00:54 Venres, 18 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-03-2010

O único que queremos as e os que defedemos o galego é que neste país, mais tamén na cidade da Coruña, as persoas galegofalantes teñamos dereitos

Promover o galego? Si pero non

Valorar (18)

ERMITAS VALENCIA ROMAR



O PSOE na cidade da Coruña xa nos ten acostumados/as a, en cuestión de horas, cambiar de opinión con respecto ao galego e á aplicación das leis que procuran promovelo. Foi no caso do Pleno extraordinario en que, por petición do PP, se buscaba un acordo para lle solicitar ao Parlamento galego que o topónimo deturpado da cidade for considerado válido. Nesa ocasión, o PSOE votou en contra da proposta mais, pouco despois, no despacho da Alcaldía, citábanse os membros do Goberno pertencentes a este partido para daren a coñecer unha carta en que o alcalde lle solicitaba ao presidente do Goberno galego o que eles denominan "la cooficialidad del topónimo". Este intento de deturpar a toponimia galega aínda era reclamado hai uns días pola deputada Mar Barcón nunha entrevista que lle realizaba un xornal galego.

Unha nova situación de esperpento volvíase a vivir no Pazo de María Pita este luns. Os votos do PP e do PSOE uníanse para votaren en contra dunha moción presentada polo BNG, en que se solicitaba o compromiso do Concello da Coruña coa promoción e o impulso da lingua galega. A dita moción tamén lle solicitaba ao Goberno municipal que tramitase, para ser debatida no Pleno, a Ordenanza de impulso do galego realizada polo Servizo de Normalización Lingüística. Logo de rematar o Pleno, o alcalde recibía a nova executiva da Real Academia Galega para demostrar o seu compromiso co galego.

O Sevizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña vén traballando desde a súa constitución nun texto normativo que axude a cumprir a lexislación vixente con respecto ao galego. A ninguén se lle escapan os períodos anteriores do franquismo e o vazquismo, que fixeron que o galego non existise para o Concello da Coruña e mesmo que esta institución tivese unha posición belixerante co idioma. O Servizo de Normalización comezou por recoller toda a lexislación vixente sobre a lingua galega, así todo aquilo referido aos concellos que figura no Plan xeral de normalización da lingua galega. Este texto contou co asesoramento da Universidade da Coruña que, a través da súa Asesoría Xurídica, realizou un informe moi completo e favorable á proposta.

Negociacións posteriores dentro do goberno municipal fixeron que a dita norma adelgazase na súa extensión e que só quedase o esquelete que inicialmente a mantiña. A norma finalmente tramitada contén unicamente todo o recollido nas leis a respecto do galego nas administracións. Aínda así, o PSOE négase a tramitala.

En aplicación desta norma, o Concello da Coruña debería corrixir, para borrar os vestixios da era Vázquez , todo o referido á toponimia deturpada que aparece no rueiro da cidade con "*Finisterre, *Arteijo, *Puentedeume...", a megafonía da estación de autobuses, que segue chamando as e os cidadáns a viaxaren a "*Arteijo, *El Seijal..." ter impresos en galego tamén nas áreas que non goberna o BNG, enviar aos xornais anuncios en galego etc.

Isto xa se cumpre en moitos concellos do país e mesmo o PP na Xunta o fai, ou a Deputación da Coruña, a pesar de que o seu presidente, vote no Pleno da Corporación da Coruña en contra do que el xa fai na Deputación.

Unhas horas despois da negativa do PSOE para promover a lingua galega no Pleno municipal, o alcalde recibía a unha representación da Real Academia Galega. Neste encontro, en que mesmo o novo presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, asina no libro da cidade, o alcalde di "O compromiso que ten este alcalde, e a Corporación Municipal, co galego, é un compromiso que hoxe está aquí ben claro, coa visita de quen ten que coidar e velar pola lingua, a Real Academia Galega".

Coidemos, velemos, agarimemos mais, por favor, non usemos o galego, non vaia ser que nos provoque algún tipo de enfermidade. Cando se fala de promover o galego, o españolismo envólvese na bandeira "de la libertad" e "no imposición", cando o único que queremos as e os que defedemos o galego é que neste país, mais tamén na cidade da Coruña, as persoas galegofalantes teñamos dereitos. 

[08-03-2010 ] Xan Rocha comentou:

Parabens polo artigo.

[07-03-2010 ] Francisco Alvedro Lopez comentou:

Sociolóxicamente, o votante do PSOE e o PP son case intercambiables na Coruña. Esas actitudes do PSOE son froito do medo a que a dereita recupere os votos que, tantos anos, tivo prestados Paco Vázquez.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña