08:32 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2011

É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante

Indignádevos

Valorar (28)

MARICA CAMPO



Stéphane Hessel, o derradeiro autor vivo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, acaba de presentar en Madrid Indignaos, unha obra de sesenta páxinas na que convida á xuventude a se rebelar pacificamente contra o poder económico e financeiro. (Hai versión galega en Faktoría K con limiar de Manuel Rivas). Di o escritor nado en Alemaña que a forza destes poderes  impide que os gobernos poidan loitar contra lacras coma o paro, e pide  un maior compromiso dos cidadáns e que  se mobilicen "para que os seus dirixentes mostren maior coraxe". José Luis Sampredo, prologuista do libro, sumouse ao seu pedimento e, a poñer o dedo na chaga, falou de cómo o deus desta civilización son os cartos e de que os culpábeis da crise saen  inmunes dela,  mesmo máis enriquecidos.

Son cousas que xa sabiamos. A novidade é a chamada á rebelión. Non deixa de ser paradoxal que teñan que ser dous homes case centenarios (Stéphane Hessel ten 93 anos,  José Luis Sampedro, 94) quen alcen a  voz no intento de derrubar a indiferenza da xente nova, a peor das actitudes segundo o autor do libro.

Tamén Esteban González Pons convidaba interesadamente hai pouco á xuventude española a se manifestar, a semellanza dos países africanos que están a derrubar réximes totalitarios, para botar a Zapatero do goberno. "Quítate de aí para que nos poñamos nós", que sabemos moito mellor como se defende o capital. Como se o presidente do goberno non estivese a xogar, convenientemente guiado pola titora Angela Merkel, coas mesmas cartas con que xogarían eles.

Mais, claro que nos temos que manifestar. É indispensábel que berremos a nosa indignación contra a pobreza crecente e a xustiza minguante. Petar, non tanto nos ouvidos dos políticos dos dous partidos maioritarios, canto nos dun pobo disposto a lle dar a maioría a un partido inzado de corruptos. (E non porque a venalidade xurda exclusivamente entre eles, senón porque a toleran e a encobren). Clamar por ese outro mundo posíbel en que o ser humano e as súas necesidades básicas sexan o centro da acción política.

O nacionalismo galego historicamente, e diso nos deberiamos orgullar, indignouse e así o demostrou. Tanto nos refregaron na cara que eramos os do non, que debiamos moderar o noso discurso, que nos tiñamos que "homologar", que nalgún momento esquecemos que era o vento da liberdade o que movía o noso barco. Pensamos que para chegar antes ao caladoiro dos votos era preciso poñerlle un motor de importación e tirar lastre. Ser boíños, vaia. E así nos foi.

Agora, mentres outros calan coma cucos, o BNG di non. Non a todas as guerras. Non á perda dunha Caixa de Aforros galega. Non ao desmantelamento dos sectores agrario e pesqueiro. Non ao calote das eólicas impulsado polo partido no goberno da Xunta. Non ao retroceso programado da lingua galega. Non á emigración  forzosa da nosa mocidade. Non...

Sigamos a ser os do non,  porque este non é o mundo que queremos. O si reservámolo para todo o que nos faga máis nós e, por máis humanos, máis solidarios.


anterior 1 2 3 4 5 seguinte

[05-04-2011 18:23] Reconsiderar teimas comentou:

É sorprendente, si, en plena crise, desgoberno pepeiro, coa que está caendo, e algúns seguen co seu monotema contra o BNG por estes mundos virtuais... Así lles foi, 150 manifestantes xuntaron para dicir que co PP non se está tan mal, sen venderse.

[05-04-2011 16:38] Reconsiderar posturas comentou:

Deberíase estudar dunha vez -se non xa o farán os historiadores- se liberados da CIG de Endesa das Pontes non interviron de maneira decisiva no "suave" posicionamento do BNG sobre Reganosa. É sorprendente -prefiro non dicir cousas máis fortes- que o medo á perda dos privilexiados postos de liberados -orixinados polos de traballo- fosen máis decisivos que os intereses medioambientais e de seguridade do resto da sociedade mugardesa, ferrolá e galega. Algún día o BNG reconsiderará a súa postura anterior?

[04-04-2011 20:52] Seguro que "Desde Mugardos"? comentou:

Ese comentario ten bigote, ten bigote... A decisión de poñer Reganosa en Mugardos non a tomou ningún sindicalista, bigotonciño, que a Zapatero, Fraga e ministros de industria varios non se lles coñece actividade sindical ningunha...

[04-04-2011 16:24] Desde Mugardos comentou:

Para "O do Non":
Se vivises á beira da planta de gas case seguro que opinabas doutro xeito e estarías farto noutro sentido.
Gustaríame saber porque os que vivimos por aquí pensamos que na decisión de pór Reganosa en Mugardos tiveron moito que ver certos liberados sindicais de Endesa das Pontes. Ninguén lles pedirá contas?

anterior 1 2 3 4 5 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña