16:36 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-01-2011

A crise económica non aconsella a recentralización do Estado, senón a racionalización dun Estado obsesionado na omnipresenza territorial sen importarlle gastos

A saída da crise e a recentralización do Estado

Valorar (13)

ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ


Xosé Luis de Dios (no berce do rio)


A pouco que teñamos presente o devalar do proceso político español desde o fin da ditadura franquista, podemos observar como os momentos de maior ataque ao nacionalismo e as tentativas recentralizadoras do Estado coinciden coa merma na calidade democrática e o incremento no ataque ás conquistas das clases populares. O momento actual non é excepción, coincindo as propostas antisociais de resolución da crise coa da necesidade de suprimir/reducir a xa mermada capacidade de decisión das chamadas autonomías.

Nestes días estamos asistindo ao que parece tan só o inicio dunha potente campaña do bipardismo español destinada a criar as condicións necesarias na opinión pública para a redución real, e inclusive legal, das competencias descentralizadas do Estado.

Como é habitual nestes casos, trátase de repetir sobexamente inconsistencias e tópicos destinados a asentar o dogma: en tempo de crise sobra o Estado, comezando polo máis supérfluo deste que son as Autonomías. Non se está a falar de ningún tipo de racionalización pois un proceso tal nunca se pode asentar en afirmacións tan inconsistentes como que "non podemos soportar 17 organismos que fan o mesmo", nin "17 tribunais superiores de xustiza que xulgan o mesmo", nin  "o despilfarro permanente das Autonomías", nin "o endebedamento irresponsábel para satisfacer as apetencias de poder dos dirixentes periféricos"... E, tamén como é habitual nos temas de estado, a diferenza nas argumentacións da dereita e da esquerda española reside tan só no matiz necesario para que cada unha llo presente máis atractivo e dixeríbel ao seu respectivo electorado.

Claro está que estes "documentados" argumentos para demostrar a inviabilidade e duplicidade do Estado Autonómico nunca contemplan ningún tipo de diferenza entre as nacións do Estado con lingua propia e as demais rexións. Puidera preguntarse o bipartidismo español e os sabios que saen na súa defensa, pola racionalidade de autonomías como Murcia ou Madrid, poñamos por caso. Non sería sen tempo, mais estaría ben comezar por emendar aquela decisión de "café para todos" consistente en diluír as especifidades nacionais de Galiza, Euskadi e Cataluña nun variopinto puzle autonómico.

Sabemos que isto é moito pedirlles aos pais da criatura autonómica. Mais polo menos poderán comprender que, de existiren duplicidades, dúas son as maneiras de resolvelas: ou ben volvendo ao momento preconstitucional mediante o rescate por parte do Estado daquelas competencias cedidas; ou ben que o Estado abandone a súa obsesiva e permanente invasión de competencias das comunidades. Dito doutro xeito, ou ben trazar un camiño de involución cara o Estado máis autoritario e centralista, ou ben respectar e profundar nunha descentralización que xa foi moi limitada de partida e sempre baixo vixiancia extrema por parte do Estado. Nesta liña sería bo que se aproveite a ocasión para suprimir unha institución como as Deputacións Provinciais que perdeu a súa funcionalidade na nova arquitectura do Estado; que se replantexen radicalmente Ministerios como Cultura, Vivenda, Educación, destinados a invadir continuamente as competencias autonómicas producindo  lexislación chamada "básica" que converte en papel mollado a tal competencia exclusiva; que se elimine a administración periférica do Estado coas Delegacións e Subdelegacións do Goberno...

Chama moito a atención que os que tanto se preocupan pola ruína que ocasiona un réxime de soberanía compartida no Estado español (que, obviamente non é tal), sexan os mesmos que predican as vantaxes dunha globalización que lamina en aspectos fundamentais a soberanía do Estado, que tanto defenden fronte ás autonomías. Non se destacan estes "patriotas" españois por alzar a súa voz fronte ás directrices da Comisión Europea ou do Banco Central Europeo, que si merman a soberanía do Estado. E que dicir da súa actitude fronte aos mercados? Xa nos gustaría que fosen tan esixentes como o son agora coas Caixas co fin de entregalas ao gran capital financeiro e desposuílas do seu carácter social que para Galiza é fundamental neste momento.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña