05:12 Luns, 04 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-03-2011

Que culpa terá a criatura, miña pobre, para que a marquen con ese estigma

Con que veo taparán a xenofobia?

Valorar (49)

MARICA CAMPO



O Consello Escolar dun  colexio de Arteixo considerou a posibilidade de expulsar por tres días unha nena de once anos por acudir ás aulas coa cabeza cuberta cun pano. Á fin acordou solicitar o seu traslado a outro centro. Que culpa terá a criatura, miña pobre, para que a marquen con ese estigma, por riba  das diferenzas de credo, cultura e status social que seguramente xa lle fan difícil a integración? Certamente a nosa capacidade de sermos crueis non ten límite. Se fose a filla dun jeque e chegase ás clases nun Mercedes non lle había pasar isto.

Non dubido que  ese Consello se  tentará máis á hora de sancionar aos díscolos de toda caste, que haber haberaos, e será  permisivo con eles  porque son de aquí e a súa indisciplina non responde a ningunha crenza ou cultura, senón á pura e dura mala educación. Moito me gustaría ler na prensa que, en solidariedade con ela, todo o alumnado do centro, en franca rebeldía, acode ás aulas con veos, chapeus, viseiras e demais prendas capitais. Mais non sucederá. Non educamos para a independencia de criterio nin para a empatía e a solidariedade. Educamos  para a letra das normas, que é ríxida e inxusta, e non para o seu espírito. Verbo disto, venme á memoria un relato de Monserrat del Amo cuxa adaptación teatral traducín hai xa ben anos para representar no colexio de San Cibrao, en Cervo. Titulábase Zocos e laranxas e trataba  da integración dun neno español, Vicente,  nun colexio danés. Knud, un compañeiro de aló, diante da imposibilidade de se comunicaren verbalmente, consegue facelo a través de debuxos. Un día  regálalle un zoco ao que o español corresponde cunha laranxa. Toda a clase imita o seu xesto e  intercambiábanse os obxectos máis representativos de cada un dos países. A xenerosidade posibilita o diálogo e a comunicación.

Mais, como nos consideramos superiores en todo, seica temos que colaborar na erradicación dese precepto bárbaro que discrimina as mulleres. Esquecemos que o cambio ten que partir delas e que a liberación, como un froito, caerá polo seu peso cando estea en sazón. Mesmo coñecidas feministas árabes, coas cabezas toucadas seguindo a tradición, piden respecto para o ritmo das súas mudanzas. Son outras máis fondas e significativas as que lles urxen antes.

E a nós quen nos liberará da escravitude de modas tales como os torturadores tacóns de alturas imposíbeis? Cando redactaremos nos regulamentos escolares que non se pode ir mostrando a raia do traseiro? Que medidas se aplicarán contra os alumnos que, comezado o verán, acoden ás aulas con pantalóns curtos que, a pouco que se escarranchen, deixan ver o que ensinou Butragueño por accidente, ou con camisetas de tirantes que non tapan as guedellas axilares? De todos eses espectáculos dou fe e podo asegurar que poucas veces foron obxecto de debate.

As autoridades educativas, esas que enchen a boca coa palabra liberdade cando se trata de postergar o galego, ben poderían invocala agora para que a nena non vexa vulnerado o seu dereito ao ensino. Neste caso apelan á autonomía dos Consellos Escolares e permiten unha medida de dubidosa legalidade. Tan dubidosa como que se aplica con carácter retroactivo unha norma deseñada con posterioridade ao ingreso da nena no centro.

En todo caso, unha norma deste tipo que non contemple excepcións, está condenada ao fracaso. Hai rapazas con alopecia que prefiren o pano á perruca, e hai nenos e nenas sometidos a quimioterapia coa conseguinte perda de cabelo. Habería que lles prohibir tapar a cabeza? E por que as razóns relixiosas  valen para as monxas católicas e non para as crentes musulmanas? Que respondan os Consellos Escolares, que aos que gobernan xa lles abonda con crear problemas onde non os hai.

Unha cousa teño clara: non hai veo que tape o rostro da xenofobia por máis que a disfracen de legalidade.


1 2 3 seguinte

[17-04-2011 12:52] Manuel Souto Pico comentou:

@Alberte: Recoméndoche a lectura do artigo 16.1 da Constitución española: http:/oticias.juridicas.com/base_datos/Admin/constitucion.t1.html#a16

Ademais, quen che dixo que o pano é un símbolo relixioso? E aínda que o fose, levalo implica "querer relixión"?

Tamén creo que confundes estado aconfesional (o noso) con estado laico...

[08-03-2011 22:09] alberte comentou:

Non estou dacordo coa autora do artigo, non podemos xustificar unhas cousas con outras. No colexio laicidade total, nen velos nen cofias, nen festas relixiosas, nen sìmbolos relixiosos. O que quera relixión que vaia a mezquita, a igrexa , a sinagoga... E isto aplicado a todos os centros educativos, que se por min fose serían todos públicos. Escola pública xa!, nada de colexios concertados adoutrinadores de credos relixiosos pagados con diñeiro público.

[08-03-2011 11:21] Robert Neal Baxtet comentou:

Excvelente artigo, parabéns Marica. Acho que cumpre distinguir entre dúas cousas moi diferentes: por un lado, as razóns as polas que a que a meniña en cuestión leva o pano (que non un veo...) que poden ser obxecto de crítica ou non; e, polo outro, as razóns reais polas que esta indumentaria sexa obxecto de exlusión social. Sen entrar na primeira consideración, neste caso particular o que si destaca é un rexeitamento en cuberta en nome da laicidade malendida (ou, polo menos, non aplicada a todo o mundo por igual) da diversidade e pluralidade cultural que rompe co modelo dominante, que non é outro que o xudeocristián (que tampouco é santo da miña devoción...). Noutras palabras: xenofobia. Pasa o memso cando seica amolan as mesquitas - a min amólame máis e máis polo miúdo as bombas intreminábeis das festas en honor a sant@s vari@s ou o repenique de todos os sinos da Galiza en honor á visita do Papa... Invocar o 'país de orixe' na nena (ou da súa familia) tamén non é de recibo: por un lado porque ela é tan de aquí como calquera outr@ alumn@ do seu colexio e porque a cuestión se levanta non neste noso país non noutro onde o noso poder de mudar as cousas é moi outra. Tanto molesta un pano (insisto, que non un veo) que se ten que excluír unha nena da rede de educación pública á que por lei ten dereito? Só hai que botar unha olladela á situación na Franza após a prohibición do pano para ver onde este camiño leva..

[05-03-2011 15:42] Antonio das Mortes comentou:

Tamén levan pano na cabeza as monxas; e en centros escolares con subvencións publicas!

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña