14:36 Xoves, 21 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2011

A intervención militar agravará o conflito, agravará os mortos -que serán sobre todo os de sempre, a poboación civil- e multiplicará a destrución

Hoxe coma onte e para sempre ¡Non á guerra! Indignémonos!

Valorar (22)

VITORINO PÉREZ PRIETO


Debuxo de Castelao


Os bombardeos sobre Libia, aínda que presuntamente consentidos e apoiados pola "comunidade internacional", multiplican de novo o ruído dos tambores bélicos, e anuncian un mouro "amencer da odisea", na que só se fregarán as mans satisfeitos os que viven do lucrativo negocio das armas -que necesita guerras nas que gastar os seus carísimos cartuchos- e os que controlan o petróleo, quizais o verdadeiro obxectivo estratéxico da nova intervención internacional.

Basta de guerras! Indignémonos! como pide o vello Stéphane Hessel; non podemos aceptar esa dinámica belicista. A violencia, hoxe como onte, non é camiño para solucionar os conflitos; só dá a vitoria aos máis fortes. A intervención militar agravará o conflito, agravará os mortos -que serán sobre todo os de sempre, a poboación civil- e multiplicará a destrución. O máis probable é que acabe nunha traxedia maior que a que se pretendía evitar, e poida que oculte o que moitos consideran o verdadeiro transfondo da intervención militar: o control dos recursos enerxéticos.

Fai oito anos empezaba unha guerra que chamaban "cirúrxica", e que ía ser "rápida", para acabar tamén cun asasino -certamente cruel co seu pobo- que, dicían, escondía "armas de destrución masiva". Tratábase de levar, ás terras da vella Babilonia do frustrado Paraíso a paz e a democracia, protexendo ao pobo iraquí. Pero van alá oito anos e os novos cruzados non saben como saír dun Iraq, que padeceu nese tempo máis violencia que nos tempos do ditador.

Aínda que se diga que esta nova guerra conta co aval do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e a mesma Liga Árabe ante un ditador, Gadafi, tan sanguinario como Sadam Hussein, e que a poboación civil merece protección (como a do Sahara, de Palestina... e mesmo a do Tibet), "tras as guerras non quedan máis que cardos e espiños", como di a vella sabedoría do Tao che King.

É a sociedade civil de cada pobo a que vai tombar aos seus ditadores e establecer un futuro democrático en paz; como aconteceu co ditador tunisiano ou co último faraón exipcio moderno. É a forza da non violencia, moito máis eficaz, a que debe apoiar a comunidade internacional, no canto de lexitimar aos ditadores, como fixo durante anos con Gadafi e Hussein, vendéndolles armas e ríndolles as súas excentricidades

Por iso, cremos que os novos aliados deben cesar os bombardeos sobre Libia. E dicimos de novo moi alto, hoxe como onte Non á guerra! Non no noso nome!  Os novos aliados deben unirse para a paz, non para a guerra; os pobos democráticos deben colaborar, máis que nunha vitoria militar, nun proceso pacífico, de negociación entre as partes; un proceso que garanta unha transición en paz cara á democracia e a liberdade.


[24-03-2011 13:06] luisiño comentou:

Na Libia hai un pobo en armas contra un dictador sanguinario, pobo ao que hai que axudar. Non é o mesmo que a guerra de Irak. Por iso case todo o mundo de bon corazón está dacordo con intervir a favor da xente de Libia. Falar de negociación co tolo de Gaddafi é ser parvo, calquera o ve. E nunca foi apoiado por Occidente, que durante moitos anos o boicoteóu. Outra cousa é que certos marxistas leninistas renegridos siguen vendo con simpatía ao obscenamente cruel rexime do Gaddafi polo seu antiamericanismo primixenio. Polo mesmo que ven con bos ollos aos islamistas ou no seu día simpatizaron con Pol Pot ou con Milosevic.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña