19:49 Xoves, 21 de Febreiro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-03-2010

O 27 de marzo, en Ferrol, convócase manifestación baixo o lema: “En defensa do emprego. Por un sector naval con futuro. Levantamento do veto XA!”

O sector naval de Ferrol, retrato das forzas políticas

Valorar (7)

FERNANDO BRANCO PARGA


xunta de traballadores galegos

Nas emendas presentadas polo PSOE e o PP á Iniciativa Lexislativa Popular sobre o Fomento do Sector Naval de Galiza, fica claro a posición destas forzas políticas sobre un dos nosos sectores produtivos de carácter estratéxico.

Logo de ter recollido máis de 18.000 sinaturas, a súa grande maioría na Comarca de Ferrolterra, presentouse no Parlamento Galego a Iniciativa Lexislativa Popular de Fomento do Sector Naval de Galiza.

Esta Proposición de Lei ten por obxecto a consideración do sector naval como estratéxico para á economía galega, a asunción de competencias por parte da Xunta na xestión das empresas públicas estatais integradas no sector naval de Galiza e a volta do estaleiro de Navantia en Fene á actividade naval civil sen limitacións.

A pesares de ser tomado en consideración por unanimidade no Parlamento, o texto, que só conta cunha Exposición de Motivos, 5 artigos e dúas disposicións derradeiras, ten 13 emendas do PSOE e 6 do PP.

Nas emendas é onde se retratan estas forzas políticas. No caso do PSOE búscase eliminar a maior parte da Exposición de Motivos, a explicación precisa do carácter estratéxico deste sector na economía galega e o relato do proceso sufrido na historia recente no estaleiro de Fene (Astano), de cómo dende o Goberno do Estado, coa complicidade necesaria do sindicalismo estatal e da pasividade da Xunta de Galiza, fíxose a este estaleiro culpábel das perdas de todo o sector naval público do Estado, cando nunca se puido acreditar que Astano recibise as axudas públicas que provocaron o veto á construción naval civil por parte da UE.

Porén, máis sorprendentes son as emendas do PP, partido que goberna no País, fai renuncia explícita a negociar a asunción de competencias na xestión das empresas públicas estatais integradas no sector naval de Galiza e o traspaso dos activos que non estean sendo utilizados para a construción naval.

Limítanse a instar ao Goberno do Estado que resolva diante da Unión Europea o veto a Astano, e pídello que o faga no tempo de dure a presidencia europea –temporalidade que nunha Lei non ten lóxica- .

Pero a emenda máis grave é na que busca substituír a Disposición que demanda a volta de Astano á construción, reparación, reciclaxe ou transformación naval civil, por un texto que só fala de poñer en valor os activos do estaleiro e de dinamizar a actividade industrial na zona. Non fai referencia ningunha á actividade naval como fulcral dun estaleiro, deixa as portas abertas a converter esas instalacións nun polígono industrial calquera.

Esta actuación conxunta do PP e do PSOE de lapidar de facto a ILP debe ter resposta; por suposto no ámbito institucional, na Cámara galega, mais tamén no social, non se mantén por máis tempo este teatro de votar unha cousa no Parlamento Galego e a distinta nas Cortes do Estado, de apoiar a toma en consideración a ILP para logo, no trámite parlamentar, deixala sen contido real.

Por iso, a manifestación convocada para o 27 de marzo en Ferrol, baixo o lema: “En defensa do emprego. Por un sector naval con futuro. Levantamento do veto XA!”, debe ter o apoio de todo o nacionalismo, sobre todo agora que, mais unha vez, a defensa deste sector produtivo xera a oposición activa dunha parte importante do españolismo, a empezar polo sindical, asunto que por espazo non trato neste artigo, mais tempo teremos; en calquera caso non é hoxe ningunha sorpresa.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña