11:54 Luns, 15 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2011

É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante

Indignádevos

Valorar (28)

MARICA CAMPO



Stéphane Hessel, o derradeiro autor vivo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, acaba de presentar en Madrid Indignaos, unha obra de sesenta páxinas na que convida á xuventude a se rebelar pacificamente contra o poder económico e financeiro. (Hai versión galega en Faktoría K con limiar de Manuel Rivas). Di o escritor nado en Alemaña que a forza destes poderes  impide que os gobernos poidan loitar contra lacras coma o paro, e pide  un maior compromiso dos cidadáns e que  se mobilicen "para que os seus dirixentes mostren maior coraxe". José Luis Sampredo, prologuista do libro, sumouse ao seu pedimento e, a poñer o dedo na chaga, falou de cómo o deus desta civilización son os cartos e de que os culpábeis da crise saen  inmunes dela,  mesmo máis enriquecidos.

Son cousas que xa sabiamos. A novidade é a chamada á rebelión. Non deixa de ser paradoxal que teñan que ser dous homes case centenarios (Stéphane Hessel ten 93 anos,  José Luis Sampedro, 94) quen alcen a  voz no intento de derrubar a indiferenza da xente nova, a peor das actitudes segundo o autor do libro.

Tamén Esteban González Pons convidaba interesadamente hai pouco á xuventude española a se manifestar, a semellanza dos países africanos que están a derrubar réximes totalitarios, para botar a Zapatero do goberno. "Quítate de aí para que nos poñamos nós", que sabemos moito mellor como se defende o capital. Como se o presidente do goberno non estivese a xogar, convenientemente guiado pola titora Angela Merkel, coas mesmas cartas con que xogarían eles.

Mais, claro que nos temos que manifestar. É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante. Petar, non tanto nos ouvidos dos políticos dos dous partidos maioritarios, canto nos dun pobo disposto a lle dar a maioría a un partido inzado de corruptos. (E non porque a venalidade xurda exclusivamente entre eles, senón porque a toleran e a encobren). Clamar por ese outro mundo posíbel en que o ser humano e as súas necesidades básicas sexan o centro da acción política.

O nacionalismo galego historicamente, e diso nos deberiamos orgullar, indignouse e así o demostrou. Tanto nos refregaron na cara que eramos os do non, que debiamos moderar o noso discurso, que nos tiñamos que "homologar", que nalgún momento esquecemos que era o vento da liberdade o que movía o noso barco. Pensamos que para chegar antes ao caladoiro dos votos era preciso poñerlle un motor de importación e tirar lastre. Ser boíños, vaia. E así nos foi.

Agora, mentres outros calan coma cucos, o BNG di non. Non a todas as guerras. Non á perda dunha Caixa de Aforros galega. Non ao desmantelamento dos sectores agrario e pesqueiro. Non ao calote das eólicas impulsado polo partido no goberno da Xunta. Non ao retroceso programado da lingua galega. Non á emigración  forzosa da nosa mocidade. Non...

Sigamos a ser os do non,  porque este non é o mundo que queremos. O si reservámolo para todo o que nos faga máis nós e, por máis humanos, máis solidarios.


anterior 1 2 3 4 5

[04-04-2011 03:04] o do NON comentou:

Pra , Oxalá que fose do non , un xa farto co tema de Reganosa , mira unha cousa , tí que estás a falar do PsoE ou do BNG ? , por que no ano 1985 ( ano arriba ano abaixo ), o sr. Solchaga ( Menistro daquela con Felipe González ) , foi o Xestor da puñetera Planta do Gas , e apoiada polo PP de Fraga , e pra arrefriar a túa memoria , o BNG foi a única Organización que nos anos 90 saíu á rúa para protestar en contra de Reganosa , o que pasa que cando unha obra está máis que xestionada e executada , non hai volta atrás , eisi que por favor , menos demagoxia , e xa istá ben de difamar e amolar contra o BNG, que os páis da criatura é e foi o PsoE e posteriormente apoiou o PP, boa noite , e por certo , eu tamén son os do NON , á OTAN , NON Á GUERRA , NON Á EMIGRACIÓN , NON AO DESEMPREGO , NON ..........

[03-04-2011 03:14] Oxalá que fose do non comentou:

Por desgraza o BNG é a organización do si a moitas cousas do sistema: Si ao AVE, si a Reganosa, por exemplo.
A Marica habería que pedirlle tamén que se indignase cos que din unha cousa na teoría e na práctica levan outra moi distinta. Por exemplo: Bipartito e concellos.
A esquerda do Estado español está chea de oportunistaS e de hipócritas, de xente para os que non hai ideoloxía senón só postos. Habería que indignarse con oportunismo e o cinismo na política.
E tamén non se trata con dicir, porque se pode berrar non á emigración dos mozos galegos, pero non facer nada nas institucións para evitala. E se pode dicir si á caixa galega, cando xa se sabe que vai desaparecer como tal e non cuestionar os soldazos dos seus xestores, os que a levaron á ruína.
Oxalá que o BNG sexa unha organización do non ao sistema económico e político -cousa que dubido. E tamén a organización do si ás transformacións e do si a construír o socialismo na Galiza, non a só discursear.

anterior 1 2 3 4 5
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña