02:54 Domingo, 01 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-03-2011

Sobre a superación de falsos tópicos (I)

A estrutural galeguidade da cidade da Coruña

Valorar (28)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



O último contributo nesta revista dixital que levaba a nosa sinatura salientou a importancia que ten a toponimia para sabermos máis de nós propios, non só no aspecto lingüístico, mais tamén do punto de vista cultural, histórico, socioeconómico etc. Esa disciplina constitúe unha ferramenta de primeira man caso quixésemos aproximarnos do xeito de os nosos devanceiros viviren e de se relacionaren co medio en que moraban, pois a lingua cumpre unha responsabilidade fundamental para humanizar e para habitar a terra. Naquela ocasión, a maior parte dos exemplos que expuxemos asentaba na situación toponímica da cidade da Coruña, e non por recorrente e doado localismo, mais por ser a realidade que mellor coñecemos e da cal podemos falar con maior seguranza. Ocorre que, após a súa difusión pública por esta revista, houbo xente con que conversamos ou que se puxo en contacto connosco que nos comentou que todo ese proceso de uso consciente dos topónimos oficiais, de restauración e de conservación das denominacións tradicionais tería serias dificultades para se poder desenvolver con eficacia na antecitada localidade polo presumíbel carácter singular no referente ao sentimento de galeguidade da súa cidadanía. As explicacións que se nos daban tiñan como eixo estruturador non sabemos que suposta condición especial do municipio e das súas xentes a respecto do país: a partir de aquí, viña unha coñecida sucesión de tópicos (discutíbeis canto aos seus vínculos coa realidade social e cultural da cidade) que conseguiu ter, infelizmente, moita megafonía e proxección no resto da Galiza, mesmo noutras áreas do Estado español. O presente artigo, do cal hoxe ofrecemos a primeira parte, tenciona rebater esa idea tan estendida no tocante á escasa identidade galega da Coruña e para isto imos centrarnos en cuestións fundamentalmente lingüísticas e culturais.

Antes de máis, vaia por diante a nosa firme convicción de que un dos disfarces máis perigosos con que adoita vestirse o centripetismo reaccionario é o neborento e limitador fato do localismo. Con algunha contada excepción, só temos de pensar na adscrición ideolóxica daquelas formacións políticas que se declaran defensoras unicamente da Coruña (nunca da nación), só de Betanzos (e non do país), soamente de Sada (xamais do resto do territorio) etc. e non teremos ningunha dificultade en as asociarmos aos sectores máis resesos da dereita española. Desde pouco despois da instauración da monarquía parlamentar borbónica, e após o goberno do nacionalista Domingos Merino (primeiro alcalde da "democracia" na Coruña, o que case hoxe ninguén parece lembrar), sucesivas corporacións municipais monocolores traballaron consciente e infatigabelmente no labor mediático e institucional para a percepción cidadá entender que a capital ártabra non era como as outras localidades e vilas do país, xa que se sentía diferente, distinta, menos galega e, subsecuentemente, máis española. Algunha caixa de aforros, certas empresas de comunicación, diversa e perversa propaganda municipal e varias promotoras inmobiliarias viñeron ocupándose con constancia de espallaren a tal impresión, conforme aconteceu noutras vilas e cidades do país.

Baixo ese estandarte, e a continuaren coa liña dos gobernos locais franquistas, arremeteron desde a especulación urbanística contra o legado arquitectónico, artístico e histórico da cidade que puidese ser minimante sospeito de galego. Así, temos hoxe en día de nos preguntar onde é que foron parar a capela e a fonte de Santa Margarida, cara a que lugar voaron os muíños de vento da Agramela, Montealto ou Nelle de que fala Begoña Bas no seu libro Muíños de marés e de vento en Galicia (1991), en que escuro mar navegarán as construcións con patín de estilo mariñeiro de San Roque ou do Río (o bairro de San Roque foi derrubado en meados do pasado mes), onde están todos os predios do século XIX con galería que se achaban nos Cantóns e noutras zonas da cidade, en que recóndito lugar se encontrarán as partes que faltan do acueduto de 1727 construído pola mediación do intendente Rodrigo de Caballero ou onde foron dar moitos dos hórreos de cantaría e/ou cachotaría con celeiro (tamén de pedra) chamados por Ignacio Martínez Rodríguez "tipo Visma" no seu traballo El hórreo gallego (1975; 1999, 2ª ed.), datados entre os séculos XVIII e XIX e característicos desta rexión da Coruña-Arteixo-Elviña; obviamente, xa nin se nos ocorre pensar no que puido ser do acueduto de 1565 que transportaba auga desde mananciais de Vioño e de Nelle até á rúa de Santo André...

Esas mesmas corporacións, igualmente, importaron ou potenciaron celebracións totalmente alleas á nosa tradición cultural, cal a "Feria de Abril" (acaso houbo feira algunha vez nos Xardíns do Recheo...?), algunhas completamente deficitarias do prisma económico e superavitarias do punto de vista da tortura aos animais, como as touradas (as cales, contra todo o que se di, non fan parte tradición cultural galega nin coruñesa, pois as primeiras que se celebran na Coruña dátanse na segunda metade do século XIX e xa daquela se comentaba que economicamente non eran rendíbeis...). Outrosí, coa mesma vontade colonizadora, arrasaron e barbarizaron topónimos como os que comentabamos hai unhas semanas, até o punto de condenaren moitos deles ao desaparecemento. E, non o esquezamos, arredaron o galego da esfera pública, reduciron a lingua a certa caste de manifestacións etnográficas ou folclóricas e pretenderon condenar á obsolescencia toda unha nómina de intelectuais, movementos de base, organizacións culturais etc. que levan traballado desde hai máis dun século na rexeneración da Galiza como pobo desde a cidade da Coruña.

Mais, moito ao seu pesar, os tales axentes da colonización non conseguiron borrar esa íntima personalidade da capital herculina. A doenza non leva implícito neste caso o deceso irremediábel do carácter galego da localidade de que falamos. Colectivos sociais, entidades culturais e formacións políticas, sen contarmos co marcado e elementar substrato galaico da Coruña, conseguiron que eses obxectivos se non visen atinxidos. E desde a chegada novamente do nacionalismo ao goberno do concello, a lingua e a cultura feita en galego deron recobrado algúns dos espazos de que foran laminadas polo localismo español de anteriores formacións municipais socialistas. Parabéns, por tanto, para o grupo municipal do BNG, que comezou a dar involuído ese proceso, e parabéns, igualmente, para as cidadás e os cidadáns que souberon sentirse reflectidos nesta política de restauración dos nosos sinais identitarios.

Precisamente, un destes é a lingua, a marca identificadora máis sobranceira que nos sinala como colectivo historicamente diferenciado face a outros pobos do mundo. A respecto do idioma, un dos tópicos sobre A Coruña que máis se ouve é que se emprega pouco, polo menos en proporcións inferiores a outras vilas ou lugares. Non imos negar que non estamos contentes coa saúde que presenta o galego na cidade (e tampouco na nación), mais tamén non concordamos plenamente con esta idea. Recoñecendo que prefeririamos que o seu nivel de emprego fose moito maior, a nosa percepción particular lévanos a pensar que nalgunhas zonas é utilizado de xeito notábel, como acontece nos lugares e bairros da Agra do Orzán, Bens e Mazaído, As Xubias, Cances e A Silva, Eirís, Feáns, Labañou, Loureiro, Monelos, Montealto, O Castrillón e Os Castros, Os Mallos, San Cristovo das Viñas, Someso, Visma etc. Cousa ben diferente é o momento en que a xente destas áreas for a outras partes da cidade, cando acudir ao centro de saúde ou no momento en que decidir consultar algo cunha persoa representante da xustiza, pois aí o efecto da diglosia fai que desapareza case automaticamente o idioma propio e que se empregue o español; e cousa ben distinta, tamén, é cando a lingua se tiver de pór por escrito, en que os niveis de utilización, conforme acontece noutras partes do país, volta a ser terribelmente baixo ao se empregar de xeito maioritario o castelán. Falamos, pois, de proxección pública, escrita ou mesmo de imaxe nos rótulos, de uso na sinalización, de emprego nas ementas etc., ámbitos en que, con efecto, a utilización é pouca; mais non nos referimos á oralidade, esfera en que, conforme a nosa percepción, se pode detectar mesmo un uso maior que o doutras localidades ou cidades. Esta nosa sensación harmoniza cos datos empíricos de certas obras especializadas, cal o traballo de Gabriel Rei-Doval A lingua galega na cidade no século XX (2007), estudo en que se deixa constancia de que, das sete grandes cidades galegas, hai urbes en que o nivel de desgaleguización no tocante ao uso do idioma é maior do que o que se pode detectar na Coruña.

Relacionado tamén co idioma está outro tópico no tocante á historia da situación lingüística actual. É frecuente constatarmos como algunhas persoas din que sempre o uso se atestou con estas características, que a cidadanía coruñesa preferiu desde tempos pretéritos o español ou que o galego nunca se empregou na cidade. Trátase dunha impresión que abrocha nunha notoria policromía de ambientes (tabernarios ou universitarios, familiares ou públicos, privados ou sociais etc.), mais que, noutra ocasión, non se pode defender. Estudos especializados hai en que se indica que a populación galega era practicamente monolingüe no noso idioma nun 90% até finais do século XIX e comezos da centuria seguinte, segundo se recolle na obra A lingua literaria galega no século XIX (2005), e que, excepto xentes vindas de fóra, o 10% restante coñecía e podía utilizar as dúas linguas. Outros traballos, como o Mapa Sociolingüístico de Galicia, dado a lume en varios volumes, ponderan que até hai poucos anos o galego era empregado de xeito maioritario case por un 70% da cidadanía e que o outro 30% era quen, salvo excepcións, de se expresar nos dous idiomas. Onde está, pois, a semántica dese tópico "Na Coruña sempre foi así"? Que ocultos valores parece adquirir o adverbio sempre nesa afirmación? Será, por acaso, unha unidade adverbial que, dependendo de quen a usar, é capaz de succionar doutras palabras novas esferas de significación? Na liña do que dixemos máis arriba, con isto non estamos a afirmar, nin moito menos, que a saúde do galego na Coruña, conforme se verifica tamén no resto do país, sexa boa, pois outros estudos máis recentes indican que o emprego se ten perigosamente modificado cara á baixa nos últimos tempos. No entanto, estes datos serven como ferramentas para rebateren ese tópico centrado na presumíbel historia do español entendida localmente como case única lingua na localidade ártabra e na súa histórica supremacía no referente á utilización cotiá.
 
Precisamente, tal e como se pode constatar no resto do país, ese uso cotián e espontáneo é o que, máis unha vez, é criticado, unhas veces para atacar a propia lingua desde o localismo reducionista (en sentenzas do tipo "O galego que se fala aquí non é bo galego, non é normativo, por tanto é mellor non o falarmos") e noutras ocasións para agredir o idioma desde un mal entendido supralocalismo ou desde unha estandarización percibida antes como unha eiva que como unha axuda (con afirmacións como "O galego normativo é artificial, temos de usar o de verdade, o de sempre, aínda que estea cheo de barbarismos"). A lingua oral da Coruña presenta trazos tipicamente occidentais, como o seseo, hoxe basicamente parcial na cidade (des, lus etc.), embora o total (en palabras como faser, mansiña etc.) aínda se conservase na década de 50 do anterior século nalgunhas partes do concello, cal Peruleiro ou Visma; a solución man; o resultado irmán (ou ermán) tanto para o masculino canto para o feminino; a gheada; etc. Mais tamén posúe características dos falares centrais, segundo se acha nos plurais maioritarios do tipo manmas (en vez de mans, que xa se detecta na localidade arteixá de Suevos, a escasa distancia de Bens, aldea coruñesa na cal aínda se ouven as dúas posibilidades morfolóxicas). Son, todos eles, trazos do galego da Coruña que se viron nos últimos tempos, e en especial desde as décadas de 40 e 50 da pasada centuria, enriquecidos ou ampliados por outros adscribíbeis a diferentes rexións do país, produto dos procesos migratorios internos, que fixeron con que xentes do interior asentasen no concello: deste modo, detéctanse en ocasións por algúns bairros resultados do tipo irmao ou irmau, propios do centro e do leste da Galiza, ou irmá para o feminino, típico tamén da Galiza continental. En todos estes casos, urxe ponderarmos e explicarmos aos seus utentes que se trata de formas lexítimas, propias da nosa lingua, e que non supoñen erro ningún, antes o contrario, pois contribúen para a expresividade do idioma. A calidade da lingua que se encontra na cidade non difire moito da doutras localidades, que se tamén ven influenciadas polo español, mais coidamos que debe ser mellorada no sentido de lle limparmos os elementos foráneos e de potenciarmos os seus trazos xenuínos, na liña do que xa levamos aquí comentado noutros traballos.

Por outra parte, a lingua é a expresión artística das escritoras e dos escritores e aquí cobra importancia lembrarmos que unha brillante nómina de artistas da palabra naceu ou viviu ou mesmo estivo intimamente vinculada á cidade de que vimos falando. Desde o século XIX até aos nosos días podemos referir unha notábel cantidade de persoas que utiliza(ro)n o galego como medio de creación literaria, o cal, máis nunha ocasión, foi conscientemente esquecido ou lateralizado polos anteriores gobernos municipais: Begoña Paz, César Morán, Emma Pedreira, Eladio Rodríguez González, Francisca Herrera Garrido, Francisco Pillado Maior, Francisco Salinas Portugal, Henrique Rabuñal, Jenaro Marinhas del Valle, José Monterroso Devesa, Lino Braxe, Lois Pereiro, Luísa Villalta, Manuel Castelao, Manuel Lourenzo, Manuel Lugrís Freire, Manuel Rivas, Miguel Anxo Mato Fondo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Pilar Pallarés, Xavier Seoane, Xosé Lesta Meis, Xosé Luís Martínez Pereiro, Xulio López Valcárcel, Xurxo Souto, Yolanda Castaño etc. enforman unha parte desa relación de artistas estreitamente vinculados á cidade ou que naceron nela. Esa afirmación de que "Aquí nunca houbo xente que escribise en galego", pois, tamén se desmonta con facilidade con só repararmos nestes e aínda noutros nomes que sen dúbida botan por terra a antedita sentenza.

Outrosí,  na cultura do libro impreso e na creación literaria achamos máis unha vez que A Coruña merece ter un posto salientábel na historia da recuperación da normalidade cultural para o país, pois certas datas nese proceso en que aínda nos encontramos están vinculadas precisamente á capital ártabra. Sen querermos ser exhaustivos, eis algunhas efemérides memorábeis: en 1810 sae do prelo na cidade a obra Proezas de Galicia de José Fernández Neira, primeiro libro escrito integramente en galego; no ano 1862 edítase na Coruña o emblemático Album de la Caridad, que recolle os xogos florais de 1861; por súa vez, en 1882 publícase A fonte do xuramento, de Francisco María de la Iglesia González, texto que, conforme figura na capa do título, xa fora estreado "con ruidento aprauso n-o Liceu Brigantiño d'a Cruña"; en 1886 saen do prelo Los precursores, de Manuel Murguía, Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal, e El idioma gallego, de Antonio de la Iglesia González, todos na colección "Biblioteca Gallega", unha colectánea verdadeiramente fundamental no seu tempo aparecida na Coruña en 1885 grazas á vontade de Andrés Martínez Salazar e Juan Fernández Latorre; no ano 1888 publícase O divino sainete, de Curros Enríquez, na imprensa coruñesa de Ferrer; en 1903 preséntanse as obras de teatro Filla!, do coruñés Galo Salinas, e A ponte, de Lugrís Freire, no daquela coñecido como Teatro Principal e actualmente denominado Teatro Rosalía de Castro; de 1922 é a Gramática do idioma galego, de Manuel Lugrís Freire, primeira obra na nosa lingua destas características (coa excepción dun anterior opúsculo de 1919, Compendio de gramática galega, de R. A., siglas que agochan o nome Ramón Albariño, pseudónimo de Leandro Carré Alvarellos); en 1924 fúndase na Rúa Real a emblemática editora Lar, da man de Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos, primeira empresa dedicada exclusivamente ao libro en galego, preferencialmente ao xénero narrativo; e igualmente, cómpre lembrarmos que no ano 1933 se dá a lume na imprensa Moret o primeiro Vocabulario castellano-gallego das Irmandades da Fala. Como se pode observar, unha boa parte de textos elementares para a cultura galega contemporánea foi editada xustamente na Coruña. Como se pode defender, por tanto, que, conforme os poderes oficiais, a cidade se mantivo practicamente á marxe do movemento de rexeneración cultural e política que parte do Rexurdimento, cando varias obras, hoxe basilares na nosa literatura nacional, se publicaron na localidade? Que goberno municipal minimamente comprometido co país non se sentiría orgulloso desas datas e non as ponderaría e celebraría oficialmente, tal e como se comezou a facer na Coruña desde a chegada en 2007 do BNG ao palacio municipal? Por que anteriormente ningúen da institución local tiña reparado nesas efemérides? Acaso por falta de neuronas, se callar por simple e definitorio mamiferismo?

Mais nin todo é esquecemento consciente. A partir dese ano de 2007, en que o nacionalismo volta a María Pita, comezan a se rememorar algunhas datas significativas. A este respecto, merece salientarse a iniciativa da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e da Concellaría de Normalización Lingüística, consistente na homenaxe a Lois Peña Novo que se fixo en 2010. Nese acto, lembrábase que, após o período medieval (en que a única lingua da administración era o galego) e despois tamén da colonización española (que se lanza desde o século XV e que chega até aos nosos días), a primeira vez que se utilizou o galego nun concello de maneira oficial foi precisamente en 1920 por parte deste membro das Irmandades da Fala, que ficara por diante de Antón Vilar Ponte nas eleccións muncipais dese mesmo ano. Así, o día 7 de xullo de 1920, Peña Novo tomou posesión da súa acta como concelleiro na Coruña a usar o idioma propio da Galiza, converténdose no primeiro politico electo nas urnas que o facía.

Para irmos concluíndo esta primeira parte, quizais tamén non sobre traermos á memoria certos datos relativamente ao sentimento de admiración e respecto popular cara a algún dos nosos clásicos do Rexurdimento. Quen podería imaxinar un cortexo fúnebre dunhas 40.000 persoas a honraren a figura de Curros Enríquez o día 2 de abril de 1908, acto rememorado en 2008 por parte da Concellaría de Cultura, dirixida pola nacionalista María Xosé Bravo, e a RAG? No cemiterio de Santo Amaro, onde xa tivera lugar naquel ano de 1908 e onde tivo en 2008 unha parada simbólica da comitiva fúnebre, tamén se achan soterradas figuras de primeira orde para o rexionalismo decimonónico e para o nacionalismo rexenerador do século XX, tales como Ánxel Casal, Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Pedro Galán Calvete etc. Ás veces, tense pensado desde algunha asociación cultural facer un roteiro de homenaxe por eses túmulos para se poder coñecer que persoas repousan alí, o cal, certamente, poría en valor o pasado cultural e político máis inmediato da Coruña, cuxas vangardas sempre tiveron en conta a causa da Galiza.

En definitivo, pódese verificar doadamente a profunda galeguidade da Coruña, unha cerna que se traduce quer no compromiso co país que moitos dos protagonistas do Rexurdimento, do nacionalismo contemporáneo e da literatura explicitaron desde a cidade ártabra, quer desde o uso da lingua e desde a súa defensa, o cal tamén caracterizou tradicionalmente a cidadanía coruñesa máis avanzada. Non nos fixemos, pois, nos últimos trinta anos, en que se proxectaron verdadeiras políticas de exterminio a respecto dos sinais identitarios do pobo galego tal e como actualmente se levan a cabo desde a Xunta, mais fágámolo en épocas chave para o rexurdir da consciencia nacional: acharemos significados fitos e persoas, relevantes entidades e proxectos nacionalitarios, sempre nucleados á volta da cidade de que vimos falando.


[23-03-2011 00:59] Pela investigação e a análise comentou:

Acho que é um trabalho em excesso localista, muito falto da visão nacional e global que têm a nossa língua. Porém, há que agradecer a enumeração que serve para lembrar-nos dados já muito conhecidos e que convém termos em conta. Mas discrepo de raíz na interpretação que se faz deles, porque não vejo que se argumente de maneira científica nem académica em termos sócio-lingüísticos como para afirmar tal galeguidade na população corunhesa. Ao autor quedan-lhe por demostrar as causas do comportamento lingüístico tão característico dos corunheses e corunhesas. Os dados podem ser correctos mas a mecanismo interpretativo pode falhar. É necessário investigar muito mais.

[21-03-2011 12:04] MSP comentou:

A respeito do comentario de Federico, eu penso que o autor do artigo tamén coñece a súa cidade e tamén sabe do que fala.

[20-03-2011 21:54] Mario Solinho comentou:

Obrigado Xose Mauel e máis Federico; porque desde o resto do país, curiosidade polo tópico que se extende, cando menos, sí que hai...

[20-03-2011 04:10] federico comentou:

Na matizabel fobia dos coruñeses cara o idioma galego (existente en moitos, para qué negar a evidencia, non é cousa só de Paco Vázquez), conflúen na miña opinión dous factores. Históricamente había un menosprecio social absoluto polo noso idioma, identificado cun medio rural pobre e atrasado. Socialmente na cidade falar galego era sinal de vir da aldea, un dos signos identitarios dun coruñés era non saber falar galego (e continúa en parte a ser así). Na Coruña pasaba máis ainda que en outras cidades por ser no pasado máis grande e por tanto máis urbana que calquera outra. A distancia con mundo rural era maior. Eu, nacido nos anos cincuenta no centro da cidade, non tuven conciencia de existir un idioma de Galicia ata os seis ou os sete anos, e iso oindo a persoas que viñan do rural. Na Coruña mesmo as clases baixas xa falaban daquela todas castellano, e tíñano como sinal de procedencia e cultura urbana malia a súa pobreza. É un fenómeno sociolóxico penso que compartido con outras cidades importantes de nacionalidades sen estado. Despóis, nos anos oitenta, houbo un factor político descoñecido no resto das cidades galegas, e que fixo que moitos verbalizaran en voz alta o que noutros sitios calaban por corrección política. Foi a perda da capitalidade. Comprensiblemente ou non, A Coruña sentíase capital de Galicia por ter sido sempre a sede da Audiencia e da Capitanía Xeral (anteriormente da Xunta do reino). A elección de Compostela foi vivida como un aldraxe do resto de Galicia (non digo que o fora, digo como foi percibido), un desprecio cara á cidade. Iso fixo que moita xente caíse nun antigaleguismo consciente. Cando eu era neno A Coruña considerábase a capital de Galicia e había un certo rexionalismo conservador moi extendido (folklore, artigos de prensa rexeneradores). Utilizábase a esgalla o nome Galicia ou gallego, e a xente vivía unha galeguidade orgullosa, iso sí, sempre en castellano agás para cantar ou recitar poesía. Interpretábase o hino galego na Hípica e o público escoitábao en pé (verídico, eh!), cantaban os coros a Franco e remataban cos versos de Pondal. Todo iso mudóu, o imaxinario colectivo da cidade fracturóuse e produciuse un rexeitamento cara o resto dos galegos que, confluindo co anterior e explicado centenario menosprecio social polo galego como idioma producíu unha alerxia xa non só social, tamén política, cara a lingua galega en moitos dos meus paisanos. Non sei se iso vai cambiar co tempo. Penso que aquel rexionalismo en castellano dos coruñeses do centro (os de varias xeneracións) non vai voltar, por estaren moitos urbanitas en toda Galicia firmemente posicionados contra a normalización linguística, o que os fai bastante refractarios incluso a un morno rexionalismo. O labor regaleguizador na cidade vai estar na miña opinión nos fillos ou netos dos emigrantes do rural, maioritarios na urbe, se chegasen a desexar recuperar a cultura dos seus pais ou abós. Algo hipotético. De todas maneiras, e sen cuestionar a capitalidade de Santiago, non estaría de máis algún xesto político de recoñecemento do papel histórico da cidade como sede da Audiencia e Xunta do reino. Propoño a recuperación do vello edificio da audiencia como sede histórica da xunta, por exemplo, algo simbólico que axudase a cerrar feridas. Na altura non penso que plantexase problemas e non debe descoñecerse a importancia dos media e da burguesía urbana coruñesa na criación de opinión no noso país. Sei do que falo, coñezo a miña cidade.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña