12:14 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-03-2010

A extracción de materia prima e seu transporte inmediato á “metrópole” para o seu tratamento, o colaboracionismo dunha parte da sociedade e a submisión son características do tecido produtivo da provincia de Lugo

O conflito de Leche Pascual: a estrutura colonial ao descuberto

Valorar (7)

XOSÉ FERREIRO FERNÁNDEZ


Fábrica de Pascual en Outeiro de Rei

Cando na primavera de 2009 estoupou o conflito de "Leche Pascual" en Outeiro de Rei quedou ao descuberto a auténtica realidade da situación económica do país, que no caso da provincia de Lugo se visualiza con moita máis claridade: a estrutura puramente colonial tanto da súa economía como da súa configuración social.

É unha realidade constatada de forma secular, o capital da metrópole só inviste na colonia se isto lle resulta rendíbel a curto prazo. No momento en que o transporte da materia prima encarece o produto ou resulta máis barato traela doutro lado, córtase a relación sen ningún tipo de consideración, sen ter en conta ningún tipo de circunstancia ou condicionante.

Isto exactamente foi o acontecido con "Leche Pascual" en Outeiro de Rei. Esta empresa levaba dezasete anos envasando nesta factoría unha boa parte do leite que se producía na Terra Cha, leite de moi boa calidade e que lle resultaba barato. Ademais, neste tempo os galegos e galegas estivemos complementando a súa conta de beneficios a través de inmensas subvencións, aparte de abastecelos man de obra barata, sacrificada e moi cualificada.

Pero as circunstancias do mercado cambiaron no último ano. A baixada do prezo dos combustíbeis abaratou o transporte e, ao mesmo tempo, tamén descendeu de xeito considerábel o prezo do leite en Francia (as cuantiosas subvención que este produto recibe alí teñen moito que ver). Por outra banda, a crise económica estaba a provocar desemprego, cuestión que favorecía que a man de obra de Cataluña aceptara traballar nas súas factorías por salarios similares aos que pagaba en Galiza.

Con esta situación á esta empresa resultáballe máis rendíbel traer leite de Europa e elaboralo en Cataluña ou, mesmamente, transportalo directamente en bruto dende Lugo ata as súas factorías de Castela. Por en marcha os mecanismos para deixar Galiza foi cuestión de pouco tempo e unha actuación que cabería esperar nunha empresa deste tipo.

Este é un exemplo moi claro do que de cotío acontece nesta comarca. A maioría das empresas dedícanse a extraer ou comercializar a nosa materia prima, transformándoa o mínimo necesario para poder transportala cara a Meseta para logo, continuar alí o proceso produtivo. Exemplos claros desta situación son a multitude de empresas de extracción de pedra e lousa (tamén en vías de pechar as súas factorías na provincia), as madereiras que cortan as árbores e póñenas en tablóns para mandar a Valencia, o peixe que traen os nosos barcos, o cal case sen transformación se leva ese mesmo día para Madrid ou, mesmamente, a carne producida no país e que, unhas veces en vivo e outras con pequenas transformacións, se leva para as plantas de tratamento españolas.

En todos estes casos o valor engadido do produto, o que produce máis postos de traballo e de maior calidade e o que, en definitiva, produce riqueza, vai parar sempre á zonas da metrópole.

Ata as comunicacións están pensadas nesta clave. Por que motivo senón se fixeron as grandes vías de comunicación coa Meseta cando as nosas comunicacións internas eran totalmente intransitábeis? A maioría da materia prima galega é perecedoira, necesitando ser transportada rapidamente e para iso, necesitan boas comunicacións que en pouco tempo a poñan alí onde están os mercados ou os centros de transformación.

Sabemos claramente como funcionan as regras do capital, pero ata nisto se atopan diferenzas entre o capital español e do país. Un exemplo desta situación, e unha excepción na comarca, atopámolo en FINSA. Esta empresa de capital maioritariamente galego, leva feito un forte investimento na súa factoría de Rábade para rematar o seu proceso produtivo nesa vila. Este é un exemplo do tipo de industria que necesita Lugo, onde unha árbore entra por un extremo e sae convertida en láminas para colocar directamente en calquera chan de Europa. É certo que explota os seus operarios igual que calquera outra, pero tamén é certo que cando teñen problemas o seu comportamento no país foi ata o momento totalmente distinto ao das empresas de capital estranxeiro.

Tanto os poderes españois como os seus representantes na Galiza son coñecedores desta situación e non están dispostos a que empresas de capital galego collan o control de sectores estratéxicos do país. Esta é a única forma de explicar que A Xunta de Galicia non aproveitara a situación xurdida na factoría de Outeiro de Rei para crear un grupo lácteo galego, unha empresa pública de capital galego que puidera poñer orde no sector e erradicara toda a especulación que se está a producir.

Se dende o nacionalismo non os obrigamos, nunca permitirán que os galegos controlemos sectores produtivos estratéxicos e, mentres que iso non ocorra, nunca sairemos da situación de atraso económico endémico no que nos atopamos.

Represión e colaboracionismo

A represión sindical existente nesta empresa sempre foi lendaria. Dende o comenzo, a militancia nun sindicato, era motivo de despedimento inmediato.

Este comportamento tivo tamén a súa influencia no transcurso do conflito. O persoal foi empurrado cara a un asesoramento alleo ao sindicato para que así puidera ser "controlado" dunha forma ou doutra pola propia empresa. Só deste xeito se explica a aceptación dalgúns acordos, de certos comportamentos ou, mesmamente, de que unha boa parte do persoal decidira abandonar a empresa sen presentar batalla.

Como nas situacións típicas de colonialismo, o colaboracionismo dalgunhas persoas a favor dos intereses do "poder dominador" e o aproveitamento da situación para sacar rendementos persoais tamén apareceu neste conflito. Aparte de alcaldes, deputados e demais cargos políticos submisos que, de cotío, colaboran activamente para perpetuar esta situación de dependencia, neste caso tamén houbo persoas sen escrúpulos que coas súas actuacións se lucraron a conta desta perda de postos de traballo.

Intoxicación propagandística

A propaganda e a intoxicación sobre a sociedade sometida son tamén ferramentas típicas e esenciais nos escenarios de sociedades sometidas.

Dos máis de 210 traballadores e traballadoras que vivían do seu traballo nesta factoría tan só 75, no mellor dos casos, van seguir a prestar os seus servizos para a nova sociedade que se fixo cargo da fábrica. Mentres tanto, os sempre dilixentes medios de comunicación seguen a espallar a idea lanzada pola Xunta, Concellos e goberno de España: o conflito solucionouse satisfactoriamente, a factoría segue aberta.

Non importa que se perderan máis de 110 postos de traballo, non importa que unha das principais empresas da comarca quede reducida a mínima esencia e cun futuro máis ben incerto, mesmo tampouco importa que todo o sector lácteo estea a piques de desaparecer. Nada diso importa. Convencer á poboación de que o resultado foi moi positivo grazas á "súa benevolencia" é o obxectivo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal