09:53 Martes, 23 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-02-2011

Roi Casal presenta o seu disco “Maxicamente vello”, un poema de Manuel María adicado ao idioma

Maxicamente vello, eternamente novo

Valorar (16)

ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ


Roi Casal


Non pretendo darvos a miña opinión sobre o resultado deste traballo musical de Roi Casal no que se refire ás bondades das letras das nove pezas que integran o disco, nin das súas composicións músicais ou da súa execución. Sería un acto temerario pois son un completo profano. Os meus particulares gostos non están orientados por un coñecemento da materia, senón máis ben polos hábitos que os non doctos imos incorporando e que, á súa vez, -claro está-  van moi unidos aos valores culturais que compartimos. Por iso, ningún interés tería nese aspecto a miña opinión e resulta moito máis procedente seguir a máxima do filósofo: do que non se sabe, mellor é estar calados. Remítome, pois, unicamente á funcionalidade cultural que representa esta novidade discográfica. E niso aprezo valores de mérito

O pasado día 19 aproximeime ao teatro Rosalía de Castro da Coruña para ver o traballo deste mozo que, con pouco máis de trinta anos, xa ten unha importante traxectoria profesional. Despois de formar parte do grupo Milladoiro durante case dez anos emprendeu a súa carreira en solitario dando a coñecer o seu primeiro disco, Lendas douradas, no ano 2008. Agora con este novo traballo consolida esa traxectoria iniciada en solitario e a música galega conta cunha nova voz que lle dá máis riqueza e diversidade.

Na curta traxectoria en solitario de Roi, hai unha vontade de estilo propio que engade algo máis que matices ao panorama musical existente en Galiza. Non creo que sexa bo que se identifique a música galega e en galego cun estilo determinado, particularmente o folk ou a música tradicional, pois aspirar á "normalidade" supón aspirar a que, con independencia da idade ou dos gostos musicais, teñamos produtos culturais para todos e todas. E no estilo no que poderiamos encadrar a Roi Casal, nun pop con estilo propio e algunhas concomitancias de folk, non andamos nada sobrados. A criatividade artística despregada nestes últimos anos no ámbito da música tradicional e de raíz é realmente moi importante e ten contribuído á identificación e integración na cultura do país a miles de mozos e mozas da nosas urbes. Non tivo o mesmo desenvolvemento en galego aquel outro tipo de música que identificamos convencionalmente como máis "comercial" o que, con independencia dos gostos de cada quen, non deixa de ser un baleiro que é indispensábel cubrir.

É de agradecer tamén que se incorpore un poema de Manuel María no que se fai unha defensa contundente da nosa lingua, unha consideración do idioma como a forza que nos une e nos identifica:

(...)
O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer
precisamos a lingua
se queremos vencer
(...)

Xa no seu primeiro traballo mostraba Roi as súas predileccións poéticas ao incorporar tres poemas de Rosalía de Castro e outros tres de Manuel María que viñan sumar a metade das pezas presentadas. No presente traballo é o poema de Manuel María o único incorporado, mais é o que lle dá título ao disco. Roi Casal súmase así, cunha perspectiva moi persoal, a unha longa nómina de grupos que con reiteración e baixo rexistros moi diversos, botaron man do noso grande poeta contemporáneo para compoñer as súas músicas. E isto coido que é algo fundamental para a difusión da súa poesía e para a súa consagración como clásico das nosas letras.

É mágoa que non dispoñamos de medios de comunicación, particularmente os públicos, que difundan estes traballos na dimensión que merecen e na medida en que a nosa lingua e cultura o necesitan. Seguimos tendo unha radio pública que se denomina Radio Galega Música, mais, para acomodarse ao seu contido, debera chamarse Radio Gallega, Música Española, pois de música galega tan só ten algúns programas específicos. De pouco vale que nos dera en directo o concerto inaugural da xira de Roi Casal pois non deixa de ser unha anécdota no conxunto da programación da emisora. Moito máis importante sería dar a coñecer de xeito cotidiano a existencia dos produtos culturais galegos e criar o ambiente para fomentar o seu disfrute, o que se chama convencionalmente "crear público". O mesmo poderiamos dicir da televisión galega. Para isto naceron, ou non?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña