09:11 Martes, 10 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-03-2010

A lectura de Arredor de si faise imprescindíbel para coñecermos mellor a historia do nacionalismo galego

Arredor de si, de Ramón Otero Pedraio, unha lectura necesaria

Valorar (35)

MÓNICA PAZOS MARTÍNEZ


Portada de "Arredor de sí"


En 1888, o 5 de marzo, naceu en Ourense Ramón Otero Pedraio. Este autor, un dos membros destacados da xeración Nós,  é un dos autores máis prolíficos da nosa literatura e o primeiro gran novelista galego.

O autor emprega o nome de Adrián en moitos dos seus personaxes por coincidir o día do seu nacemento coa onomástica de Hadrián. Adrián Solobio, Adrián Soutelo, Adrián Solovio e Adrián Silva son personaxes de diferentes novelas nas que hai unha identificación plena entre o escritor e o personaxe. Adrián vai aparecer nas obras máis ideolóxicas de Otero Pedraio onde este personaxe vai representar unha evolución desde o desprezo e a negación da nosa nación até un claro compromiso con Galiza.  

Arredor de si, que foi publicada hai oitenta anos, é a obra que mellor recolle este cambio de pensamento. Esta obra de 1930 é unha autobiografía que describe a evolución de Otero Pedraio e a doutros membros da xeración Nós. Adrián Solovio, o protagonista,  procura  fóra de Galiza, en Castela, Francia, Alemaña e Bélxica, respostas existenciais que só atopará cando  se afirme na realidade galega que rexeitaba desde o comezo do libro.

En Arredor de si están tratadas moitos temas vixentes na actualidade como a afirmación de Galiza, a función da nosa lingua, da nosa literatura, os prexuízos e o autoodio. Estes problemas van ser superados coa conciencia que é o que fai que ao final Arredor de si "non é  novela, nin experiencia psicolóxica. Xa é historia".

Na toma de conciencia que se produce en Adrián Solovio é importante a nosa historia literaria que aparece como un camiño de liberdade nas seguintes liñas: "¿Que efecto producirían, directamente, no público os libros dos poetas oitocentistas galegos? No medio da xeral indiferencia, da fatalidade acollida como sen cura do vivir provinciano, deberon espertar primeiro unha sorpresa, logo unha esperanza. Poucos se decataron de ser aquel un camiño de redención, e non un simple  virtuosismo literario ou tamén ás veces, unha noxenta concesión ao baixo estilo da esmorga".

Como consecuencia manifesta unha oposición de Galiza con Madrid tal como se observa no seguinte fragmento: "Adrián lía, novamente, aos poetas que de neno o fixeran chorar, non sabía por que. Despois, en Madrid, tivera vergonza daquelas bágoas.

Agora Solovio sabe moi ben a razón das bágoas e non ten que se avergonzar delas. De noite, á luz dunha vela, acompañado pola música da chuvia nos vidros, Adrián recorría un a un os poemas dos Queixumes. (...) Xurdía unha afirmación de raza e de lingua".

 

A lingua é un dos elementos definitorios da nosa identidade e un paso necesario na identificación con Galiza é o uso do galego que vai liberar o protagonista: "Pois desque Adrián falaba galego sentía todo o seu ser renovado".

O anticapitalismo é outra das características que une Adrián Solovio a todos os nacionalistas galegos: "Foise dando conta de non ser el só na Galicia: unha falanxe dispersa na aparencia, unánime na arela, traballaba en diferentes Terras de Galicia. A maior porción daqueles homes e mozos, que Adrián foi pouco a pouco coñecendo e valorizando, renunciaban ás glorias da moda e do tempo; o seu reino non era o deste mundo presente e fuxitivo, senón dunha Galicia que pola derradeira xustificación dos tempos debía lucir nun futuro, quizais non tan lonxano".

Arredor de si non é un novela idealista xa que Adrián Solovio enfróntase a situacións reais de incomprensión onde se produce unha asociación entre galego e ir en  contra da concepción burguesa da vida. Xacobe, o irmán de Adrián, cando este lle fala de Galiza contéstalle: - "Si, hai algúns que falan e escriben en galego. Ninguén lles dá tino. ¿Que gañan con iso? Hoxe hai que traballar ben e vivir o mellorciño que se poida".

Alberto Núñez Feijoo e Roberto Varela, oitenta anos despois da primeira edición desta obra, fan afirmacións como que os escritores e as escritoras galegas deberían escribir en español porque o galego limita ou que a cultura galega está ensimesmada e acomplexada.  Ramón Otero Pedraio convértese nun galego universal ao afirmar: "Por Galicia e na Galicia era Adrián europeo e planetario". O conselleiro de Cultura tamén ten resposta en Arredor de si: "En Santiago, Adrián sempre se coidaba na Europa e máis galego que nunca. A sensación do Estado español estaba para el ausente da cidade".

En 1930, ano da publicación desta novela, o nacionalismo galego volverá organizarse ao rematar a ditadura de Primo de Rivera.  Ramón Otero Pedraio fai un chamamento claro para participar no proxecto nacionalista. Nesta novela destaca un Otero Pedraio político que un ano máis tarde será deputado: "De igual a igual, Adrián pensaba ser o tipo dunha xeración, e con optimismo coidaba que no mesmo inverno outros galegos, todos os ben intencionados, todos os que pensasen con lealdade, chegarían á súa liberación que era a liberación da Galicia".

A novela remata cambiando o protagonista. Adrián Solovio dá paso a Galiza nun futuro cheo de esperanzas e ilusións cando afirma: "Aquí remata o primeiro, longo e tráxico estado do vivir de Adrián Solovio. A súa vida desde agora identifícase coa vida da Galicia; xa non é novela, nin experiencia psicolóxica. Xa é historia. Pois a Galicia tamén comeza a ser outra volta historia desque adeprendeu os camiños para atopar a súa conciencia e deixou de andar como unha cega, arredor de si".

Coa lectura de Arredor de si conformaremos como Adrián Solovio a nosa identidade. Nunha entrevista pouco antes da súa morte Ramón Otero Pedraio fai balanzo da súa época: "Naquel intre, cando tan poucas cousas tiñamos, había que facelo todo: viaxar, botar discursos, escribir nos xornáis, estudar xeografía, etnoloxía, historia da nosa terra, que estaba sin escribir. O que de ningunha maneira se podía era estar calados e quedos por que o tempo, xa daquela, loitaba contra de nós". Nestas palabras transmite o compromiso con Galiza e fai unha chamada á acción.


[08-03-2010 ] Mercedes comentou:

Un bo artigo que invita a reflexionar sobre a nosa identidade e sobre a postura que tomamos a respecto da nosa lingua, aproveitando a data do nacemento de Otero Pedrayo. Autor que optou por unha defensa sen ambigüidades da nosa identidade, cultura e lingua. Un referente para nós. parabens!

[07-03-2010 ] Carme comentou:

Grazas a iste libro nasceu unha galega en mín. É fermoso ate chorar. Grazas, D. Ramón, por me espertar á Galiza.

[05-03-2010 ] Susana comentou:

Pareceme moi bonito que alguen se acorde de Otero no día do seu aniversario.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña