20:16 Mércores, 20 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2010

No mundo do mar é habitual ver e padecer este problema, pero que é?, por que ocorre isto?, a que escala se padece? e cales son as consecuencias para os traballadores e traballadoras do mar?

O furtivismo no noso mar

Valorar (7)

JOÁM LUÍS FERREIRO CARAMÊS


coquinas

Non todo o furtivismo se exerce da mesma maneira podendo diferenciar tres grupos:

- Ocasionais, persoas que van á praia, turistas..., e ocasionalmente apañan marisco para consumo propio.

- Habituais, aqueles que de xeito individual apañan marisco diaria ou case diariamente para vender, normalmente aquí hai grande incidencia de persoas con problemas de inserción social

- Organizados, persoas que en grupo, e de xeito organizado exercen habitualmente o furtivismo e realizan a venda do marisco.

    Este marisco obtido ilegalmente polos dos últimos grupos comentados ten dúas posíbeis vías de saída á venda:

    - A primeira delas é a venda directa a particulares, restaurantes...

    - A segunda e mais grave, pero tamén a mais fácil de controlar, é a “colocación” deste marisco nos circuítos legais a través da venda a compradores legalizados. Ten, como no primeiro caso un grave problema sanitario ao non poder garantir a súa procedencia, pero ademais implica un efecto secundario para as mariscadoras e mariscadores que é a baixada do prezo do marisco en poxa ao estar xa previamente abastecidos.
      En calquera destes casos xerais hai un compoñente común a todos eles que serve de desculpa “o mar é de todos”, esta é unha afirmación que tendo unha parte de verdade, non é real. Polo mesmo que a terra é de todos pero non o é unha leira particular, nin tampouco no monte comunal dunha parroquia calquera que pase por alí pode cortar unha árbore.

      Hai unha realidade que é o proceso de profesionalización do marisqueo, que se ven desenvolvendo desde hai uns cantos anos no noso país. Esta circunstancia non é percibida pola poboación en xeral que aínda ven esta actividade como unha axuda quizás, pero non coma un verdadeiro oficio. Este proceso de profesionalización non se basea en dar “permex” ás mariscadoras e mariscadores e que coticen á seguridade social, senón no desenvolvemento dun proceso de cultivo do mar, isto é, preparación das praias, con cavados, rareos, traslados, limpezas, sementeiras, seguimento por parte das asistencias técnicas das confrarías, é dicir, é moito mais que a simple extracción, xa que cando o marisco é apañado leva tras del un longo traballo, aínda que calquera de nos poda disfrutar do mar, e tomar baños na praia, non ten dereito a apañar marisco, un recurso no que traballan e do que viven case 5.000 persoas no noso pais.

      É posíbel solucionar isto?, claro que o é, pero primeiro é preciso ter unha conciencia clara do que significa este traballo, que aínda que “o mar sexa de todos”, non o son os seus recursos.

      Existe unha cuestión común nos casos de furtivismo e é o risco para a saúde que corre, tanto o que consume marisco apañado por el como o que compra a un furtivo, xa que non hai garantías sanitarias da procedencia dese marisco, podendo proceder dunha zona “C” ou mesmo estar contaminado con algún tipo de biotoxina, como aconteceu co famoso caso das Vieiras de “Toñi Vicente” contaminadas con toxina amnésica.

      Temos ademais unha particularidade que ten moito a ver co segundo grupo do que antes falaba, é verdade que o marisqueo serviu hai anos de “táboa de salvación” para situacións sociais graves, na comarca de Ferrol serviu para amortecer o impacto das primeiras reconversións navais nos anos 80 e primeiros 90, por certo axudando a profundar a reconversión ao buscar a xente saídas individuais no canto de colectivas. Se hai un problema social, hai que resolvelo, non se pode solucionar a costa de prexudicar a ningún colectivo en particular, pero alí onde hai o recurso fácil do marisqueo faise a vista gorda, mírase para outro sitio e ao final estamos no de “mellor así que roubando”, pero é que acaso as mariscadoras e mariscadores polo feito de selo forman algunha O.N.G. encargada da reinserción social dos marxinados?, ou é que nos planos de explotación anuais das confrarías hai un apartado de “marisco regalado para o mantemento da paz social” que teñen que asumir como un imposto mais a costa de reducir os seus ingresos?. E evidente que vivimos nunha sociedade que xera problemas graves, entre eles o da drogadicción pero é precisamente o modelo social e económico que temos o responsábel, e a solución pasa polo cambio de modelo económico e social, calquera outra cousa son remendos e non solucións.

      Non por todo o país o efecto desta captura ilegal é a mesma, incluso na mesma ría, unhas confrarías están mais afectadas que outras, sendo ao final a combinación de tres factores os que determinan a incidencia, que aínda que parezan obvios serían: a presencia de marisco, a presencia de furtivos e a terceira e fundamental, a existencia de un servizo de vixilancia que os manteña afastados das praias. O mantemento dos gardapescas das confrarías representa en moitos casos unha importante carga económica para as mesmas, reducíndose os ingresos xerados pola extracción marisqueira.

      Ademais, a extracción non regulamentada e polo tanto non controlada, distorsiona os planos de explotación anuais das confrarías, non podendo coñecer ás veces a capacidade real de produción dun determinado banco marisqueiro xa que non podemos cuantificar canto se perde por mortalidade natural e canto por furtivismo.

      No título referíame ao mar por un caso particular, que aínda que está regulamentado e exércese con unha licencia (pesca deportiva), si causa un prexuízo importante aos mariñeiros de pesca artesanal por ser na práctica un competidor directo, cando temos problemas no mantemento de stocks e incluso de recuperación de algunhas especies sometidas polo tanto a topes moi estritos. É moi difícil comprender, como alguén pode pescar incluso en fin de semana, exercendo unha presión extractiva que reduce estes stocks e compite directamente polo mesmo recurso con os mariñeiros para os que esta actividade non é unha diversión, senón o sustento das súas familias.

      En calquera caso, o furtivismo causa un grave prexuízo aos profesionais do mar, e nalgunhas rías rouba gran parte dos ingresos de quen fixo do marisqueo e a pesca o súa profesión.

      Engade o teu comentario:

      Os campos marcados con* son obrigatorios.







      © Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
      Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
      Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
      981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

      A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña