Stéphane Hessel, o derradeiro autor vivo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, acaba de presentar en Madrid Indignaos, unha obra de sesenta páxinas na que convida á xuventude a se rebelar pacificamente contra o poder económico e financeiro. (Hai versión galega en Faktoría K con limiar de Manuel Rivas). Di o escritor nado en Alemaña que a forza destes poderes impide que os gobernos poidan loitar contra lacras coma o paro, e pide un maior compromiso dos cidadáns e que se mobilicen "para que os seus dirixentes mostren maior coraxe". José Luis Sampredo, prologuista do libro, sumouse ao seu pedimento e, a poñer o dedo na chaga, falou de cómo o deus desta civilización son os cartos e de que os culpábeis da crise saen inmunes dela, mesmo máis enriquecidos.
Son cousas que xa sabiamos. A novidade é a chamada á rebelión. Non deixa de ser paradoxal que teñan que ser dous homes case centenarios (Stéphane Hessel ten 93 anos, José Luis Sampedro, 94) quen alcen a voz no intento de derrubar a indiferenza da xente nova, a peor das actitudes segundo o autor do libro.
Tamén Esteban González Pons convidaba interesadamente hai pouco á xuventude española a se manifestar, a semellanza dos países africanos que están a derrubar réximes totalitarios, para botar a Zapatero do goberno. "Quítate de aí para que nos poñamos nós", que sabemos moito mellor como se defende o capital. Como se o presidente do goberno non estivese a xogar, convenientemente guiado pola titora Angela Merkel, coas mesmas cartas con que xogarían eles.
Mais, claro que nos temos que manifestar. É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante. Petar, non tanto nos ouvidos dos políticos dos dous partidos maioritarios, canto nos dun pobo disposto a lle dar a maioría a un partido inzado de corruptos. (E non porque a venalidade xurda exclusivamente entre eles, senón porque a toleran e a encobren). Clamar por ese outro mundo posíbel en que o ser humano e as súas necesidades básicas sexan o centro da acción política.
O nacionalismo galego historicamente, e diso nos deberiamos orgullar, indignouse e así o demostrou. Tanto nos refregaron na cara que eramos os do non, que debiamos moderar o noso discurso, que nos tiñamos que "homologar", que nalgún momento esquecemos que era o vento da liberdade o que movía o noso barco. Pensamos que para chegar antes ao caladoiro dos votos era preciso poñerlle un motor de importación e tirar lastre. Ser boíños, vaia. E así nos foi.
Agora, mentres outros calan coma cucos, o BNG di non. Non a todas as guerras. Non á perda dunha Caixa de Aforros galega. Non ao desmantelamento dos sectores agrario e pesqueiro. Non ao calote das eólicas impulsado polo partido no goberno da Xunta. Non ao retroceso programado da lingua galega. Non á emigración forzosa da nosa mocidade. Non...
Sigamos a ser os do non, porque este non é o mundo que queremos. O si reservámolo para todo o que nos faga máis nós e, por máis humanos, máis solidarios.
[04-04-2011 15:22] Desde Narón comentou:
É tamén home do Non o burgués de Pablo Villamar? O seu tren de vida é propio dun home do NON? É tamén seguidor de Castelao un home que aínda non galeguizou o seu nome?
[04-04-2011 15:05] E o non ao AVE? comentou:
Onde está o non ao AVE, amigos e amigas ecoloxistas do BNG? Que argumentos sólidos ten o BNG para defender o AVE?
Paréceme demagóxico dicir que calquera cousa que faga o BNG é para criticar. Quen fai este tipo de comentarios sabe moi pouco de democracia, porque o que quere é que non haxa debate. Criticar o que está mal é unha obriga e pode axudar a corrixir. Non ao silencio e a comungar con rodas de muíño. Sí, ao debatge e á crítica.
[04-04-2011 11:19] Para "o do NON" comentou:
Pero é que este "amigo do BNG" é o do NON a calquera cousa que faga, ou non faga, ou poida facer, ou non, o BNG. Que teima ten connosco... Hai vida máis aló do BNG, sabes?
[04-04-2011 08:25] Outra vez ti? comentou:
Afortunadamente, o BNG é o único que cuestionou a continuidade dos pésimos xestores da caixa. Ti o único que fas é cuestionar ao BNG.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.