02:05 Mércores, 05 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2011

De Castelao aprendemos que Galiza precisaba homes e mulleres de acción

A mellor homenaxe a Castelao

Valorar (19)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



O 28 de xuño de 1984 produciuse a traída dos restos de Castelao con destino ao Panteón de Galegos Ilustres. Na nosa retina colectiva fica a hipócrita imaxe de quen non respectan -nin comparten- o seu legado, alabando a súa figura. Alabanzas que tiñan por obxecto deturpar a obra de Castelao, diluíndo a súa mensaxe meridianamente nacionalista, para convertelo dun defensor do autonomismo. Mais o nacionalismo actou coa contundencia que requería a situación. A denuncia da manipulación e os actos de protesta, no día do traslado, inviabilizaron a operación.  Porén, continuaron co intento de asimilación, cunha estratexia clara de diluír o seu pensamento, privando aos galegos e galegas do coñecemento dunha personalidade central para Galiza no século XX, exemplo de autoestima e potencial colectivo.

E nesas andamos no ano 2011, cando conmemoramos o cento vintecinco aniversario do seu nacemento. Por dúas ocasión procuramos no Parlamento de Galiza un acordo para que esta data teña o necesario e merecido recoñecemento oficial. Por dúas ocasións o Partido Popular, con Núñez Feijoó á cabeza, negaron esta posibilidade. Iso si, quitáronse a carauta. Non falan de austeridade, nin de ausencia de fondos para a efémeride. As razóns están na censura e no sectarismo. Só así pode calificarse que xustiquen o súa negativa a celebrar esta efeméride no feito de que non queren divulgar a Castelao porque era nacionalista.

É certamente lamentábel este desprezo a quen tanto debemos colectivamente; a quen tan ben retratou ao noso pobo; a quen, con tanto empeño, dedicou a súa vida e obra a denunciar as inxustizas que vivían os galegos e galegas; a quen foi figura clave na promulgación do Estatuto do 36; a quen formou parte do Goberno no exilio; a quen loitou, até o último suspiro, porque Galiza fora dona do seu destino. É insultante que o contributo da Xunta fique reducido a unha charla "clandestina" na facultade de Medicina. A propia situación do Panteón de Galegos Ilustres é a metáfora do que pretenden facer: esconder a Castelao baixo terra, iso si, agora con tutela eclesiática.

Mais non é tempo de lamentos. De Castelao aprendemos que Galiza precisaba homes e mulleres de acción, con conviccións profundas polas que é preciso loitar. É o seu pensamento o que máis incomoda ao PP, a súa capacidade para remover conciencias e diagnosticar a orixe dos problemas que segue padecendo o país. Hoxe, a mellor homenaxe que podemos facer e darlle continuidade a súa grande obra: a defensa inquebrantábel de Galiza, dos seus homes e mulleres, do dereito a decidirmos libremente o noso futuro.

A situación política e económica pon de manifesto a vixencia do seu pensamento, o acertado das análises e, sobre todo, a necesidade dun nacionalismo galego actuante e con capacidade de incidencia social. Hoxe Galiza está nunha situación crítica. As decisións que adoptan goberno central e galego sitúannos ante unha reconversión que ameaza con liquidar a nosa base productiva e instrumentos financeiros. Un duro golpe que consolida un deseño ben negativo para Galiza. Na nosa man está aceptalo resignadamente, ou como dicía Castelao, actuar, porque "o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos".

O vindeiro 13 de Marzo temos que demostrar que o noso pobo non acepta máis recortes e sacrificios, que temos dereito a ter emprego, a ter un sistema financeiro, a producir. O nacionalismo político e sindical apostan por dar unha resposta a tan negativas decisións. Negarnos a aceptar unhas regras de xogo trucadas que nos condenan de novo a emigración e a un empobrecemento da nosa sociedade. Traballemos para que sexa un éxito. Eis, a mellor homenaxe que podemos facer a  Castelao: un nacionalismo vivo, actuante e que non se resigna.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña