19:15 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-02-2011

O reino alauita é consciente de que a opinión pública está en contra da ocupación do Sahara Occidental

Sahara Occidental e contraofensiva mediática

Valorar (9)

XESÚS RAMÓN GONZÁLEZ BOÁN



Dicer que o Pobo Saharauí goza dunha simpatía moi ampla entre a poboación do Estado español, é, sen dúbida, unha obviedade; éo igualmente constatar que este apoio se expresa de moi distintas formas. Hai quen simplesmente simpatiza coa causa saharauí sen desempeñar un papel activo, sexa este humanitario, social ou político; hai un grupo moi numeroso de familias que acollen a nenas e nenos saharauís durante os meses do verán; hai quen participa en manifestacións e quen se integra en asociacións e ONGs de axuda ao Sahara e hai organizacións sociais, sindicais e políticas que, sen ter a causa saharauí como eixe das súas actividades, veñen prestando apoio social e político ao Pobo Saharauí e á FPolisario na súa loita polo exercicio do dereito de autodeterminación e pola independencia nacional.

Nos últimos meses a simpatía e o apoio incrementáronse notabelmente por mor de dúas actuacións marroquís que tiveron un moi amplo eco mediático: a deportación de Aminetu Haidar ás Illas Canarias -co coñecemento, autorización e complicidade do goberno español- no mes de dembro de 2009 e o desaloxo violento e destrutivo en novembro de 2010 do campamento "Gdeim Izik" (Dignidade) nas proximidades d'O Aaiún seguido dunha brutal e indiscriminada represión sobre a poboación saharuí.

Estes dous acontecementos tiveron a virtualidade de romper, cando menos temporalmente, o tépedo muro de silencio que se ven construíndo arredor da ocupación militar, colonización económica e marroquinización poboacional do Sahara Occidental por parte do Reino de Marrocos; provocaron unha forte vaga de solidariedade que alterou a rutina de "normalidade" na que por veces se instalan os conflitos de longa duración; tiveron a virtualidade de producir cambios cualitativos na percepción social do problema que, sen deixar de ter unha forte compoñente humanitaria polas condicións de vida derivadas da propia ocupación colonial, se situou abertamente no terreo político, visualizando a existencia dun ocupante ilegal e déspota e un posicionamento ao seu favor -cada vez máis explícito-  por parte do goberno español e do mesmo PSOE.

Os dous conflitos tiveron un seguimento continuo e destacado por parte dos medios de comunicación fose na prensa, na radio ou na TV, informando día a día da evolución dos acontecementos, tomando partido pola causa saharauí na maior parte dos casos, proclamando moitos deles a responsabilidade histórica do Estado español na xénese e desenvolvemento da ocupación marroquí,  e denunciando a hipocrisía, a dupla linguaxe e o cinismo  do goberno español e do partido que o sustenta.

Certamente, o corporativismo tivo moito que ver na intensidade e na forma do tratamento mediático da destrucción do campamento Dignidade e da posterior represión. A retención de xornalistas, a retirada de autorizacións de prensa ou a expulsión do Sahara ocupado de profesionais dos medios de comunicación xerou unha vaga de indignación nas redaccións que xogou abertamente a favor da causa saharauí aumentando o impacto emocional, social e político no rexeitamento da represión e ocupación marroquí entre a poboación do Estado español.

O reino alauita é consciente de que a opinión pública está en contra da ocupación do Sahara Occidental. Sabe que hai un tecido social, no que destacan as moi numerosas asociacións de amizade e cooperación co Sahara e as familias de acollida das nenas e nenos, que mantén socialmente viva a denuncia da ocupación e o dereito do Pobo Saharuí a decidir o seu destino. E sabe que coas súas actuacións contra Aminetu e o campamento colaborou de maneira eficacísima na amplificación do sentimento prosaharauí.

É indubidábel que Marrocos quere contrarrestar este sentimento hostil na sociedade peninsular e para iso empeza a prestar especial atención á comunicación por medios clásicos e virtuais. A prepotencia marroquí, baseada no feito de que EE.UU, a Unión Europea e a Liga Árabe -por motivos non sempre coincidentes- apoian as súas teses anexionistas, explica, parcialmente, a pouca presenza na rede de páxinas webs en lingua castelá defensoras da súa posición. "Todo o mundo nos apoia, non temos nada que explicar" parecía ser a norma aplicada.

Mais isto está a cambiar de uns meses a esta parte, tanto pola vía do incremento de páxinas webs e blogs  construídos en Marrocos como pola moita maior participación e opinión de persoas marroquinas nos mais diversos foros virtuais do Estado español nos que se dan novas do Sahara Occidental. Aínda máis, comeza a haber blogs abertamente pro-marroquis elaborados desde este lado do Estreito.

Non é casual, xa que logo, o lanzamento dunha revista mensual destinada ao público do Estado español. No mes de decembro saíu o número 1 de "kántara, otra mirada es posible" nome para este "primer mensual marroqui en español" que, segundo di, "será distribuído" tanto no Estado español como en Marrocos.

As intencións quedan perfectamente explicitadas neste primeiro exemplar: nunha portada friky total, podemos ver unha montaxe fotográfica con parte dos Gobernos español e marroquí en amor e compañía a bordo de cadanseu barco de papel construídos respectivamente con billetes de 50 euros e 50 dirhams mentres un submarino pintado coa bandeira de Alxeria dispara un mísil.  A portada resume o contido.  A inmensa maioría dos artigos e seccións están relacionadas con eses dous temas e unha pretensión: tapar con diñeiro a ocupación.  Marrocos é un novo Eldorado para os empresarios españois e o Sahara Occidental é unha parte integrante do seu territorio (a FPolisario, xa se sabe, e a súa loita son un invento alxeriano que está a boicotar os excelente negocios hispano-marroquis). Das 134 páxinas da revista, 47 fan algunha referencia á marroquinidade do Sahara, ás veces como tema central e único do artigo, outras con comentarios e alusións. A revista outorga especial importancia á visión española pro-marroquí mediante textos de xornalistas e colaboradores con apelidos españois, ou entrevistas a políticos (PP) e empresarios.

Nesta mesma liña de repentino cariño do reino alauita pola miña persoa, recibo desde principios de ano por correo electrónico numerosos informes e artigos de prensa favorábeis ás teses colonialistas marroquís elaborados ou distribuídos por alguén ou algo que se identifica como "marruecossur".

Non crean que fun comprar a revista nun quiosco de prensa. Entra dentro da lóxica comercial (como promoción) ou política (como contrainformación) que se enviara este primeiro número da revista á organización sindical na que traballo, por mor das súas actividades a prol da causa saharauí. Ten tamén lóxica, polas mesmas razóns, que se enviara ao meu nome ao enderezo sindical pois correspóndeme ser "a cara" da CIG no ámbito internacional e o meu nome e miña sinatura están en numerosos textos e documentos apoiando a loita saharauí. O que xa non é moi explicábel (ou si) é que se me enviara este exemplar ao meu enderezo particular en Vilanova das Infantes; enderezo que nunca puxen en coñecemento da redacción da revista, nin da distribuidora, nin de ningunha embaixada do Reino de Marrocos.


[27-02-2011 13:25] Shanti Ali Brahimi comentou:

Revelador reportaxe sobre un problema de moita mais fondura: aa estratexias para trastocar a visión de Marrocos e do problema saharaui na opinión pública española coa colaboración, tamen, do noso Goberno. Eu tamen recibín a revista no meu domicilio, Moncho. Noraboa polo teu texto. Shanti

[25-02-2011 21:44] Itziar comentou:

Felicidades por el artículo! Lamento no poder hacerlo en galego, pero en sukara os digo, Aurrera eta Zorte ona izan. Itziar

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña