21:11 Sabado, 19 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-03-2011

O señor Feixóo ten, en dous anos, un triste balance

As caras do poliedro

Valorar (23)

ALFREDO SUÁREZ CANAL



As medidas que se están aplicando na economía e no ámbito social en xeral, e as decisións e medidas políticas, económicas, financeiras e sociais que se están a aplicar con Galiza, teñen unha coherencia no seu conxunto. Tratase de aproveitar a crise para fortalecer o modelo que a causou e para recentralizar un deseño político que permita e facilite, sen interferencias "periféricas", a aplicación do mesmo.

As cousas que están acontecendo hoxe en relación coas propostas que dende distintos ámbitos do poder se están propoñendo e aplicando en relación coa crise que o sistema está a padecer, aínda que afectando a ámbitos moi dispares acaban tendo todas unha coherencia. Como os poliedros convexos, que son figuras xeométricas que independentemente do número de caras, encerran no seu interior un volume finito, as múltiples caras das iniciativas e decisións que se nos están querendo aplicar utilizando como coartada a crise, aínda que en ámbitos, esferas e espazos distintos responden a un  deseño coherente. O reparto do volume do poliedro ten que seguir favorecendo aos mesmos que para aproveitarse ao máximo do modelo actual xeraron a crise.

Se analizamos o que ten acontecido co produto interior bruto dos países desenvolvidos nestes dous últimos anos, alén de que a súa evolución en termos estatísticos non fose quen de xerar emprego, o que non se ten producido é un desplome do PIB. Reduciuse o crecemento do PIB sobre o que se viña producindo nos últimos anos, pero aínda así mantense en termos positivos ou en escasas decimas de decrecemento. Segundo os territorios e en termos xerais compensando uns con outros, non decreceu. Daquela a coherencia das medidas que se teñen aplicado responden, en termos esquemáticos e para que se entenda, ao intento de preservar a mesma porción da torta para un reducido sector social.

En termos mais precisos poderiamos falar de que, aínda que se empeñaron en dicernos que a loita de clases era un concepto caduco, as medidas que se están impondo como saída a crise, teñen a coherencia de estar ao servizo dunha determinada clase social e para que manteña ou incremente as súas taxas de ganancia e o seu poder e control.

Con esta perspectiva aparece nítida a coherencia da maioría das medidas que se están aplicando: recortes sociais, privatizacións xeneralizadas, recortes das rendas salariais, desemprego galopante, mingua drástica do poder adquisitivo das rendas medias e baixas, encarecemento dos produtos enerxéticos, utilización descarada dos aparatos dos estados para resolver os problemas do sector financeiro especulador, e así seguido. Todo cobra sentido cando se entende que esgotado o modelo que pivotou sobre un crecemento galopante dos beneficios do capital financeiro especulativo que está na orixe da crise, tratase de retocar o sistema a través basicamente da utilización do poder político, para que os mesmos que xeraron a crise salgan practicamente indemnes da mesma e mantendo similares taxas de beneficio. Así entendese que sexan eses mesmos poderes através da especulación dos mercados, das axencias de cualificación, da especulación cos artigos de primeira necesidade e enerxéticos, da inoculación da resignación através dos medios de comunicación, etc., os que están deseñando as políticas a aplicar. Os poderes democráticos convertidos en titeres que actúan ao ditado dos que perseguen con unha política económica manter taxas de beneficio a costa de producir desemprego, empobrecemento xeneralizado, e minguar de dereitos sociais.

Un exemplo paradigmático é o asunto das pensións. O horizonte de futuro que deseñan, senón o paramos, é claro: privatización total do modelo que se irá aplicando en "dixeríbeis prazos". Con iso conseguen en primeiro lugar abrir novos ámbitos suculentos de negocio para os mesmos que xeraron a crise, e ao mesmo tempo liberan recursos públicos que, através do sistema de pensións, cumprían un certo efecto redistribuidor da riqueza para utilizalos nun reparto distinto da torta.

O que está acontecer en Galiza é outra cara do mesmo poliedro, pero no noso caso a  gravidade é moito maior aínda, se cabe, xa que ademais daquelas medidas estase poñendo en xogo a pervivencia de cuestións básicas que deben dar a capacidade para desenvolver un proxecto político e económico autocentrado. A supresión dun instrumento financeiro como a Caixa, cun certo carácter público, e que debería ter no beneficio social o seu accionariado, representa seguramente o maior ataque ao autogoberno e rabelaría a capacidade de utilizar no futuro o aforro galego para producir un desenvolvemento do pais. Os ataques que sofren sectores básicos da nosa economía actual e que deberían selo tamén no futuro, como a pesca e o complexo mar-industria, o naval, o sector leiteiro, o enerxético e o derivado do carbón, son lastres que senón conseguimos modificalos representan no presente unha pesada carga para moitisimas familias que pagan co desemprego estas decisións, pero representaran en termos de pais, pesadas hipotecas que lastrarán con un gran peso  morto as xeracións vindeiras de galegos e galegas. As cousas que están acontecendo non permiten quedarse ao marxe. Estamos xogandonos o ser ou non ser do pais e do seu futuro. E cando os poderes políticos central e galego teñen unha folla de ruta que coincide no substancial, e impulsan medidas que representan caras distintas pero do mesmo poliedro, hai que reaxir.

O señor Feixóo ten, en dous anos, un triste balance. Só daremos un par de datos relevantes que o retratan perfectamente. Utiliza frecuentemente o entorno europeo para cuspirlle as cifras do paro ao goberno central, pois ben utilicemos esa mesma metodoloxía do entorno comparando Galiza co estado: no 2008 o crecemento do paro en Galiza era menos da metade do producido no estado, no 2009, primeiro ano da era Feijoo, en Galiza xa había un paro que representaba os tres cuartos do estado, e no ano 2010 con un crecemento do paro no estado do 4% en Galiza creceu o 6%. E dicir en só dous anos o crecemento do paro en Galiza pasou de ser a metade do que crecía no estado a estar por riba do crecemento no estado. E curiosamente con esta situación dramática temos que escoitarlle no Parlamento que non ten competencias. Pero para evidenciar as medidas que esta disposto a impulsar para mitigar o impacto da crise e atallar o problema do desemprego en Galiza, puxo como exemplo no Parlamento a licitación nun único concurso de todos os cueiros que contratarían os hospitais e centros de dia. "Corpo a terra", acabouse a crise o presidente da Xunta presenta como gran medida a licitación dos cueiros dos hospitais. Realmente grotesco e para rir, senón fose polo drama que están a vivir moitos galegos e galegas. Ë dicir temos un presidente que actúa en Galiza e en todo o estado como un comercial do PP de Madrid e non como o presidente da xunta que nestes momentos necesita o pais.

Precisamente polo que está en xogo que é de enorme calado para Galiza hai necesidade de paralos e todos somos responsables de facelo.


1 2 3 4 seguinte

[17-03-2011 12:11] Ai Faustiniño comentou:

Si, as túas propostas ao final xa se ve cales son, entrar en Internet a difamar. Segue coa túa gloriosa tarefa de combater a mediocridade dos demais, pero non vaias comprar un espello... E sobre todo non te vendas!

[17-03-2011 09:45] Gustavo comentou:

Suárez Canal aínda segue na época do Bipartito e de pactos co PSOE. Lamentábel tan poucas luces. Lamentábel non ter en conta quen é o PSOE. Por ese camiño nunca haberá unha verdadeira esquerda, unha esquerda transformadora.
Cada vez dubido máis que o BNG queira selo con este tipo de opinións da xente máis relevante.

[17-03-2011 00:58] Faustino comentou:

Gustaríame saber que ofrece Suárez Canal. Supoño que unha continuación institucional máis o menos que como na etapa quintanista, pero con outras caras. O mesmo que eses liberados e candidaturas sen propostas concretas: NADA DE NADA. Só demagoxia e crer que os cidadáns van votar sen ofrecerlles nada a cambio.
Son eles os profesionais da política que teñen que ofrecer propostas, para iso apresentan candidaturas. Pero claro son profesionais do silencio e da falta absoluta de autocrítica e de ideas. Abóndalles coa conservación do que teñen.
Pero se non teñen nada que ofrecer, que se inspiren en movementos alternativos doutras partes. Abóndalles con ser parte do sistema institucional, sen transformar nada.
Paréceme moi pobre que pidan propostas.
Pero ese señor que pide propostas nótase que non le ou non quere ler, porque aquí xa se lle ofreceron varias para que se ilustre un pouquiño.

[16-03-2011 23:14] E para iso tanto conto? comentou:

Xa sabía que non tiñas nin unha soa proposta concreta... Cos profesionais da polémica sempre se acaba chegando ao mesmo: Á NADA.

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña