21:40 Venres, 14 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-03-2010

As decisións políticas do PP na Xunta agravan os datos do desemprego en Galiza

Parón Eólico e perda de emprego

Valorar (10)

XOÁN COLAZO PAZÓ


O presidente, de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán abraza a Feijóo no acto de investidura na Praza do Obradoiro


Mentres a nosa terra sofre unha situación económica que provoca a expulsión de miles de persoas do mercado de traballo e o paro rexistra o maior nivel da nosa historia, o Goberno da Xunta de Galiza non se conforma con ficar paralizado. Ben ao contrario, no caso do sector eólico non dubidou á hora de tomar decisións favorecedoras da destrución do emprego e da imposibilidade de acometer investimentos produtivos.            

Aínda a custa destas consecuencias, a súa opción política e ideolóxica non podía permitir que asentase o modelo implantado polo BNG. A participación pública, respecto ambiental e transparencia nas concesións, que redundarían no aproveitamento racional dos nosos recursos para beneficio do país, botáronse aos pés duns cabalos que galopan cara o pasado. Asistimos de novo á extraversión dos nosos recursos, o escurantismo no seu aproveitamento e a tortura da nosa natureza. E se para iso hai que frear o desenvolvemento dun sector en continuo medre nos últimos anos, no que eramos referente, faise sen roibén. Poderosos intereses así o requiren, e o Partido Popular está para esas cousas. De por parte, o PP, instalado no seu nicho natural na Xunta, esconde as súas vergonzas sen que nin os medios nin os grupos que sempre abeiraron o poder lle esixan maiores explicacións.            

Pero tanta irresponsabilidade non debera pasar sen máis, sen custo ningún. En febreiro acadamos os 234.171 parados e paradas en Galiza, un 13% máis ca antes das eleccións do ano pasado. O goberno Feijóo viu aumentar en 26.600 desempregados o xa alto número de persoas sen traballo existentes, con especial incidencia no sector industrial. 72 persoas ao día perderon o seu traballo dende a súa chegada do PP á Xunta. E a inacción é total. Seica os que ían rematar coa crise e o paro non ben tomar as rendas do país están a outras cousas menos irritantes. Agora resulta que o problema vén de fóra, que non hai nada que facer.           

Porén, as posibilidades de influír nesta situación económica e do emprego é ampla, sempre que existir vontade política e un goberno capaz. Deixando á marxe as políticas activas de emprego, a Xunta posúe competencias exclusivas en industria e na produción e distribución da enerxía eléctrica. Para o caso que nos ocupa, a promoción do sector eólico galego está nas súas mans. Pero os resultados neste primeiro ano non poden ser máis negativos. Produciuse o peche de varias empresas de fabricación de compoñentes para os parques eólicos e outras reduciron os seus cadros de persoal, deixando sen emprego a máis de 1.000 persoas, sobor de todo en Ferrolterra e As Pontes. Só 91 MW de potencia se instalaron ao longo de 2009, o peor dado dende o inicio do desenvolvemento dos parques eólicos. E as expectativas cara aos vindeiros anos non son moito mellores. Non se poderá acadar, nin de lonxe, o obxectivo dos 6.500 MW instalados para 2012, na liña do impulsado polo BNG e do demandado por toda Galiza. De potencia europea na produción eólica pasamos a estar no limbo das comunidades autónomas do Estado, perdendo posicións de continuo.           

A explicación de todo isto xa se comentou: a obsesión do PP por non deixar en pé iniciativa transformadora ningunha do BNG no Goberno da Xunta. A súa primeira decisión foi a suspensión, só por motivos políticos, ideolóxicos e de pagamento de favores -que non xurídicos- do modelo eólico derivado no Decreto 242/07. Con el rachábase coas políticas de Fraga e procurábase un uso sustentábel, responsábel e eficiente do recurso do vento. A explotación eólica debía significar compatibilizar a mínima afección ambiental e a xeración de riqueza e emprego no país por medio da creación dun complexo industrial eólico. Co decreto acadábase que a enerxía do vento dos nosos montes redundase na creación dun sector integrado que deixase aquí os seus beneficios, con mecanismos para facelos extensíbeis ao conxunto da sociedade.           

A Orde de marzo de 2008 desenvolvía o Decreto 242 e estabelecía os criterios para a concesión de 2.325 MW novos dende 2008 até 2012. Isto ía supoñer a posibilidade de participación pública nos parques eólicos, a implicación dos propietarios dos terreos e a xeración de proxectos económicos e industriais asociados. O impacto económico que se podería ter acadado é evidente: mobilización de preto de 5.500 millóns de euros en investimentos e creación de 3.000 postos de traballo directos.           

Mais a suspensión polo PP deste proceso que se estaba a implantar e a súa posterior eliminación e substitución polo derivado da Lei 8/09, de aproveitamento eólico, aprobada en decembro pasado, leva á actual parálise total do sector. As consecuencias xa se dixeron e está ben á vista: investimentos nulos, megawatts poucos e destrución de emprego moita. O Goberno de Feijóo é culpábel dunha dobre perversión. A de imposibilitar o desenvolvemento dun sector industrial punteiro, propiciando o seu declive en época de crise e agravando a situación de paro xeneralizado. E a de facelo por intereses particulares, partidistas e de amiguismo, contrarios ás necesidades do país. Volvemos aos tempos de ollar como os nosos recursos emigran, como benefician só a empresas de fóra e a outros territorios, ficando para nós os efectos negativos da afección ambiental. Quizais en esencia iso é o que representan as forzas estatais, co PP á frente. Ben para eles, malo para a maioría social de Galiza.           

O galante abrazo do Obradoiro na toma de posesión do presidente da Xunta a primavera pasada amosa a verdadeira faciana da dereita españolista que arestora manda. Semellan rir de todos nós. Para algúns non hai crise.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña