11:59 Domingo, 08 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-03-2011

O paquebote esmaltado (cartografías da cultura)

Formigas xigantes

Valorar (19)

CARLOS NEGRO


Valentín Arias


Cando neno, nese alborexar da democracia que deu en denominarse transición, no andel do moble do salón da casa familiar só existían, como illotes solitarios, tres libros con recendo a galego: as Obras completas de Rosalía de Castro, A cociña galega de Álvaro Cunqueiro e As memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas; e de literatura infantil e xuvenil no noso idioma, gándara deserta, non se albiscaba nin rastro.

Non era moito mellor a situación no colexio da vila, aínda co crucifixo pendurado na parede das aulas; naqueles interiores de baldosas frías a presenza do galego constituía unha especie de exotismo oriental, e as obras literarias no noso idioma figuraban no catálogo dos obxectos imaxinarios, tesouros moito máis intanxibles que a lámpada de Aladino ou o mapa do capitán Flint. Non sería ata mediados dos oitenta cando as cousas, moi a modo, comezasen a mudar.

Foi así que para moitos de nós, intuitivos lectores de silveira, nenos de Nocilla e Lacasitos, o primeiro descubrimento gozoso da literatura só puido acontecer en castelán obrigatorio, na lingua pulcra que empregaban os heroes da Editorial Bruguera e da colección "Tus libros" de Anaya; e nos fogares onde agora campa a enxebre familia dos Bolechas, a principios dos anos oitenta do século pasado só rebulían Zipi e Zape ou Mortadelo e Filemón, a soñadora Esther e, por suposto, o invencible Capitán Trueno. Non eran aqueles tempos de "bilingüismo harmónico" nin farrapo de gaitas: ogros e princesas, piratas e corsarios, ladróns e detectives... todos falaban o común dialecto do imperio cervantino.

E cando chegou a feliz hora dos clásicos universais, de Robert Louis Stevenson a Edgar Allan Poe, de Jules Verne a Emilio Salgari, de Rudyard Kipling a Louise Marie Alcott, non houbo tampouco escolla posible. A voz dos relatos, o fascinante eco da lectura, acontecía sempre na linguaxe do Sétimo de Cabalaría. Só nas aldeas, aquel territorio inexplorado tan lonxe dos libros, algunhas tribos salvaxes, apaches de toxeira, baduaban aínda estrañas voces, palabras bravas con cheiro a arroallo.

Trinta anos máis tarde, no cuarto do meu fillo florecen, vizosos e coloridos, álbums ilustrados e contos marabillosos, en proxectos editoriais que converteron a imaxinación e o compromiso coa nosa lingua nun arma cargada de futuro; e a nosa literatura, no coidado dos seus gromos máis novos, converteuse nun magnífico exemplo de como aloumiñar a semente para que as crianzas poidan medrar e soñaren en galego. Ou tamén para que, cando eses raparigos cheguen a adolescentes, teñan o dereito a escoller o noso idioma para as lecturas de tránsito, eses textos fundamentais que os irán levando cara á dífícil idade das dúbidas, cara a ese tempo convulso que os converte, entre pinchacarneiros e reviravoltas, en seres adultos.

Neste brinco sen rede dos últimos trinta anos, tan ateigado de esperanza como ameazado de incertezas, participaron, con talento e entusiasmo, centos de escritores e escritoras; máis tamén, ao seu carón, editoras e libreiros, mestras e ensinantes que converteron os centros educativos en ágoras da lectura, en fértiles agras que permiten o encontro coa mellor literatura galega e estranxeira. E, por suposto, como un ronsel de esperanza, redes de bibliotecas e clubs de lectura que fan do diálogo cos libros punto de encontro, alternativa para un ocio intelixente.

Nese tránsito gozoso, representa un acto de xustiza recoñecer, coa pucha na man, o labor inxente dun grupo de persoas que, case sempre en silencio, contribuíron a que hoxe en día, e de xeito cada vez máis profesional, poidamos exercer o dereito á lectura en galego dos clásicos universais de todas as épocas e lugares; a eses pioneiros que conquistaron, rego a rego, liña a liña, palabra a palabra, o territorio infinito das outras literaturas, traendo para á nosa casa, para o noso idioma, as voces e as letras dos escritores que amamos. E que tamén, de vagariño, percorreron o vieiro inverso, trasladando o esplendor da nosa tradición cultural e literaria á lonxa dos mercados internacionais.

Por iso, cando contemplo as vizosas pólas da libraría do meu fillo, agradezo, cun sorriso nos beizos, o tenaz esforzo de todas as tradutoras e tradutores que nos foron permitindo construír un edificio literario con fiestras abertas a todos os ventos do mundo.

A esas persoas que, desde a intuición recreadora, seguen a transportar ideas e emocións dunha lingua a outra, como quen leva entre os dedos auga vella de namorar.

A esas persoas que actúan como vasos comunicantes das mil e unha literaturas.

Como dignas herdeiras do mestre Valentín Arias.

Unha ponte entre ríos.
Unha alfaia na sombra.
Unha formiguiña xigante.
Beizóns para el, na carballeira dos soños.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña