06:44 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-03-2011

E se o vento traballase, para sempre, para nós....?

Enerxía limpa versus nuclear (3ª parte)

Valorar (9)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Os mestres dos anos oitenta dicíannos que o que non fixo o pobo aínda está por facer. E se puideramos decidir sobre os modelos enerxéticos....?. Nesta terceira parte exporase cal é a marxe de manobra de actuación social a respecto do Plan eólico e cal o estreito camiño que nos marcan coas políticas enerxéticas.

Decisión dos propietarios.

Dada a letra do decreto eólico, a decisión sobre a prevaléncia do uso do territorio,  priorizar un uso sobre outro, está en mans do Consello da Xunta. A composición política do goberno galego, a súa escasa sintonía coa participación social e o apoio velado aos grandes capitais, compón un conxunto adverso aos intereses dos propietarios do terreo que son na maior parte dos casos as Comunidades de Montes en Man Común, unha figura de propiedade comunitaria de orixe xermánica específica de Galicia e Norte de Portugal.

A pesar de que as empresas promotoras obteñen unha determinada puntuación en base a ter chegado a acordo cos propietarios, este feito non é imprescindible no novo decreto. Ao menos o anterior, da Consellería dirixida por Suárez Canal, permitía que a decisión sobre o uso do monte estivera na man dos propietarios, mesmo se podían antepoñer outros usos á instalación eólica. 

Posiblemente as Comunidades de Montes, a pesar de recoñecer esa vantaxe do decreto extinguido, non lle deron a difusión que merecía, porque o consideraron unha conquista xusta e afianzada pola publicación no DOG, sen ser conscientes da posibilidade da súa reversibilidade, tal e como aconteceu despois da maioría do PP no parlamento galego.

Reivindicación social.

A realidade é actualmente represiva, ignora a opinión da sociedade así como a dos propietarios dos terreos ou da veciñanza dos futuros polígonos. Nesta tesitura só temos como único medio de expresión da nosa vontade a reivindicación. Mais esta ferramenta, tan útil, debe ser debidamente orientada a procurar un cambio nas decisións do goberno e non producir a sensación de que estamos de acordo coa enerxía eólica, mais nunca coa súa instalación. Porque chega a darse unha irresoluble contradición entre a posición sobre a enerxía eólica en xeral, á cal o movemento ecoloxista mundial é favorable, e as posicións locais, apoiadas en moitas ocasións por sectores ecoloxistas, que rexeitan a instalación dun polígono particular, cos máis diversos argumentos e sen considerar que a solución radica na ordenación do territorio, tamén para a produción eólica.

Non podemos perder de vista que unha posición contraditoria vai ser aproveitada polo sistema capitalista para impor un deseño enerxético baseado na obtención de beneficios económicos, exclusivamente.

 O calexón escuro que nos leva a...

Os grandes poderes económicos, e polo tanto, a súa extensión no poder político, dan folgos encubertos ás protestas que lle son útiles para levalas cara aos seus intereses buscando argumentos e apoios para un novo deseño enerxético, xa profetizado por eles mesmos, a enerxía nuclear.

Reclaman a presenza e a opinión nos medios de comunicación dos máis diversos tecnócratas e físicos en apoio da enerxía nuclear destacando as súas afirmacións técnicas como verdades supremas e desprezando a sensibilidade social maioritaria contraria ás nucleares, aínda que sexan meros bolseiros con nóminas atómicas.

Venlles ao pelo a posición de admiradas figuras do ecoloxismo mundial, o caso paradigmático é o de Lovelock, que elabora a teoría de Gaia mediante a extensión das vellas propostas holísticas do século XIX. Esa teoría vestida cun transparente veo espiritual adurmiñou a milleiros de ecoloxistas como o frautista de Hamelin dende o ano 1969, mais a "enorme capacidade deste autor para comprender as cousas do mundo" levouno a afirmar que a enerxía nuclear é a única opción para deter o cambio climático, e que todos os demais están equivocados.

O que o autor nos ven dicir, en resume, é que cómpre manter o nivel de vida do primeiro mundo como óptimo planetario, aínda que sexa a costa do sufrimento do resto, que hai que restarlle capacidade á sociedade para opinar sobre o seu futuro e deixar as grandes decisións en mans dos técnicos e burócratas, por eles designados. É dicir, unha nova versión actualizada e cibernética do despotismo ilustrado.

Que facer?

Ábresenos un período de incerteza e non cabe a posibilidade de perder moito tempo en anteproxectos... Coincido con Lovelock só nunha cousa, unha afirmación coa que encabeza as súas entrevistas: isto é moi serio, di. Verdadeiramente, é serio, ou o tomamos con rigor e actuamos de xeito coherente ou pagarán xeracións enteiras atrás de nós, por moita maldición bíblica que nos pareza tal afirmación.

Como liñas básicas poderíase mencionar que non debemos perder a perspectiva da necesidade da ampliación da Rede Natura como ferramenta de conservación dos ecosistemas e que debemos afondar e apostar polas opcións da substitución das enerxías lixosas e contaminantes por outras menos impactantes.

A mobilización ten que servir de concienciación social ecopolítica, ten que se converter en réditos políticos sen oportunismos porque o seu obxectivo ten que ser procurar cambios efectivos, asumindo todas as partes que ten que haber un diálogo sobre a ordenación do territorio, porque o que non é discutíbel hoxe é que precisamos doutros xeitos de produción de enerxía. 

Faise necesario un debate social de calado a respecto da enerxía valorando todas as opcións e esixindo, mediante amplas frontes de alianzas sociais, un pronunciamento do Consello da Xunta favorable aos usos do territorio de interese social e non simplemente económico, como garantía de capacidade de decisión social sobre os temas importantes e de pervivencia do rural.

Sobre todo, non hai receitas máxicas que nos dean unha solución, nin a respecto do camiño socio-político a seguir, nin da perspectiva da política enerxética. Temos, iso si, un armazón social e político nacionalista que é quen de levar adiante todas estas iniciativas, aproveitémolo, porque o que non fixo o pobo está por facer.

[24-05-2011 11:57] Alfredo López comentou:

Non se collen troitas coas bragas enxoitas, xa di o refrán. Mais aínda considerando que a xeración enerxética, sexa cal sexa, ten consecuencias ambientais negativas, amais de decantarnos por diversificar a produción e rexeitar as producións máis suxas, entre elas a nuclear, temos que mudar o modelo económico, como di xosé. Mágoa dos resultados electorais do 23 que non indican mudanza algunha.

[14-03-2011 16:05] xosé comentou:

O que hai que cuestionar é o modelo económico.Nao consideramos excesivo o nivel de consumo enerxético?E necesario dous ou tres carros por familia, Aves, viaxes ao caribe a baixo custo,chalets de veraneo,aire acondicionado durante todo o día,plásticos, etc, etc, etc?Tampouco é cuestión de ser "puristas" e reducir ao absurdo os comentarios

[14-03-2011 09:56] Lua comentou:

o tema da enerxía e un pouco escamoso... a cuestión é que o ser humano precisa da enerxía para desenvolver as súas actividades socio-económicas. o problema da enerxía é que causa impacto no medio ambiente... por un lado a nuclear, unha enerxía limpa na producción pero o que resta de facela e o que preocupa. Non estou de acordo con q en España compren a enerxía nuclear a francia e, ainda de cobra-la a prezo de ouro, permitamos gardar no noso territorio os resuduos nucleares, que en caso de catastrofe natural como en Xapón, terían practicamente o mesmo efecto... por outro lado as enerxías limpas... o custo ecolóxico da fabricación das placas solares ou fotovoltaicas é moi elevado. vale que a produccion de enerxía é limpa, pero de que vale se para construi-las ou para despois arranxa-las ou substitui-las é un proceso moi contaminante? o tema dos muiños eólicos... cantas aves migratorias e non migratorias non caen anualmente por impacto con os muiños? por non decir o impacto nas poblacións de outras especies terrestres (estase a investigar o impaco de varias estacións eólicas no norte de portugal nas poblacións estables de lobo ibérico). obviamente hai que minimizar o consumo de enerxía pero todos gostamos de abrir o frigo e ter a bebida fresquiña no veran ou poder comer quente todos os días... .... Para nada critico o seu artigo e por suposto que sempre tiven unha postura antinuclear, pero o que está claro é que a vida como hoxe a coñecemos, precisa da enerxía en todos os ámbitos e iso vai ter un custo na natureza.... sendo purista, a unica solución é voltar os tempos nos que se vivía sen luz nas casas e a auga sacábase do pozo con unha ventoiña que accionaba un mecanismo para subir a auga.... :S é un tema complicado de atinxir e mais complicado aínda de solucionar, desgraciadamente.

[13-03-2011 19:46] anónima comentou:

As coincidencias da realidade. Canta luz nos dá este artigo vendo o que está a vivir o Xapón neste momento

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña