13:37 Xoves, 06 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2011

As medidas para residualizar e estigmatizar o galego en todos os terreos convertéronse na única divisa do PP

Antroidada

Valorar (12)

XOÁN COLAZO PAZÓ


Peliqueiros de Laza


Dous anos despois da chegada ao goberno da Xunta, as medidas para residualizar e estigmatizar o galego en todos os terreos convertéronse na única divisa do PP.

Pax lingüística feijoniana. Por todos os medios posíbeis e sen que importe o que se ha gastar na empresa, o goberno galego está a desenvolver unha campaña sistemática de exterminio da nosa lingua. É o que en afortunada -mais triste- expresión de Carlos Callón se cualifica como "andar coa lingua a patadas". Logo da reacción popular e as grandes mobilizacións iniciais, parece ser que para o señor Feijoo a "normalidade" xa se instalou na sociedade galega, que asumiu a ausencia de conflito lingüístico. Agora estariamos nun período de tranquilidade social lonxe das leas que se montaban hai uns meses polas gañas dos e das nacionalistas de tirarlle do xenio ao presidente. Quizais sexa só un intento de sacar do primeiro plano de actualidade tan espiñento tema, para que non apareza decote nos medios, pero a guerra de baixa intensidade contra o galego continúa. As medidas seguen a ser constantes e de grande calado, sexan a base de decretos puros e duros ou con xeitos máis indirectos e silandeiros que no fondo tentan transmitir e inocular unha Galiza normal en español, cun resto de galego que se extinguirá no ronsel dos derradeiros galeguistas.

Na realidade toda a actuación da Xunta ten unha finalidade transversal moi ben definida que é incidir nos prexuízos de sempre con modernos adobíos: o galego non vale para nada. Esta é a antroidada dun goberno que existe porque existe o galego e que ten a obriga, estipulada por todas as máis altas normas e sentenzas que din acatar, de defender e promover a nosa lingua. O Goberno da Xunta e todo o aparello administrativo que del se deriva, por non falar do parlamento galego ou o sistema xudicial, ten a súa razón de ser na nosa realidade diferenciada, e os soldos que todos e todas cobran susténtanse en última instancia en que o pobo galego posúe un idioma propio. Pero, como dicían Fuxan os Ventos:

E, algúns deles andaban
trasquiando galeguistas,
pra non perderen a manda
fixéronse autonomistas.
E, ás veces, falan galego,
e presumen de labradores
a perdición de Galicia
está en maus deses señores!


Gallego como tu. Existe unha nova xeración pepeira, incorformista, senvergonza, que dá a cara sen tapullos e é modelo de modernidade e guía para o éxito. Xentes deste país, por fin podedes saír da caverna e facer gala dos vosos prexuízos, sacar peito moi oufanos, desprenderse das rémoras do pasado e abxurar do galego. Rebaixada Galiza a simples comunidade autónoma, de menor categoría ca moitas das antigas rexións sen personalidade propia, calquera manifestación diferencial está de máis. Non ven chegado o día en que o galego desapareza, e danlle os seus arrempuxóns: "Gallega 100%", es la leche!

El cigala. Escandaloso é o grao de cinismo que acadan as axudas públicas aos medios de comunicación polo seu uso do galego. Os varios millóns de euros que se reparten os xornais deberan seguir os criterios de "emprego regular do galego" e "publicar informacións destinadas a potenciar a normalización da lingua e á difusión e identidade da nosa cultura". Calquera pode comprobar se son merecedores de tal cousa, calquera pode contrastar a porcentaxe de informacións en galego que existen nos xornais que le todos os días (o 0%? 1%? 2%?...). Salta á vista que cada vez é menor esa porcentaxe, con non ser moi alta en anos/décadas pasadas. Chégase ao nivel de que as axendas dos actos culturais remitidos en galego son traducidas ao español, nomes propios incluídos, e xa non sabemos se podemos asistir a unha conferencia, obra de teatro, etc. e se esta se vai desenvolver en galego ou non... É preferíbel desinformar, confundir, antes que amosar que o galego ten presenza aínda vizosa na vida social e cultural das nosas cidades.

Pola súa banda, día si día tamén, os telexornais da televisión pública galega rematan co cante inspirado do "Cigala" ou de "Tomatito". Do resto de 80 canles televisivas mellor non dicir ren.

Cero cero galego. Débese gabar a actitude dun grupo de música que renuncia a participar nun premio á mellor canción galega do ano, que posúe no seu último disco unha canción en galego, que di que eles case non utilizan o galego nin o utilizaron nos últimos 30 anos e que hai outros que si teñen cántigas galegas? Renunciaríase de igual xeito se esa única canción fose en inglés? Non se está a dicir con todas as letras "a nós premios en galego, non", abrenuncio? "Miña terra galega, donde el cielo es siempre gris..."

Pero se é por cancións para ir de marcha e evitar un sinistro total, non vos preocupedes que a Xunta agasállavos cunha campaña publicitaria "libre de gallego". Xa sabes, se bebes, non fales en galego. Ou se falas en galego, non conduzas, non vaia ser que luego te tengamos que poner flores en la carretera!

A gaita galega tocada polo gaiteiro. Hai xa 150 anos que Xoán Manuel Pintos lle puxo letra e música a toda esta antroidada:

E non ten desculpa algunha
O desleigado podengo
Que refuga o seu idioma
Por falar en estranxeiro.

Bo antroido e a subverter todas as normas impostas.


[06-03-2011 21:00] Mario Solinho comentou:

Parabéns polo artigo; máis teño que dicir a renuncia de "Siniestro Total" da que se fala, está perfectamente xustificada polos interfectos, e é do máis razoabel e honesto que vin nese terreo.
Quero dicir, que os hai piores, e quen queira máis información que a busque na web.
Pero millor que informarvos o Link e regalarlle accesos a quen non o merece, aí vos vai un trozo:
"Julián Hernández aseguraba ayer a este diario que “no nos merecemos” esa nominación. No es justo que seamos finalistas por presentar un tema en gallego de 15 que tiene un álbum cuando hay grupos que graban cedés enteros en gallego”.
“Sería patético –agregaba– que nos lo diesen y tener que subir al escenario a recogerlo todos colorados”. "

Algo de vergoña sí que lles queda...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña