22:23 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-04-2011

Se non facemos algo para evitalo, Zapatero marchará para que todo siga igual

Zapatero marcha. A súa política continúa

Valorar (16)

RUBÉN CELA DÍAZ



Desvelouse un segredo a voces: Zapatero non se presentará á reelección como presidente do goberno español. A partir de aquí, correrán ríos de tinta. Columnistas, faladoiros, políticos, taxistas, profesionais da barra do bar e até a prensa do corazón teñen tema para rato. 

Persoalmente, resúltame indiferente a decisión do Sr. Zapatero. Non me resulta indiferente a política que impulsou e pretende manter, co beneplácito -no fundamental- do principal partido da oposición española.

As persoas veñen e van, as políticas e as súas consecuencias perduran máis tempo. Preocúpame unha visión da separación de poderes á carta como a que vivimos co Estatut catalán, o catálogo de medicamentos galego ou máis recentemente coa ilegalización de SORTU. Preocúpame a transparencia e honestidade de quen non di nada minimamente aceptábel ante casos como os de Mercasevilla ou a entrada nas agradecidas multinacionais dos Felipes e Solbes de turno. Preocúpame o  pacifismo de ocupación en Afganistán e os bombardeos humanitarios en Libia. Preocúpame unha política social baseada no aumento da idade de xubilización, a redución das pensións, ou unha lei de dependencia de moitas expectativas e pouca financiación. Preocúpame unha política laboral ditada pola patronal baseada no abaratamento do despedimento, na redución dos salarios e a eliminación da negociación colectiva. Preocúpame unha política de adelgazamento dun estado xa anémico, que como adolescente anoréxica, a pesar de estar non osos, síguese a ver gorda no espello, e sigue adelgazando a base de privatizar a grande obra pública, as caixas de aforro e empresas públicas como AENA. Preocúpame un estado na práctica intervido e no que os que realmente cortan o bacallau (Botín e amigos, Merkel e acólitos, FMI e similares), non se presentan ás eleccións. Preocúpame moito unha visión recentralizadora baseada en reducir os autogobernos de Galiza, Euskadi e Cataluña e un sistemático maltrato aos nosos sectores produtivos, ás nosas infraestruturas básicas e a nosa identidade como pobo diferenciado. Estou preocupado e o anuncio de ZP non rebaixa a miña preocupación.

Tras as caretas socialdemocratras, de terceiras, cuartas e quintas vías, máis do mesmo. Triste herdanza Zapateril que nos fai retroceder décadas no económico e no social: máis paro, máis precaridade, máis desigualdade, máis privatizacións, menos autogoberno e menos dereitos.

Nesta tesitura, o debate fundamental non debería pivotar -como o tentarán facer pivotar- en si o próximo presidente do goberno español será Rubalcaba, Chacón, Bono, Blanco ou o máis que probábel Rajoy. O debate fundamental é se debemos seguir con estas políticas (sexan da man do PP ou do PSOE) ou debemos dar un xiro de 180 grados.

Esta crise subiu das cloacas á superficie a imaxe de quen realmente manda. Eses non se presentan ás eleccións. Non se lles pode "votar" e desgraciadamente tampouco "botar". Son os que manexan os fíos dun teatrello onde PP e PSOE bailan ao son dunha melodía que non permite versos soltos.

A española, é unha democracia de baixa intensidade, baseada nun sistema de bipartidismo cuasi-perfecto ao servizo dos principais poderes económicos. Cando as políticas causan demasiado malestar, e antes de que o fartazo sexa xeneralizado, a poboación pode cambialos por outros, para que no fundamental todo siga igual: que o modelo territorial non se mova, e que os que gañan moito diñeiro o sigan gañando. Esa é a esencia desta quenda, na que o único que desafina é o nacionalismo.

Cada día a escenificación do engraxe que move todo o sistema é menos disimulada: xornalistas que realizan xuízos sumarísimos, xuíces que funcionan como políticos, políticos que funcionan como banqueiros e banqueiros que xogan a ser deuses que quitan e poñen gobernos e empregan o mapamundi a modo de taboleiro de Risk.

Se non facemos algo para evitalo, Zapatero marchará para que todo siga igual. Merecémonos algo mellor, pero non vai ser gratis. O 22 de maio teremos a primeira oportunidade. En Galiza, afortunadamente hai alternativa, hai Bloque Nacionalista Galego.


1 2 seguinte

[10-04-2011 00:59] Posíbel votante comentou:

O Movemento Galego ao Socialismo de Rafa Villar vai aplicar medidas socialistas e antisistema se chegar ao Concello de Compostela?

[08-04-2011 00:12] Antonio das Mortes comentou:

A candidatura independendista de Cangas do Morrazo vai da man do PP tanto como pode; xa o fixo nos oitenta, lexitimando a violencia de extrema dereita nos camiños da vila contra o alcalde do Psoe, e faino agora contra o BNG.
Tampouco teñen ningún problema pra introducir e pasear a bandeira españolista, que aínda que leve banda lila, españolista é. Nin tampouco irse de restaurante con Barreiro Rivas, a ver como se reparte a tallada de Massó, logo de tres anos de urbanismo sen reunir o Consello Municipal do tema; cos veciños nin siquera fixo unha merenda este procer da participación cidadá e popular...ao fin e ao cabo, é independente, e só lle debe explicacións á historia. Porque se fixeron acta da reunión, deberona comer na sobremesa.
Seguimos sen saber porqué aínda están de pé os chalés adosados da "capilla" do Hío, sabendo que as Normas non permiten adosar nese lugar, polo menos ós veciños....
Independente non hai ninguén, non sendo os idiotas no sentido estricto do termo; o único que practican estes persoaxes é reservarse o dereito a incumprir compromisos políticos e persoais, fiando a xustificación nos atallos ao asalto ao ceo que nunca fan, que acaban conducindo á ruina persoal e colectiva á xente honesta que encandilan.
Da independencia de clase á independencia da vangarda, daí á do comité central, á do lider máximo, e a culpa é do cha-chá, ademáis do resto dos independentistas que, iso sí, coherentemente na práctica do seu independentismo, fan o que lle da a gana e contra todo pronóstico, non os siguen! Máis, cómo se pode pronosticar a traxectoria dunha bala perdida?
Mmmm...

[06-04-2011 13:05] Sen contradicións comentou:

Desde cando unha candidatura independentista vai co PP ou co PSOE? Farta a demagoxia barata. Non quedamos que o PSOE e o PP a mesma merda é? Pois, seguidores e seguidoras de Cela e de Villar non contradigan as súas teorías cos feitos.

[05-04-2011 18:19] Eu tamén quero saber comentou:

Cantos concelleiros vai acadar a candidatura independentista que se apresenta? Vaise coaligar co Bloque ou non se venderá e irá co PP?

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña