00:49 Mércores, 05 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-02-2011

Se analizamos o discurso dominante neste período hai catro ou cinco slogans que resoan con moita forza

Propaganda en tempos de crise

Valorar (4)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO


Sarah Palin


Chámame poderosamente a atención a capacidade que existe para xustificar o inxustificábel. O poder que teñen as forzas políticas do sistema -con potentes aparatos mediáticos a seu servizo- para crear estados de opinión favorábeis, ou desmobilizadores de contestación social, ante as decisións que adoptan. O momento actual é un exemplo gráfico.

Goebbels, un dos pais da propaganda política, desenvolveu unha serie de principios que aínda hoxe parecen ter vixencia. Entre eles estaba o de que a propaganda ten que limitarse a un número reducido de ideas e repetilas incansabelmente. Estratexia que debe combinarse coa ocultación das noticias que favorecen outras teses e obviar aqueles temas para os que non se teñen argumentos. Outro dos principios que asentou foi o de que a propaganda tiña que convencer a moita xente de que pensa "como todo o mundo", creando unha imaxe falseada de unanimidade. Estas vellas receitas do responsábel da propaganda nazi, son vigorosamente practicadas na actualidade á hora de xustificar as inxustas e ineficaces medidas aprobadas no transcurso dos últimos meses en relación coa crise económica.

Se analizamos o discurso dominante neste período hai catro ou cinco slogans que resoan con moita forza. Empezaron con "isto só se arranxa entre todos", seguiulle aquilo de "hai que apertarse o cinto" porque "vivimos por riba das nosas posibilidades". Nos últimos meses, todo se xustifica en nome de "calmar aos mercados". Todos eles son slogans repetidos por PP e PSOE, nun exercicio de propaganda que aplaudiría o propio Goebbels, para convencer ao pobo da inevitabilidade das medidas que se están adoptando. A pouco que profundicemos nestes asuntos, veremos como non hai argumentos para defender estas medidas, porque son inxustas e ineficaces.

A reforma laboral xustificouse en nome da creación de emprego. Desde a súa aprobación o paro seguiu medrando, o único efecto real foi o de abaratar o despedimento. Os recortes de gasto público, presentáronsenos como unha demanda dos mercados para xerar confianza. Lonxe de producir ese efecto, agravaron as consecuencias da falta de actividade económica e provocaron a destrución de milleiros de postos de traballo. Escóndese deliberadamente que o problema non está na débeda pública, senón na privada. Recórtanse os fondos para os servizos públicos, incrementando a desigualdade e abrindo as portas á privatización dos mesmos.

E como colofón deste despropósito, os sindicatos estatais pactan co goberno unha reforma das pensións que vai provocar que traballemos máis anos e cobremos pensións -aínda- máis baixas. Xustifícase na falta de sostibilidade do sistema, cando as cifras evidencian o contrario. Fixádevos que cunha taxa de paro do 20% a caixa da Seguridade Social segue tendo superávit. E aparece agora a unanimidade como bálsamo desta inxusta e inxustificábel medida.

Eu non creo que a unanimidade per se signifique que unha medida é boa. Con todo, convén lembrar que non existe unanimidade. O pasado 27 de xaneiro Galiza deu mostras da oposición a esta reforma das pensións. A convocatoria de Folga Xeral pola CIG foi unha medida necesaria e atinada. Necesaria ante un ataque brutal a unha conquista social básica. Atinada porque foi a única maneira de expresar o descontento ante a situación actual. Do éxito dan boa conta as mobilizacións que se produciron. Mais tamén o silenciamento previo e posterior que se fixo da mesma. Non só se ocultou a folga, tamén os motivos e as demandas.

Neste contexto, é moi de valorar que milleiros de galegas e galegos secundaran esta convocatoria e saíran as rúas reclamando un cambio de rumbo. Na Galiza, grazas a acción do nacionalismo, tanto no plano sindical como político, expresamos a nosa posición contraria as políticas que están aplicando o PSOE no goberno central e o PP na Xunta de Galiza. O pasado xoves, o nacionalismo deu unha mostra clara de como somos unha forza alternativa, mais tamén demostramos que o único cambio posíbel ante o escenario actual pasa por ter máis forza e maior incidencia social e política.

Se non fóra galega sentiríame desolada. Desolada ante partidos que se din de esquerdas e practican políticas de dereita (isto si que é axenda oculta!!). Decepcionada ante uns sindicatos que perderon toda perspectiva e lexitimidade para erixirse en defensores dos dereitos dos traballadores e traballadoras. Mais afortunadamente son galega. Vexo con esperanza a definición clara do nacionalismo galego fronte aos problemas que ten hoxe Galiza, con posicións nidias de defensa dos dereitos das maiorías sociais.

Detecto con todo, que as veces a propaganda oficial prende tamén na nosa base social. É normal. É abafante. Como teorizaba Goebbels, facer crer que todo o mundo está de acordo nunha idea é un arma moi poderosa. Mais fronte á propaganda e os slongans debemos presentarnos cargados de ideas e argumentos. Neste terreo non son capaces de gañarnos. Saben que a razón está no noso lado. Cómpre pois que nos rearmemos ideoloxicamente ante tanta propaganda nestes tempos de crise. A nosa resignación significaría a súa vitoria e non podemos permanecer impasíbeis mentres nos intentan roubar o futuro e a esperanza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña