04:59 Martes, 11 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-01-2011

Sabotaxe á historia

Fuco Gómez: nacionalismo e humanismo. Ideario dun arredista (2)

Valorar (10)

XOSÉ ANTÓN BAO ABELLEIRA



Un dos temas preferidos por Fuco é o da recuperación da verdadeira historia de Galiza, unha historia deturpada por intereses políticos, alentados sobre todo dende sectores hispanistas, eliminando dela cuestións que situaban a Galiza no lugar que verdadeiramente lle corresponde. En moitos dos seus artigos, sobre todo no seu xornal Patria Galega, Fuco dedícase a revisar partes da historia que foron terxiversadas ou esquecidas. Para isto bota man dos historiadores e cronistas que dende a antigüidade e ata os nosos días, cantaron as glorias de Galiza fronte aos que as esconderon ou rectificaron: cita así a autores clásicos como Estrabón, Erancio ou Festo Avieno, ou contemporáneos como o doutor Huerta, Domingo López de Carvajal e outros.

Os hispanófilos sabotaron a historia cantando as glorias da grandeza imperial de España  converténdoa nun exemplo de liberdade, de xustiza e de liberalismo, cando nunca e en ningún lugar estableceron un réxime baseado na auténtica democracia, nunca houbo respecto e garantías para os que non profesasen unha relixión que non fora a da igrexa española, ou cando nunca se recoñeceu e valorou a aqueles que reclamaron para os seus países as mesmas consideracións e os mesmos privilexios de que gozou Castela e algún outro país.

Todo isto creou "unha mística do pasado de España ou Castela, unha susceptibilidade ibero-americana favorable á propaganda españolista" que millóns de escritores e poetas explotaron, aproveitando os favores de editores que espallaron sen ningún tipo de criterio este ideario hispanista nos mesmos países americanos.

Para Fuco, ademais, o hispanismo arremete continuamente contra Galiza no que el chama a "fobia antigalega dos hispanistas", a cal foi implantando a idea de que Galiza é unha terra subdesenvolvida e que os seus habitantes non merecen nin o máis mínimo respecto. Xa dende o século XV, Galiza foi moeda de cambio con pouco valor para que os distintos gobernos hispanos de todas as tendencias políticas e os españois de todas as clases sociais xogasen con ela. Mesmo alude Fuco a todos os escritores que, nados en Galiza, contribuíron a que esa visión se espallase e se xulgase os galegos como "fillos dunha raza inferior".

Nesta análise da discriminación a Galiza desde o hispanismo, céntrase Fuco na situación ao longo da IIª República. Durante esta, a pesar das promesas de democratización, Galiza seguiu sendo tratada como unha "colonia de maleantes". Neste período non se aprobou nin unha soa lei que fose beneficiosa para o noso país, pero si se aprobaron outras que atentaban contra a economía galega. Como exemplo disto cita a chamada Lei Agraria que solucionaba problemas relativos ao latifundismo pero non arranxaba a problemática galega: o minifundismo, ou o Estatuto do Viño, que era claramente contrario aos intereses galegos mentres favorecía os viños doutras latitudes con gradación alcohólicas máis baixas cás dos viños galegos. Estes e outros asuntos, como a continuación do ferrocarril de A Coruña a Zamora e de Ferrol a Xixón, ou a presencia de man de obra galega nos Estaleiros e Arsenais ferroláns, son suficientes exemplos de como en todo momento, mesmo nos máis benignos politicamente, a Galiza se lle negaron as súas posibilidades históricas.

A este respecto o Comité Revolucionario Arredista Galego, aproveitando a visita de Fuco a Galiza, difundiu no ano 1933 un manifesto dirixido principalmente aos labregos galegos. Nel advírtese dos males que o centralismo español estaba a causar a Galiza: abuso de impostos, altísimas contribucións, etc., o que supuña a imposibilidade de sobrevivir economicamente no noso país co conseguinte éxodo migratorio cara aos países latinoamericanos.

A loita é, pois, contra o centralismo emanado de Madrid e contra as forzas hispanistas que supoñen opresión, arbitrariedade e absorción. No manifesto pídese a cooperación na instauración dunha "República verdadeiramente democrática", unha República igualitaria cos homes e as mulleres, que teZa como principio fundamental o benestar social. Da independencia de Galiza depende que se converta ou non nunha nación próspera e progresista.

A República Galega Independente.

A independencia dos pobos, e por suposto de Galiza, é o ideal básico que preside a ideoloxía arredista de Fuco Gómez. Esta independencia dos países ibéricos, comparable á doutros países europeos como Holanda ou Bélxica, suporía notables melloras a todos os niveis: aumento da poboación, desenvolvemento industrial, cultural, etc. Parte da inspiración deste ideario arredista vén dos movementos independentistas catalán e irlandés, cos que o Comité Revolucionario Arredista Galego mantivo contactos en diversas ocasións.

A independencia para Fuco non pasa por unha República unitaria nin por unha República Socialista Hispánica; a solución está unicamente na creación dunha República Galega Independente para a que os "separatistas ultrarradicais", como el se definía, contan cun programa definido. Sería esta unha República do pobo produtor para todos os que nela vivan, descentralizadora e de orde. Nela primará a xustiza política e o goberno fundarase na razón e o dereito. Unha República libre, igualitaria e democrática.

Preceptos nacionalistas para unha República Galega.

Entre os preceptos que rexen o seu nacionalismo salientan a Independencia absoluta de Galiza, "baseada nunha República democrática". Dentro dela as provincias e concellos gozarán de autonomía, así como os organismos con finalidade social, histórico-cultural ou económica e o mesmo individuo que tamén será independente no seo da agrupación.

Outro punto básico é a defensa e divulgación dos valores de Galiza, "do idioma e demais carácteres étnicos que constitúen a nacionalidade galega". Neste medio fomentarase a ensinanza laica gratuíta "en todos os seus graos e para todas as clases e oficios". Neste contexto o galego será oficializado, e o seu ensino converterase en obrigatorio con "aquel outro idioma que no sucesivo se faga común a todos os pobos de Europa".

O territorio galego dividirase en sete rexións que se poden corresponder cos antigos reinos de Galiza e recoñecerase a personalidade xurídica e administrativa da parroquia fronte ao concello rural, para así estimular neses grupos "a cooperación para o maior rendemento posible".

Tamén inclúe entre estes preceptos con que contará o nacionalismo galego na creación da República Galega Independente, o reparto das riquezas naturais e económicas do país. O Estado desa República encargaríase de "regular a distribución dos bens, a produción, creación, consumos e taxas de prezos"; todo isto "con atención a principios colectivos que tendan á igualdade económica", para asegurar "a cada persoa as mesmas posibilidades de subsistencia e de éxito, de desenvolvemento físico, moral e intelectual e toda a suma felicidade adecuada en toda época ao desenvolvemento progresivo da humanidade".

Outros preceptos inciden na liberdade de acción, de pensamento e de conciencia, de imprenta e de asociación, na igualdade tanto de sexos como de razas, así como nas alianzas de carácter interibérico que fomenten a solidariedade entre as minorías étnicas de todos os pobos do mundo. Evitaranse todo tipo de discriminacións e aboliranse "os foros e xurisdicións privilexiadas, así como os monopolios, para evitar a explotación dos traballadores".


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña