04:11 Xoves, 07 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2011

É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante

Indignádevos

Valorar (28)

MARICA CAMPO



Stéphane Hessel, o derradeiro autor vivo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, acaba de presentar en Madrid Indignaos, unha obra de sesenta páxinas na que convida á xuventude a se rebelar pacificamente contra o poder económico e financeiro. (Hai versión galega en Faktoría K con limiar de Manuel Rivas). Di o escritor nado en Alemaña que a forza destes poderes  impide que os gobernos poidan loitar contra lacras coma o paro, e pide  un maior compromiso dos cidadáns e que  se mobilicen "para que os seus dirixentes mostren maior coraxe". José Luis Sampredo, prologuista do libro, sumouse ao seu pedimento e, a poñer o dedo na chaga, falou de cómo o deus desta civilización son os cartos e de que os culpábeis da crise saen  inmunes dela,  mesmo máis enriquecidos.

Son cousas que xa sabiamos. A novidade é a chamada á rebelión. Non deixa de ser paradoxal que teñan que ser dous homes case centenarios (Stéphane Hessel ten 93 anos,  José Luis Sampedro, 94) quen alcen a  voz no intento de derrubar a indiferenza da xente nova, a peor das actitudes segundo o autor do libro.

Tamén Esteban González Pons convidaba interesadamente hai pouco á xuventude española a se manifestar, a semellanza dos países africanos que están a derrubar réximes totalitarios, para botar a Zapatero do goberno. "Quítate de aí para que nos poñamos nós", que sabemos moito mellor como se defende o capital. Como se o presidente do goberno non estivese a xogar, convenientemente guiado pola titora Angela Merkel, coas mesmas cartas con que xogarían eles.

Mais, claro que nos temos que manifestar. É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante. Petar, non tanto nos ouvidos dos políticos dos dous partidos maioritarios, canto nos dun pobo disposto a lle dar a maioría a un partido inzado de corruptos. (E non porque a venalidade xurda exclusivamente entre eles, senón porque a toleran e a encobren). Clamar por ese outro mundo posíbel en que o ser humano e as súas necesidades básicas sexan o centro da acción política.

O nacionalismo galego historicamente, e diso nos deberiamos orgullar, indignouse e así o demostrou. Tanto nos refregaron na cara que eramos os do non, que debiamos moderar o noso discurso, que nos tiñamos que "homologar", que nalgún momento esquecemos que era o vento da liberdade o que movía o noso barco. Pensamos que para chegar antes ao caladoiro dos votos era preciso poñerlle un motor de importación e tirar lastre. Ser boíños, vaia. E así nos foi.

Agora, mentres outros calan coma cucos, o BNG di non. Non a todas as guerras. Non á perda dunha Caixa de Aforros galega. Non ao desmantelamento dos sectores agrario e pesqueiro. Non ao calote das eólicas impulsado polo partido no goberno da Xunta. Non ao retroceso programado da lingua galega. Non á emigración  forzosa da nosa mocidade. Non...

Sigamos a ser os do non,  porque este non é o mundo que queremos. O si reservámolo para todo o que nos faga máis nós e, por máis humanos, máis solidarios.


1 2 3 4 5 seguinte

[10-04-2011 00:49] Alberte comentou:

Rectificar é de sabios, di un coñecido refrán.
A boa sona progresista do BNG non pode quedar en cuestión para a cidadanía ferrolá e galega e para a historia pola teimosía de catro señores que demostraron e demostran moita incompetencia política neste tema.
Hai que loitar en contra da contaminación, da ría de Ferrol, Arsenal, verquidos de Megasa, térmica das Pontes, pero tamén de Reganosa. E polo perigo que para a seguranza cidadá teñen todas estas instalacións.
A ver se dunha vez impera o sentido común e o BNG reaxe non facendo caso a só catro señores que non teñen porque determinar a política en Ferrolterra.

[09-04-2011 10:52] Antonio das Mortes comentou:

Coidádevos dos puros, que tiran a primeira pedra!

[09-04-2011 08:37] Bruto e contaminante ti comentou:

E non digas que es de Mugardos ou de Ferrolterra que ben se che ve o bigote. Se foses de Ferrolterra non manifestarías ese falso alarmismo que en Ferrolterra ninguén comparte. Eu con todo estou a favor do que fixo o BNG, de alegar en contra da ubicación da planta de gas, algo que ninguén máis fixo. A ti, pola contra, nada che debe preocupar o Arsenal, o carbón, os vertidos químicos de Megasa, a falta de depuración e varias cousas máis que hai na ría. Só che preocupa, non a planta de gas nin sequera, senon criticar ao BNG, só ao BNG, nun artigo sobre a crise económica. Revelador. Ale, a queimar carbón español, que é máis contaminante que o galego e que o gas, pero como somos parvos galeguiños non van ser os leoneses os que se priven.

[08-04-2011 18:52] Réplica desde Mugardos comentou:

"E non vai mandar!" non acaba de entender que Reganosa é criticábel máis por cuestións de seguridade que afectan aos cen mil habitantes que viven na zona que pola contaminación. É problema intelectual ou de cabezonería? Non creo que lle saque ningunha rendibilidade o BNG ao posicionamento destes señores.
A opinión pública de Ferrolterra está en contra de Reganosa, pero eles seguen erre que erre defendéndoa. Até a fin! Pouco deben querer a Ferrolterra e respectar aos seus habitantes estes señores.
Que se saiba o Arsenal e os estaleiros levan séculos -e ninguén até agora os defendeu-, pero a desfeita de Reganosa é moito máis recente. E eles continúan xustificándoa. Polo interese cidadá? Ou será por un interese sindical curto e mal entendido? A organización política á que pertencen deberíaos controlar polo seu propio ben, porque a prexudican, ao defenderen unicamente o seu status sindical.
Non só hai que ir de puro, senón ser puro. Se alguén se define como progresista e por loitar a prol do pobo galego non pode á vez contradicirse coa súa práctica e xustificar este tipo de aberracións.
Dubido que a base do BNG de toda Galiza acepte e xustifique Reganosa do mesmo xeito que fan estes homes. A súa minoritaria opinión non pode ter secuestrada a opinión maioritaria do BNG, que vén esixindo neste e noutros temas cambios urxentes.
Pola visión curta, interesada, "desarrollista" e antiecolóxica que teñen dos temas non están capacitados para a política contemporánea e non poden seguir causando problemas medioambientais en Ferrolterra. Por seren lignitos en bruto. Moi brutos e contaminantes.

1 2 3 4 5 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña