12:17 Xoves, 19 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2011

Case conseguiran que agochásemos na nosa "biografía" a lembranza das marchas a Xove

Nucleares, non grazas

Valorar (12)

FRANCISCO XESÚS JORQUERA CASELAS


Adhesivo editado pola Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) contra a central nuclear prevista en Xove


Case conseguiran que agochásemos na nosa "biografía" a lembranza das marchas a Xove. Que nos apresurásemos a desfacernos de aqueles autocolantes nos que un sol sorrinte ollaba para nós. O "nuclear" era o moderno. Unha enerxía barata, "segura" e "limpa", sen emisións de CO2. A mellor alternativa fronte á  dependencia dos combustíbeis fósiles. O mellor xeito de garantiren a suficiencia enerxética.

Non era só cousa do PP. Felipe González levaba tempo intentando seducirnos, antes incluso de fichar por unha eléctrica. O propio Goberno español tivo pena de certificar a morte de Garoña e aínda hai uns días de facer o propio con Cofrents. Manifestouse, tamén neste tema, disposto a "fuxir de dogmatismos", a incluír a aposta nuclear na súa incontíbel pulsión reformista.

E entón chegou Fukushima.

"Non convén sacar conclusións en quente", "ningunha tecnoloxía é segura ao cento por cento, tamén pode rachar un pantano", "estamos a falar do maior terremoto e do maior tsunami des que hai rexistros": Os voceiros do lobby nuclear non dan abasto para que a opinión pública non desande o camiño andado.

Quizais por iso, aínda que sexa en quente, conveña lembrar algunhas cousas:

- Ningunha tecnoloxía de xeración é segura ao cento por cento, precisamente por iso debe descartarse unha enerxía que en caso de accidente representa unha ameaza moito maior que calquera outra tecnoloxía de xeración.
- Se á hora de avaliar os custes económicos da enerxía nuclear imputámoslle os custes de tratamento e almacenaxe, durante xeracións e xeracións, dos residuos que xera, a enerxía nuclear é con moito a máis cara.
- Fronte a crenza que se intenta estabelecer, o Estado Español non é deficitario en enerxía eléctrica, exporta máis da que importa e ten unha capacidade de xeración moi superior á demanda interna.
- No caso de Galiza, a diferenza entre a súa capacidade de xeración eléctrica e o seu consumo é aínda moito maior. O noso problema é ben distinto, a imposibilidade de aproveitar esta avantaxe competitiva -por mor da nosa dependencia política-  para favorecer o progreso do país.
- O Estado español si que é dependente en materias primas necesarias para a xeración de enerxía, entre elas o plutonio e o uranio, recursos esgotábeis como o petróleo.
- O Estado español e nomeadamente Galiza ten un extraordinario potencial de desenvolvemento en enerxías renovábeis, suficiente para absorver nun prazo razoábel a aportación da enerxía nuclear ao sistema eléctrico e reducir a dependencia dos combustíbeis fósiles.
- De optárense por construír novas centrais, as localizacións máis probábeis serían as zonas de costa (necesitan abastecerse de grande cantidade de auga), áreas alonxadas das grandes concentracións de poboación ou con grandes consumidores eléctricos próximos, como Alcoa na Mariña luguesa. En definitiva, pese a que Galiza ten unha capacidade de xeración eléctrica moi superior ás súas necesidades de consumo, teriamos todas as papeletas.
- Unha das razóns inconfesadas da ofensiva pro-nuclear é o control fortemente centralizado desta tecnoloxía e o seu posíbel uso militar. Deste xeito, contribúese ao mantemento dunha xerarquía a nível mundial onde a "disuasión" nuclear esta só ao alcance duns poucos.

Estes días moitos habitantes do norte e centro de Xapón están fuxindo cara o sul, o destino de moitos deles é a cidade máis anti-nuclear do planeta. Chámase Hiroshima.

Ben pensado, vou recuperar o autocolante co sol sorrinte. Nuclear, non grazas!


[23-03-2011 19:55] Antonio das Mortes comentou:

Logo de sete marteladas na ferradura, deche no clavo coa oitava!
Quero dicir que das cousas que cita o autor que "conveñen lembrar", a última acho que é a máis aclaratoria; a oligarquía española quere acceder aos dous aspectos dos que fala no derradeiro punto, e só o pode facer como socio menor, arcando con centrais e depósitos-cemiterios nucleares.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña