23:20 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-03-2010

Historia esquecida do derradeiro bispo de San Martiño de Mondoñedo

San Gonzalo. Bispo mindoniense

Valorar (25)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS


Sartego de San Gonzalo


A historiografía oficial, esa mesma que marca unha liña histórica continuada dende Paio ata Xoán Carlos I e que esquece todo aquilo que se aparte da mesma oficialidade, afirma que o traslado da sé episcopal de San Martiño de Mondoñedo ao Val da Brea (poboación que logo pasa a chamarse Mondoñedo) se debeu a que a primeira das sedes estaba moi preto do mar, que por aquel entón estaba inzado de piratas. O traslado obedece a un desexo de protección, segundo a historia oficial, pero como veremos a historia, real, que se agocha detrás deste traslado é moi distinta.

A historia do noso país  está poboada, aínda hoxe, de oficialidades que agochan debaixo historias moito máis complexas. Para ter un coñecemento máis fondo da nosa historia e sentirnos máis orgullosos, se cabe, do país no que vivimos, debemos retiralo pano oficialista e contemplar a realidade histórica. 

Este é o caso de San Gonzalo o derradeiro bispo de San Martiño de Mondoñedo, trala súa desaparición física os seus inimigos (persoais e políticos) quixeron rematar ca súa obra e co seu soño, pero a cada golpe que lle daban, cada obra que lle derrubaban e a cada canto máis se lle quitaba máis o glorificaba o pobo, que acabará por santificalo.

Antes de abordar a razón do traslado da sé  debemos de explicar que é San Martiño de Mondoñedo.

Durante os anos 864 e 1112 foi  sé episcopal, aínda que a súa historia é moito máis antiga, tal e como revelaron as escavacións arqueolóxicas realizadas por Chamoso Lamas a mediados da década de 1960. Entre os restos aparecidos destacaban varias laudas sepulcrais datadas no século VI que vinculan á sé episcopal co Mosteiro Máximo, capital física daquel bispado territorial dos  bretóns (Britonia, Bretoña) emigrados ao noso país.

Pouco despois da destrución da sé dumiense (Dumio, Portugal) os monxes que a poboaban trasládanse a un lugar máis seguro ( á Galiza non conquistada) e fundan unha nova sé en San Martiño de Mondoñedo. Nela destacaron bispos como Sabarico I, fundador,  Sabarico II e o seu sobriño San Rosendo, fundador de Celanova e, como non, San Gonzalo.

¿Quen era San Gonzalo?

Proviña dunha familia poderosa galega, os Traba, que aínda non amosara ata onde podía chegar.

Era fillo de Froilán Bermúdez, pai tamén de Pedro, Rodrigo, Visclávara, Hermesenda e Munia Fróilaz (fillos de Froilán). A figura que máis destaca nesta familia é Pedro, que de criado persoal do rei Afonso VI pasa a converterse en aio e protector do rei galego (coroado en Santiago) Afonso VII, ao que axudará a converterse en Emperador.

Gonzalo Fróilaz exerce como bispo entre os anos 1070 a 1108, período  no que se enfrontará, pola posesión dunhas terras, co poderoso mosteiro de Vilanova de Lourenzá. O mesmo motivo é o que o enfronta co bispo de Lugo e co todopoderoso bispo compostelán Xelmírez (fillo de Xelmiro). Esta loita territorial entre Santiago e Mondoñedo é a xénese dun enfrontamento que rematará co derrubamento de todo aquilo que poda lembrar a figura do bispo Gonzalo. O goberno actual galego emula a Xelmírez  cando se dedica a borrar todo rastro do período de goberno BNG-PSOE, agardamos que a xogada lle saia tan mal como lle saíu ao bispo compostelán.

Os tres bispados en litixio posuían amplos territorios en Braga e cando a sé bracarense se restaura, baixo o bispado de San Xeraldo, os citados territorios deben ser devoltos. As perdas territoriais provocan roces e loitas por territorios limítrofes entre os bispados galegos.

Santiago reclamaba a Mondoñedo (S.Martiño) os arciprestados de Salaxia, Bizoucos e Trasancos alegando que lle foran cedidos á sé mindoniense por un tempo limitado, pero Gonzalo nacera nesas terras e lembraba como dende sempre pertenceran a Mondoñedo, por iso non estaba disposto a devolvelos. Non se pode devolver o que é teu, como moito regalar e non estaban os tempos para iso.

Xelmírez, máis político que eclesiástico, non estaba disposto a perder eses terreos e solicita a convocatoria dun Sínodo episcopal en Carrión (04/02/1103) no que o arcebispo de Toledo Bernardo lle ordena a Gonzalo a inmediata devolución dos citados territorios. Igual orde recibirá no ano 1104 do bispo de Burgos e do rei Afonso VI pero nada conseguiron.

Como tampouco o conseguirá o Papa Pascual II, quen lle remite unha carta (25/10/1105) ordenándolle a devolución, pois así o mandaba a xustiza, "doutra maneira, se vos opoñedes á xustiza sentiredes máis vivamente a súa espada".

Tal era o poder de Gonzalo e da súa familia que non se atreveron a atacalo ata despois da súa morte no ano 1110. Nese ano a situación política galega era bastante complicada. Pedro Fróilaz protexía ao lexítimo rei Afonso en contra do desexo da súa nai (Urraca). Esta, casada en segundas nupcias co rei de Aragón, reclamaba o Reino de Galiza e para asegurarse de que se lle ía entregar marchaba ao fronte dun exército composto por soldados aragoneses e mercenarios casteláns.

Pedro Fróilaz, futuro conde de Galiza, necesitaba un poderoso aliado como era Xelmírez, que se debatía entre dar o seu apoio ao rei Afonso ou ben á súa nai. En febreiro dese ano os nobres, fidalgos, vasalos e sacerdotes dos arcebispados en loita firman un documento polo cal se comprometen a obedecer ao bispado de Santiago. En marzo Xelmírez encabeza, ao lado de Pedro, o potente exército galego que expulsará do Reino aos invasores foráneos.

A vinganza de Xelmírez contra Gonzalo non remataba ca apropiación dos tres arciprestados, tiña que ir máis aló pois afronta sufrida convertera o litixio en algo persoal. Lembremos que Xelmírez, figura refulxente, fora humillado publicamente por un bispo case descoñecido. O bispo santiagués tiña en mente acabar con toda a obra de Gonzalo.

Primeiro foi apropiarse dos arciprestados. Segundo, colocar  como bispo, na sé mindoniense a Nuño Afonso, secretario persoal durante anos de Xelmírez e un dos redactores da Historia Compostelá. O bispo Nuño, rematará, dunha maneira moito máis económica do que no proxecto de Gonzalo se contemplaba, a catedral de San Martiño.

Quedaba aínda por realizar un derradeiro desprezo á obra de Gonzalo e foi o traslado da sé episcopal, alegando a súa proximidade ao mar, a un novo lugar. Resulta curioso que no traslado estivesen implicados e firmasen todos aqueles aos que ofendera o bispo Gonzalo. Así vemos que é Xelmírez quen solicita, nun concilio, o traslado. Moción que recolle e remite a Roma, o arcebispo de Toledo, Bernardo. Tamén firmará a raíña Urraca e o Papa de Roma, Pascual II, o mesmo que fora incapaz de dobregar a un vello bispo, dun case descoñecido bispado.

O traslado significou o afundimento económico do lugar, pero tamén significou o nacemento mítico do bispo Gonzalo, que acabará por converterse en santo aos ollos do pobo.

A figura, xa santificada, de Gonzalo será empregada pola igrexa mindoniense para rematar cas supersticións existentes a principios do século XVI.

Este tema, tal vez, mereza un artigo aparte.


[11-03-2010 ] X M López Trelles comentou:

Graciñas, toda a vida oindo falar do Bispo Santo, nacín a veira da sua catedral e agora e que veño a coñecer a sua historia.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal