23:33 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-02-2011

O obxectivo principal desta Lei de Augas de Galiza é o de subir a recadación da Xunta de Galiza

Lei de auga$

Valorar (22)

RUBÉN CELA DÍAZ



Non hai unha gralla no título deste artigo. O símbolo do dólar rematando a palabra auga explica, de xeito gráfico e directo, o verdadeiro transfundo da "Lei de Augas de Galicia" impulsada polo Partido Popular e que realmente se debería chamar "Lei do Canon da Auga".

O 27 de maio de 2010 o Consello da Xunta aprobaba o Proxecto de Lei de Augas de Galicia, que entraría no Parlamento Galego para a súa tramitación o 7 de xuño de 2010. Finalmente, o Partido Popular, sacaría adiante e en solitario esta Lei pasando o rolo sobre as emendas formuladas pola oposición (o BNG unha vez que non prospera a súa proposta de devolución do Proxecto de Lei, formulou un total de 33 emendas parciais) e facendo caso omiso ás recomendacións realizadas nin polo Consello Económico e Social de Galicia, nin ás emendas específicas da Confederación de Empresarios,  centrais sindicais ou as asociacións ecoloxistas. Así naceu a Lei de Augas de Galicia, pola porta de atrás, de costas aos veciños e aos Concellos. Mal parida ao igual que fora mal concebeda.

Finalmente, desde o meu punto de vista, o texto aprobado e que se publicaría no DOG do 18 de decembro de 2010, implica basicamente tres novidades:

1) Todas as augas pasarán a ser susceptíbeis dalgún tipo de cobro pola súa posíbel utilización.

2) Substitúese o antigo "canon de saneamento" por dous novos tributos: o "canon da auga" que se lle vai a aplicar a todas e a todos os usuarios da auga e o "coeficiente de vertido" que se lle aplicará a aqueles usuarios que estean conectados a un sistema de depuración xestionado pola Xunta de Galiza.

3) Fusión nun único ente público chamado "Augas de Galicia" o que até o de agora era a Empresa Pública de obras e Servizos Hidráulicos e a actual Augas de Galicia.

Polo resto, non introduce modificacións substanciais nin desde o punto de vista ambiental nin da protección dos recursos hídricos galegos. Basicamente o que fai é unificar nun único texto a lexislación que xa existía en materia de augas.

Para o nacionalismo galego, esta Lei é unha oportunidade perdida de consensial unha auténtica Lei de Augas de Galiza, baseada en facer unha ordenación e regulación dos distintos usos da auga que, recollendo todas as casuísticas do territorio galego e das demandas de acceso á auga en Galiza, garanta a auga coma un servizo universal para todas as galegas e galegos ao tempo que se garanta a protección e conservación dos nosos recursos hídricos porque para o BNG sempre o foi, e o segue a ser, unha prioridade o garantir a calidade das augas, a eficiencia de todos os seus usos e a sostibilidade ambiental e social.

Supostamente, un dos principais obxectivos que persegue esta lei é dar cumprimento á Directiva Marco da Auga (DMA) e acadar que todas as augas de que dispón Galiza se adecúen a un bo estado ecolóxico antes do ano 2015, data proposta pola directiva. É críbel que ese é o obxectivo último, cando ao tempo o Plan Hidrolóxico de Galiza prevé a construción de 33 novas centrais hidroeléctricas antes de 2015 ou cando esta propia Lei non contempla obxectivos ambientais de calidade das augas, nin obxectivos en materia de eliminación da contaminación nin conservación de ecosistemas fluviais? Evidentemente, non.

O obxectivo principal desta Lei de Augas de Galiza é o de subir a recadación da Xunta de Galiza. Non é que o diga o BNG, senón que se pode ver ben ás claras na propia memoria económica da Lei: no ano 2010 están previsto ingresar mediante o Canon de Saneamento 34.769.060 euros e no ano 2011 prevese cobrar co novo Canon da Auga 48.670.540 máis 19.826.983. É dicir a Xunta prevé ingresar un 97% con esta nova Lei, é dicir, case que duplicar os ingresos pasando de 34 millóns a 68 millóns. De onde van saír eses 34 millóns de diferenza? Evidentemente, dos petos das e dos contribuíntes.

O Partido Popular xustifica isto en base ao "Principio de recuperación de custos", baseado na premisa de "quen contamina paga e repara".  É dicir: quen contamina paga, e como todos contaminamos en maior ou menor medida, todos pagamos.

Non se trata dunha taxa pola prestación dun servizo de abastecemento da auga, senón dun imposto sobre o consumo (do real ou do potencial) de auga. Trátase dunha suba moi importante que afectará a todas as veciñas e veciños de Galiza, xa se abastezan de redes públicas, de traídas comunais ou de pozos particulares.

É certo que o texto final incorporou exencións que non recollía o anteproxecto como nos usos agrícolas, forestais e gandeiros e que existen importantes bonificacións noutros casos, pero o certo é que se cobra por algo que antes non se cobraba e sen prestarlle ao usuario ou usuaria ningunha nova prestación. Quen se abastezan de pozos e as comunidades de usuarios legalmente constituídas que non teñan rede de saneamento pública aplicaráselles unha bonificación do 90% (grazas á aprobación dunha emenda do BNG pasouse  dunha bonificación do 80% ao 90%). Isto será só para vivendas que non conten nin con abastecemento nin con saneamento.

A cota do canon para usos doméstico e asimilados resultará da suma dunha parte fixa e dunha parte variábel. Como se calcula esa parte variábel? Pois nun principio cun contador homologado, que terá que asumir cada quen do seu peto. No caso de non querer instalar contador o usuario poderá acollerse a estimación obxectiva.

Ademais deste "canon da auga" esta Lei crea unha nova taxa o "coeficiente de vertido" a sistemas públicos de depuración de augas residuais. Neste caso, o feito impoñíbel é a depuración da auga por parte da Xunta de Galiza, polo tanto terano que pagar todas aquelas persoas que vertan auga ás depuradoras que estean xestionadas pola Xunta. Na práctica o que fai é duplicar o valor do canon da auga (isto por definición é contrario o propio concepto de taxa, xa que o que debería facer a Xunta sería facer un cálculo dos custes da totalidade de depuradoras e ver canto habería que pagar por cada  metro cúbico de auga que depura para saber canto lle tería que repercutir a cada usuario/a)

Ao meu entender, un "canon da auga" e un "coeficiente de vertido" destas características formula varios problemas:

1. Trátase dun imposto directo que, ao igual que coa recente suba do IVE, non ten en conta a situación socio-económica das e dos usurarios.

2. Gravará a usuarios/as que até o de agora non pagaban xa que tampouco desfrutaban de ningún servizo de materia de abastecemento ou saneamento. Pagarase por captacións propias, traídas veciñais ou comunitarias con independencía das importantes bonificacións.

3. O canon da auga grava aínda que non exista consumo, polo tanto neses casos lonxe de incentivar o aforo da auga e o consumo responsábel o que se fai e gravar a ausencia de consumo.

4. Ademais, a maioría do peso deste canon recae nos usos domésticos e moi pouco nos usos industriais. Un exemplo clarificador é o de ENCE.

5. É unha medida especialmente discriminatoria e prexudicial para o medio rural e suprime as exencións vixentes no anterior Canon de Saneamento para os núcleos rurais de menos de 2.000 habitantes.

A ALTERNATIVA: CONTESTACIÓN SOCIAL E POLÍTICA

Está claro que o Partido Popular é consciente de que está Lei lle pode acabar pasando factura non só aos cidadáns, senón políticamente a eles tamén.

Por ese motivo, existe un pano de ferro mediático (existen pouquísimas voces críticas na prensa galega a respecto desta Lei), unha importante campaña mediática desde a Xunta, e unha non menos importante campaña dos Alcaldes/as e concelleiros/as do PP tratando de contrarrestar as diferentes charlas e reunións que se están a organizar para informar a veciños e veciñas.

Non é casual que non se empece a cobrar este canon até despois das Eleccións Municipais. Non é casual que sexan os Concellos os que terán a obriga de facturarlle aos veciños o canon da auga, convertendo aos Concellos nos cobradores dun imposto da Xunta, dando a sensación de que son os Concellos os que fan que suba o recibo da auga.

Ademais de solicitar mediante a recollida de sinaturas a retirada da Lei de Augas de Galicia, debemos exercer unha ampla resposta cidadá para tratar de condicionar a redacción final destes regulamentos. A partires deste intre, terán que  desenvolverse a través de seis regulamentos que en teoría se irán elaborando e aprobando ao longo de 2011.  Especialmente importante será a redacción final do   "Regulamento de réxime económico do canon da auga e do coeficiente de vertido". Neste regulamento definirase prazos e procedementos e, moi importante, concretarase o sistema de estimación obxectiva e os tramos de consumo en usos domésticos. 

Polo tanto, queda por diante moito traballo de explicación, de mobilización e de contestación a unha Lei que non é a que precisa Galiza, senón a que quere o Partido Popular. Unha lei, elaborada de costas á cidadanía, que non se preocupa da ordenación, conservación e uso eficiente da auga senón de aumentar a recadación da Xunta de Galiza e que implicará un tratamento moi inxusto desde unha perspectiva fiscal e territorial, tendo efectos especialmente malos sobre as capas sociais máis desfavorecidas e xa tremendamente castigadas coa actual crise económica e coas políticas da Xunta de Galiza e do goberno español.


[06-02-2011 14:37] Antonio das Mortes comentou:

Ai, se fora cousa de aumentar a capacidade recadatoria da Xunta!!! do que se trata é de criar "mercado" para a privatización xa feita e a por facer....

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña