08:50 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-03-2011

Poñerlles rostro a conceptos como o poder, a banca, o sistema financeiro

O xigante de fume

Valorar (14)

PABLO CARRACEDO GOLDAR



Quen puidera poñer cara ó abstracto. Poñerlles rostro a conceptos como o poder, a banca, o sistema financeiro. Poñerlle nomes e apelidos á especulación, á fraude, á manipulación. Facer concreto o que nas nosas mentes só se conciben de xeito difuminado.

Vivimos nun tempo no que o goberno central está a tomar unha serie de decisións, unha serie de políticas coas que se está posicionando firmemente nunha única dirección. As consecuencias destes actos: a venda dos nosos dereitos, o recorte das nosas xubilacións e a hipoteca dos sistemas públicos a mans de empresas privadas. E non é un feito casual. Non só forma parte da famosa improvisación coa que a dereita fai electoralismo, hai moito máis detrás.

Os culpábeis desta crise xa hai tempo que lle puxemos nome, mais o fixemos en abstracto: o "sistema financeiro", a "especulación", a "gran banca"; o "gran capital". E deste xeito son o xigante de fume. Xigante porque no noso maxín semella indestrutíbel; de fume, porque non ten faciana, non se pode ver, nin tocar.

Este xigante de fume si ten rostro. Como di a canción do grupo vasco Negu Gorriak, Borreruak baditu milaka aurpegi ("o verdugo é o home das mil caras"). Hoxe máis que nunca é preciso coñecelas.

Sinxelamente porque ese gran xigante de fume, despreocupado por ser a causa desta crise, agora quere alimentarse das súas consecuencias. O verdugo non só non recoñece o seu papel no crime, senón que quere ser o enterrador, o crego e o florista, dando leccións do que se debe facer agora que o cadáver xa está frío.

A finais de novembro Zapatero reuniuse cos responsábeis das 37 empresas españolas que máis cotizan en bolsa (IBEX 35), cunha finalidade que só a cúpula do PSOE saberá con certeza. Nesta reunión houbo presidentes que puxeron especial énfase nas modificacións en materia laboral e financeira que o goberno debía levar a cabo, con especial urxencia, segundo o seu criterio. O presidente de Abengoa S.A., Felipe Benjumea foi un deles (primeiro nome). Nesa mesma reunión un dos destacados foi Emilio Botín que reclamou a Zapatero que terminara coa máxima urxencia a reforma da negociación colectiva que estaban a negociar os axentes sociais. E seguimos cos nomes:

César Alierta, Isidoro Álvarez, Antoni Brufau, Florentino Pérez, Pablo Isla, José Manuel Martínez, José Manuel Entrecanales, José Manuel Lara, Simón Pedro Barceló, Isidro Fainé, Francisco González, Ignacio Sánchez Galán, Juan Roig, Isak Andic, Rafael del Pino, Leopoldo Rodés, Borja Prado Eulate, Salvador Gabarró, Sebastián Escarrer, Baldomero Falcones, Juan José Hidalgo...

As empresas que dirixen: Banco Santander, El Corte Inglés, ACS-Dragados, Inditex, Mapfre, Acciona, Grupo Planeta, Grupo Barceló, Telefónica, La Caixa, BBVA, Iberdrola, Mercadona, Mango, Ferrovial, Havas Media Group, Endesa, Gas Natural, Repsol-YPF, Sol Meliá, FCC, Acciona, Globalia...

Hai uns días gran parte destes empresarios crearon o Consello Empresarial para a competitividade con algún que outro máis: Anfac (Francisco Javier García Sanz), Hispasat (Petra Mateos Aparicio) e Hoteles Riu (Carmen Riu). Cal é o seu obxectivo? Segundo as súas palabras: "analizar os problemas e dar propostas para solucionalos."

As súas solucións xa as coñecemos. Para saír desta crise por eles provocada é preciso recortar os dereitos dos traballadores: xa o asinaron cos cans servís de CCOO e UGT. A fórmula: despedir máis barato, contratos temporais e en precario. Cal é a solución maxistral da gran banca para salvagardar as súa economías?: recortar as pensións coa pretensión de que os nosos aforros se desvíen cara a fondos de pensións privados xestionadas por elas mesmas e presionar ó goberno coa ameaza do déficit público que eles mesmos controlan. Esa é a receita de Emilio Botín, esa é a fórmula de Felipe Benjumea, Francisco González e dos patróns de FEDEA (Fundación de Estudos de Economía Aplicada). A FEDEA é unha fundación ben coñecida por prognosticar e publicitar ata a saciedade a creba do fondo de pensións da Seguridade Social para o ano 2020.

Que curiosa coincidencia que quenes pagan este "rigoroso" estudo sexan: Abengoa S.A., Banco Sabadell, Banesto, Corporación Financiera Alba S.A., Repsol YPF, La Caixa, Iberdrola, Caja Madrid, Bolsa de Madrid, BBVA, Banco Santander, etc. Como vemos os que envelenaron o caldo agora nos receitan o seu falso antídoto.

É doado atar cabos e poñerlle nomes e apelidos ao maior acto de cinismo e hipocrisía dos últimos tempos. Mais o grave non é que unha oligarquía clasista e ultraliberal busque o seu beneficio. O grave é dos gobernos que permiten que isto aconteza. E o máis grave é que as forzas sindicais estatais, nomeadamente o señor Tojo e o señor Méndez baixo as siglas de CCOO e UGT, traizoen ós traballadores que din defender por un puñado de moedas.

Hai un pensamento do gran Xosé Saramago no que afirma que os gobernos xa non gobernan porque carecen de autonomía. Son as multinacionais as que teñen o verdadeiro control sobre as nosa vidas. Fai referencia a que deberiamos votar aos presidentes das grandes empresas e non aos políticos porque estes non son os verdadeiros gobernantes. Neste momento é evidente que estamos sendo claramente gobernados e gobernadas pola oligarquía financeira e empresarial do estado, xa que o goberno está lexislando para o seu beneficio en detrimento do benestar e os dereitos das maiorías sociais. O seu enriquecemento é o noso empobrecemento.

Por iso é máis preciso que nunca mostrarlle á sociedade galega que os culpábeis da precarización das súas condicións de traballo, dos recortes en materia de pensións e servizos teñen cara. Que o goberno central, co beneplácito do goberno galego do Partido Popular, é un monicreque ó servizo dunha casta empresarial, dos mandatos do neoliberalismo máis radical promovido en primeiro lugar dende os Estado Unidos e en segundo termo dende a Comunidade Económica Europea. Porque nas nosas mans está o poder de cambiar os gobernantes tanto políticos como sindicais.

E debémolo afirmar con rotundidade: É o nacionalismo galego a antítese a este servilismo, tanto sindical como político. Neste ano 2011 é máis que necesario poñerlle faciana ao verdugo dos mil rostros, porque o xigante Goliat, con nós, atopará mil Davides.


1 2 seguinte

[03-03-2011 21:34] Antonio das Mortes comentou:

En resposta a última pregunta de "Flipando máis": Izquierda Unida, UPyD e máis "Flipando", que constitúen a Santísima Trindá...

[02-03-2011 21:09] Flipando máis aínda comentou:

Non había que ir a unha folga xeral porque hai municipais cerca??? Non se fixo ben propoñendo a retirada do plus dos altos cargos??? O BNG pode pactar cun partido de centrodereita como o PSOE para impedir o paso da extrema dereita pero non pode ir a unhas europeas con outro de centro??? Quen di todo iso? Izquierda Unida ou UPyD?

[02-03-2011 19:42] Calquera comentou:

Creo que non entendiches nada Marcos GZ. Quen fala do sindicato? Flipando en todo momento fala do BNG, non da CIG. Ah! Discrepa canto queiras, pero non utilices o insulto. Desacredítaste ti só. Agur.

[02-03-2011 18:11] Marcos GZ comentou:

Só un mezquino que vive nos mundos de yupi pode afirmar que a folga foi unha medalla para o BNG. Se aumentándonos a idade de xubilación 2 anos e baixandonos as pensións non imos como sindicato a unha folga cando imos? Cando os iluminados de la extrema izquierda organicen as masas dende o sofá ou desde as tabernas que xestionan como "centros sociais". Aaaaaanda!!!! Moita crítica destructiva cara o nacionalismo e pouco facer país

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña