función dado que se atopa dentro do recinto histórico, a poucos metros da Muralla, monumento Patrimonio da Humanidade, nunha zona na que houbo unha necrópole romana e talleres de oleiros, e que, debido á súa situación topográfica na parte máis alta da cidade, a partir do século XVII converteuse no lugar idóneo para hospitais. Así en 1621 instalouse o de San Bartolomeu, que en época medieval estaba nas Cortiñas de San Román, actual Praza Maior, o propio cuartel foi construído para Hospital de Inhábiles, e a poucos metros levantouse entre 1866 e 1875 o Hospital de Isabel II, que nunca chegou a utilizarse para tal función ao instalarse no edificio o instituto de primeiro ensino, a biblioteca e a Deputación.

O Concello recuperou a propiedade deste edificio para destinalo á un Auditorio, que se proxectou logo dun concurso de ideas. Tratábase dun cubo dunhas dimensións desmesuradas que se incrustaba entre o patio do edificio e a súa á oeste, que mutilaba, ao que se opuxeron algunhas persoas e colectivos por considerala unha intervención moi agresiva, que non respectaba o seu valor arquitectónico. A intervención de ICOMOS, polo impacto visual sobre a Muralla, fixo que se reconsiderase a localización, destinándose agora a este novo uso.

Un edificio histórico para albergar historia

O edificio naceu como Hospital de Inhábiles. Era unha especie de residencia ou asilo para os mutilados das cruentas guerras, que se construíu con diñeiro da provincia. Houbo varios proxectos, un deles con dous patios ou claustros centrais, anque o que se executou só ten un.

O edificio é de planta rectangular, con dous corpos e baixo cuberta e sen decoración, non só por estar nas correntes estéticas do neoclasicismo e da enxeñería militar, que a considera superflua, senón tamén por razón de economía, pois a falta de caudais fixo que só se construísen uns dous terzos do total da edificación que se terminou ou completou a partir de 1863.

Precisamente un dos méritos da súa arquitectura está en que marca claramente a diferente concepción que dela tiñan os mestres de obras e arquitectos vinculados á tradición do barroco compostelán, e a dos enxeñeiros militares, cunha visión racional das formas e funcional dos espazos, e que son os que introducen o novo estilo en Galicia.

Os inválidos

O 24 de xaneiro de 1753, dítase unha Real Instrución pola que se establecían os rexementos de Inválidos de Valencia e Cataluña na cidade de Toro, onde estaba establecido o rexemento de Inválidos de Castela.

O 17 de xullo de 1756, o Concello ten noticia de que había a posibilidade de que se instalase na cidade un batallón dos inválidos inhábiles, composto por catrocentos ou cincocentos homes, cos seus oficiais. Aceptouse a proposta, na que tamén estaba interesada Pontevedra, porque o tal colectivo supuña incrementar considerablemente a poboación que naquel momento era dunhas mil cincocentas persoas.

Unha das formas de asegurar a súa instalación en Lugo, era a de trasladar os inválidos á cidade, polo que a primeira autoridade militar deu a orde de buscar aloxamentos en cuarteis provisionais, sendo estes casas particulares.

En 1756 buscouse un solar, que foi recoñecido en novembro de 1758 polo arquitecto e asentista do Real Cárcere de Coruña, e do arsenal de Ferrol, Francisco Antonio de Zalaeta,

Nese momento o plano do edificio, posiblemente elaborado polo mestre de obras da Cidade, Domingo Francisco Eytor,.xa fora reformado polo arquitecto da Coruña, Martín Gabriel, para incluír, ademais das seis compañías de inválidos, un batallón de tropa transeúnte de infantería, por iso é polo que se independizan no edificio os dous corpos militares, con dous patios interiores aos que se accedía po portas independentes.

En 1761 Carlos III decide unha nova reorganización dos soldados inhábiles que quedan organizados en vinte e seis compañías: oito en Sevilla, sete en Lugo, tres en Toro e oito en San Felipe (Valencia).

O día 1 de decembro de 1765, o capitán xeneral, marqués de Croix, comunicou ao Concello que El rei ordenara que se procedese á construción do cuartel iniciándose a obra, pero a pesar desta real resolución non se comezou.

O 29 de febreiro de 1768, o Concello solicitou do rei que o cuartel se fixese só para os inválidos, destinando o diñeiro sobrante ao arranxo das rúas. As obras comezaron o 10 de outubro de 1779 e entregáronse o 27 de abril de 1790.

O Hospital e Colexio Militar de San Fernando

Con motivo da Guerra da Independencia, o hospital dos Inválidos, que tamén se utilizaba como cuartel, pasou a chamarse Hospital de San Fernando, no que se atendían aos feridos da contenda. Este hospital militar pasou en 1813 a ser atendido pola comunidade de San Xoán de Deus, que levaba o hospital civil de San Bartolomeu que estaba enfronte.

Logo da contenda cos franceses, os españois déronse conta de que carecían dun exército moderno, para enfrontarse ao das outras potencias europeas, polo que decidiron formar mandos. Para iso crearon colexios militares, un deles instalouse no Colexio de San Xerome de Santiago. Pero en 1815 ordenouse o traslado dos cadetes a Lugo, para que puidesen iniciar o curso de Filosofía os vinte e catro alumnos que había bolseiros naquela institución.

O Real Colexio de San Fernando funcionou en Lugo ata 1818, en que se reclamou o edificio para os inválidos que estaban no convento de San Francisco e outras casas. Unha parte do edificio destinouse ao Corpo de Inhábiles, e outra reservouse para albergar a un batallón de guarnición e para os quintos da provincia.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña