22:33 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-04-2011

Non profesou máis fe que a do nacionalismo galego

O bo de Ben-Cho-Shey

Valorar (104)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN


Ben-Cho-Shey segundo pola dereita sentado (grupo brais pinto)


Chamábase Xosé Ramón Fernández e Oxea. Era fillo daquel Don Pío Ramón, profesor da Normal de Ourense, que Otero inmortalizou no "Libro dos Amigos". Facía parte da mesma caste, neto máis sinais, daquel Elixio Oxea que lideraba na cidade das Burgas a Asociación Rexionalista Galega. Aínda así para nos sempre foi/será, desde que adoptou este alias para escapar da censura militar con aquelas crónicas sobre a guerra de Marrocos publicadas en "La Zarpa" de Basilio, Ben-Cho-Shey.

A súa vida non foi outra cousa que un peregrinar por e para Galiza, desde que tomou votos como nacionalista, naquel vello local da Rúa da Alba que desde 1918 até 1936 acolleu aos patriotas ourensáns. Peregrino a forza no Marrocos colonial, nas súas crónicas xornalísticas non agochaba as súas simpatías cos rebeldes rifeños. Peregrino, nas Terras de Ortegal, onde se iniciou no maxisterio, tanto acompañaba a Risco e a Otero a Santo André, como publicaba os seus primeiros traballos etnográficos en Nos ou acudía a recibir á Coruña a un Suárez Picallo, mozo, camiño dun congreso obreiro en Xenebra. Peregrino en Santa Marta de Moreiras, elaborou a súa monumental monografía sobre esta parroquia galega, que rematarían por publicar os Álvarez Blázquez co diñeiro de amigos da emigración, diante da negativa daquela Galaxia, á que tanto axudou na ventaíña da censura ou na caseta de venda da Feira do Libro de Madrid. Peregrino en Lugo como Inspector de Primeira Ensinanza, presidiu o Comité Provincial do Partido Galeguista, o que lle valeu após o 18 de Xullo do 36 a suspensión de emprego e soldo e desterro/exilio ao Madrid, español, estranxeiro. Peregrino en Madrid participando da clandestinidade nacionalista, axudando aos presos do vello Partido e colaborando das iniciativas dos novos, Fato Castelao, Brais Pinto, Homenaxe a Rosalía. Peregrino en fin na busca de Galiza, ao que chegou só, nun comboio, xa incinerado, para soterrarse en Ourense, antes, uns poucos anos antes, con case 90, canda os nacionalistas acudira fronte ao Tribunal Constitucional, para acompañalos mentres se encadeaban para protestar contra expulsión dos seus parlamentarios.

Non profesou máis fe que a do nacionalismo galego. Novizo naquel seminario de galeguidade, ficou sempre fiel as ensinanzas daquelas asembleas/concilios que desde Lugo en 1918 até Ourense en 1935 sentaron as bases do noso corpo doutrinal. Na Galiza dos anos 20, así o deixou escrito Anxel Fole, era considerado "un dos 20 ou 30 galegos 100%". Ao pouco de chegar a Lugo, na primavera de 1934, asume a presidencia do Partido Galeguista na provincia, disciplinando, primeiramente, aquelas personalidades que señoreaban no nacionalismo lugués, atraendo, despois, reforzos a organización, vida de comités e asembleas con Fole, Pimentel, Pérez Prieto, Cerdeiras, Parapar, Hermida, Piñeiro que remataron por converter ao Partido nunha forza eficaz para actuación política como demostrou na Campaña do Estatuto.

Na década dos 40 participa desde o primeiro momento na reorganización do nacionalismo na clandestinidade, como acredita a correspondencia con Otero, converténdose no apoio máis dilixente e entregado aos galeguistas presos, pasando e sacando cartas do cárcere, levando comida e conversa aos detidos ou ocupándose do roupeiro e da lavandería de Piñeiro ou dos Saco. Non houbo actividade galega, naquel Madrid dos 50, 60 e 70 na que estivese ausente, como unha sorte de embaixador, que tanto valía para cubrir coa bandeira que nos é propia a viúva de Castelao, como para homenaxear a Rosalía, Pimentel ou Cabanillas; aínda así, nada o encheu tanto, como colaborar das actividades da sección galega do Clube de Amigos da Unesco, onde impartía puntualmente todos os Domingos aulas de galego e se fundía cos mozos para descubrirlle o País, actuando de leal capitán dun mozo, xa comandante, Bautista Álvarez.

A súa militancia partidaria rematou o mesmo día que liquidaron o Partido Galeguista. Nunca compartiu esa decisión, el que coñecía de primeira man os debates entre a xente do interior e do exterior. Non é casual que fose o único galego, xunto a Otero, a quen Prada remitiu carta para darlle conta da morte de Castelao. Ficoulle sempre a dúbida sobre que agochaba Piñeiro após saír do cárcere, cando tras ofrecerlle el e máis Penzol, axuda para seguir adiante, o de Láncara contestoulles que "el tiña outros plans". Fosen os que fosen os plans do inquilino de Xelmírez 15, o noso Xosé Ramón Fernández e Oxea, negouse a participar do PSG, mentres colaboraba coa sección madrileña da UPG agochada tras a fachada do Clube de Amigos da Unesco. Afirmábase con malicia nos círculos galeguistas de Vigo e Compostela que o Ben-Cho-Shey era unha sorte de crego pre-conciliar. Se cadra era certo porque a súa igrexa era a de Bóveda e Castelao, non a de Piñeiro de Sabell, e os seus evanxelios os da tradición nacionalista, xa sintetizada no "Sempre en Galiza", non os libros apócrifos inspirados na filosofía alemana.

Home de Nos fixo de todo, porque todo estaba por facer. Autor de libros de contos e poesías, publicadas como non polos Álvarez Blázquez, deixounos dúas obras irrepetíbeis como a monografía sobre Santa Marta de Moreira e o "O catón galego", redixido no período republicano e publicado en 1966, con portada de Luís Seoane e ilustracións de Beatriz Rei. Son miles os seus artigos xornalísticos, ou monografías sobre arte, arqueoloxía, historia, paleografía ou lingüística. Un monolingüismo radical, o uso correcto do idioma así como a defensa do mesmo sen concesións foi unha constante na súa vida e tamén nas súas colaboración en prensa, desde aquel artigo iniciático en 1918 no "Tío Marcos".

Quen o coñeceu na etapa de Lugo, ai están os artigos de Fole, recórdao como unha persoa que non se apeaba do galego, que instaba aos mestres na visita de inspección polos Concellos da provincia a que usaran o noso idioma cos nenos e que no uso oral do idioma buscaba diferenciar o galego do español. Compañeiros dos faladoiros madrileños lembran que non había conversas de galegos na que participara que non rematase por usar a lingua propia dada a súa insistencia. Mesmamente, no círculo familiar, a compañeira era andaluza e a filla nacera e criarase en Madrid, non había outro idioma que noso. Tanto é así que Prada adoitaba a referirse a el como o vedraio da fala.

Galiza está en débeda con Ben-Cho-Shey. O seu particular libro de estilo e as súas motivacións, nuns tempos como os que corren, non favorecen que se valoren traxectorias como esta. Tampouco axuda o silenciamento e a marxinación á que foi/e sometido pola oficialidade. Se cadra no seu debe tamén conta que foi fundamentalmente unha boa persoa. Por iso, nos si que nos acordamos del no seu aniversario.


[10-05-2011 13:49] Luís comentou:

Honra eterna ao irmão Ben.Cho-Shey. Obrigado pelo teu artigo, Moncho

[05-04-2011 12:04] afrordotoxo comentou:

Grande artigo camarada Ermida!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal