08:01 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-03-2011

Unha mirada ás festas do ano que van conformando o noso ser e a forma propia da súa expresión

Entroido

Valorar (15)

LOIS DIÉGUEZ



Non é só un programa de diversión para a época da carne. Nen o país momentáneo da gastronomía. A chegada da primavera cargada de cores rabiosas, como se ela aparecese con toda a forza da natureza despregada despois de adormecer nos grises da invernía. Nen esa chamada directa ao noso sangue para que ramifique en veas renovadas e instintos, en forza de alegría e na paixón.

O Entroido é iso e moito máis. A forza, realmente, dunha forma de ser, de expresar a burla e vingarse, dalgún xeito, do padecido e de quen ordena o abuso e a submisión. Como vivir, como ver o mundo e como romper o que nos asfixia. Isto é o corazón do Entroido, esa diferenza cultural que nos distingue a unhas culturas doutras, que dá variedade, riqueza e colorido. A raíz nosa está nas nosas festas e nos nosos ritos. Conforman o sentir das flores novas na carqueixa, na uz, no toxo ou nas froiteiras  vestidas; a voz da montaña ou da chaira, o revivir do lume dunha cinsa que mantivo teimosamente o remol da xesta e mais do toxo.

É ben certo que hai cousas, aspectos comúns nas culturas, e máis se estas teñen raíz labrega, que son case todas as que a tradición nos legou. Pero tamén o é, (e isto convértese ás veces en batalla de etnógrafos e antropólogos máis dispostos á globalización, é dicir, a unificar o que é diverso) que cada un deles ten formas diferentes de se ofrecer, de sentir e de celebrar a etapa do ano que comeza. Non son iguais os invernos en países de topografía radicalmente diferente, nen os climas, nen a paisaxe (elemento fundamental)... e isto é o que crea as formas distintas da manifestación.

O Entroido galego sepultouse na época da ditadura, mais agora renóvase e medra cada ano nesta nova situación de imperfecta democracia. Nacen as cores de súpeto, en cidades e campos. Ninguén, aínda que quixese, podería deter a forza común da vivencia, a riqueza das emocións. Mais si poden dirixir o control os de sempre, os que aínda onte o perseguían. A forza do Entroido galego é impresionante. Se nos metemos nel, na ampla riqueza que presenta, sentiremos a voz da tradición, dos devanceiros, do espírito inmenso do bosque e da montaña. O sentimento, diríamos, do noso ser máis xenuíno. E isto xa resulta perigoso para a asimilación.

Unha saída é folclorizalo, no sentido negativo que colleu esa fermosa palabra, mimetizalo, fenderlle a alma. Faise, por exemplo, botando a  xente do agro, desertizándoo (non é un accidente, é unha planificación),  ou presentando alternativas de espectáculo, pasivas, de simple entretemento. Para iso está a televisión. Poténcianse os premios e as imaxes das comparsas miméticas do desfile. Lévanse os nenos e nenas por estes camiños, os camiños das princesiñas, dos bonecos da televisión, das películas ou das personaxes do murmurio da 5 ou da Galega. A cultura urbana meteuse por este camiño , negando o propio, e hoxe aparécenos así, aburrida, pasiva e cunha falta de creación e iniciativa sorprendentes

E así vaise matando de novo a diferenza e abourando o ser libre e aberto que quere persistir e expresarse, mesmo renovando a tradición con novas aportacións. A cuestión está xa tan introducida que nen nós mesmos nos decatamos do seu significado de gas letal. Ver o Entroido ou calquera outra expresión galega do lecer e divertimento como algo secundario na conformación nacional, é un erro tan grave que nos pode cegar irremisibelmente os ollos da lucidez e amortecernos a batalla. Por iso os da Xeración Nós, Castelao, Risco, Otero Pedrayo... empregaron tanto esforzo en estudar en profundidade todo o referente á etnografía e ás formas de expresión da vida. E por iso levaron a loita dunha forma firme e constante por estes camiños.

Virán despois os Maios, as festas do Lume e da Auga, as celebracións antigas cristianizadas desde hai séculos. Os Magostos e o Viño Novo para preparar o Inverno e descansarnos. O Apalpador co pan e os agasallos. E así, continuamente, durante o ano, o noso corpo irase arrimando ao calor das leis que a Natureza nos escribe. Celebralo e potencialo será o xeito máis intelixente, natural e emocionado que teremos para seguir, seguir vivindo e seguir esperanzando.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña