23:01 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-01-2011

2010 foi un ano terríbel no económico e no social

Feliz 2011?

Valorar (22)

RUBÉN CELA DÍAZ



2010: ANO PARA ESQUECER


No contexto estatal, un PSOE -con Zapatero á cabeza- entregado aos intereses do grande capital financeiro, e actuando ao ditado do BCE e o FMI, impuxo algúns dos recortes sociais máis fortes das últimas décadas: a suba do IVE e doutros impostos indirectos; unha reforma laboral tremendamente regresiva que abarata o despedimento ademais de posibilitalo libremente no caso de que as empresas teñan "previsións de perdas"; a baixada dos salarios das e dos traballadores/as públicos nunha media dun 5% no 2010 e a súa conxelación para 2011; unha reforma das pensións (precedida da súa conxelación) que aumentará a 67 anos a idade da xubilación e en cinco anos o período de cómputo para a mesma; a desaparición da axuda dos 426 euros para desempregados/as sen cobertura, a eliminación da retroactividade no cobro das prestacións da Lei da Dependencia, unha nova liña de privatizacións que comezan coa bancarización das caixas de aforro, segue con AENA ou a Lotaría Nacional pasando polas grandes infraestruturas; graves ataques a algún sectores produtivos básicos para Galiza como foi o caso do Decreto do Carbón, etc. En definitiva, un retroceso de moitos anos en tan só doce meses.

A actuación do PSOE ao fronte do goberno do estado foi nefasta, pero a do PP na Xunta de Galiza non foi mellor. O PP é incapaz de gobernar e limitouse, ao longo de todo o 2011, a asumir un papel pasivo a respecto da crise, de simples espectador desde a barreira que só bota balóns fóra eludindo calquera responsabilidade, comenzando polo seu máximo responsábel: o presidente da Xunta de Galiza. Feixóo estivo máis preocupado de asistir a calquera sarao fóra de Galiza -por insignificante que fora- que o manteña ben situado como "lider nacional do PP", que en exercer de Presidente das galegas e dos galegos. Só existiu vontade real para atacar ao noso idioma e ás nosas sinais de identidade, para eliminar calquera das políticas impulsadas polo anterior goberno con independencia da súa eficacia (chámase Banco de Terras, Decreto Eólico, Galescolas ou Noitebús por exemplo) ou para trasladar mimeticamente a Galiza os plantexamentos máis ultraliberais en materia de privatización sanitaria de Esperanza Aguirre e Camps. Iso si, cero iniciativas reais de reactivación da nosa economía, de mellora da protección dos sectores sociais máis castigados pola crise, de políticas activas de emprego, de acompañamento aos sectores produtivos básicos, de aposta pola educación e o I+D, de investimentos públicos que xeren maior dinamismo na economía e nula visión de país que rematan en medidas electoralistas como estamos a ver, por exemplo, no deseño aeroportuario galego e nas axudas para as rutas de baixo custo.

2011: CANDO O PEOR AÍNDA NON PASAOU

2010 foi un ano tremendamente difícil e 2011 non pinta moito mellor. A nível internacional, a situación será cando menos, incerta. Non é desbotábel -máis ben o contrario- unha guerra de divisas, onde o estado español non ten nada que dicir porque  desde a desaparición da peseta non xoga nesta liga, pero si que poderá ser un damnificado pasivo.  Incerta tamén, a evolución das economías de países da eurozona como Grecia, Irlanda e Portugal en 2011 e o seu posíbel efecto contaxio, a seguir polo propio futuro a medio/longo prazo do Euro.

A economía española será en 2011, na práctica, unha economía intervida. Teremos un 2011 cargado de "pequenos sacrificios", "apretadas de cinto", "austeridade", etc... pero sobre todo, un ano de "liberalizacións", é dicir, un 2011 cargado de recortes en todos os servizos e investimentos  públicos, de privatizacións e de maior precarización e desregularización do mercado laboral.

O PIB segue sen medrar e o consumo non logra despegar, nin parece que o vaia facer de xeito significativo en 2011. O IBEX 35, a pesares das "axudas" a algunhas das empresas que o compoñen, pechou o ano cunha baixada do 17,43% con 73.000 millóns de euros de perdas, sen falar dos efectos da crise nas PEMES e autónomos. As cifras de desempregados/as, mes a mes baten todas as marcas, e cada día son máis os fogares onde non traballa ningún dos seus membros aumentando en paralelo o número de persoas que xa esgotaron as súas prestacións por desemprego e que non atisban posibilidade algunha de atopar un novo emprego no curto prazo. O alcance de todo isto en 2011 está por ver. Ademais, comezaremos o ano cun recorte brutal do gasto público, que desde logo non será a palanca que axudará a saír do furado a estas empresas, nin moito menos a crear emprego. Un recorte de 18.000 millóns de euros (aproximadamente o 1,75% do PIB), co obxectivo de reducir o déficit público ao entorno do 6%. As inversións reais, a nivel de estado, caerán de 9.390 millóns a 5.793 millóns (case un 40%). Ese recorte trasládase ás Comunidades Autónomas e aos Concellos que a súa vez, fan máis do mesmo coas súas contas. En definitiva, que tanto o Estado como a Xunta abdicarán en 2011 da súa responsabilidade de tentar dinamizar determinados sectores económicos e de sentar bases estábeis para a recuperación económica. A economía real queda exclusivamente en mans dos mercados.

Aínda recente aprobada a reforma laboral, a seguinte está á volta da esquina. A pesares do tremendamente regresivo que é o texto xa aprobado, ao capital español e aos mercados financeiros internacionais non lles chega. Fulminar a negociación colectiva e camiñar cara o despedimento libre e con menor indemnización, serán as dúas grandes batallas a dar en 2011.

A vida sube e os salarios baixan. Vimos de coñecer esta semana, os datos do Índice de Prezos de Consumo Armonizado (IPCA) do último mes de 2010,  que arroxa un aumento da inflación até o 2,9% , o seu  nivel máis alto desde outubro de 2008. Iso sí, só o 32% dos convenios colectivos rexistrados no Ministerio de Traballo, recollen unha cláusula de revisión salarial en función do IPC, é dicir, o efecto práctico disto é que a maioría das e dos traballadores verán mermado -máis aínda- o seu poder adquisitivo. O Euribor pechou o 2010 en torno ao 1,52% un 0,28 puntos por riba no nivel de 2009, o que implicará unha suba media de 20 euros máis ao mes na hipoteca. A luz sube preto dun 10%, o gas un 3,9%, o transporte ferroviario ten subas que van desde o 2,3% ao 4,8%. O prezo do bus interurbano sube un 1,7% e as peaxes das autoestradas unha media do 1,44% e o selo de correos dálle a benvida ao 2011 con subas que oscilan entre o 1,56% até 11,1% en función do tipo de envío.

Privatización será a palabra de orde do 2011. As privatizacións máis salvaxes: AENA, Lotaría Nacional, os novos tramos do AVE. Logo virán Correos e o que quede de RENFE, para seguir coa privatización das autovías públicas actualmente libres de peaxe, as instalacións sociosanitarias en primeira instancia e a apertura do debate do copago sanitario en segunda. A privatización de Novacaixagalicia, desnaturalizando así os seus obxectivos e sentido de ser co beneplácito do PP e do PSOE será, sen lugar a dúbidas, outra das asignaturas pendentes para este ano que comeza.

A crise abrirá en 2011 a veda para debates hai uns anos dificilmente plantexábeis: a posibilidade do despedimento de funcionarios/as, a reforma do modelo enerxético coa entrada forte e sen volta atrás da enerxía nuclear, (nas últimas semanas xa se aprobou a supresión de 3000 millóns de euros en primas para as renovábeis), a que chamaran terceira descentralización, que non é máis que unha nova recentralización, baixo a premisa de ineficiencias, duplicidades e necesidade de revisión do financiamento dos concellos (non é descartábel a quebra técnica duns cantos para este 2011), tentando camiñar cara un adelgazamento das Comunidades Autónomas.

En definitiva, agárdanos un 2011 cheo de incerteza, pero que non pinta nada ben.

FELIZ 2011?

Sen lugar a dúbidas, en termos económicos, políticos e sociais o ano 2010 foi un terríbel e aínda que 2011 non leva trazas de ir mellor, a resignación non é unha opción. Non existe ningunha conquista social, merecente de tal calificativo, que non houbese que -como o seu nome indica-  conquistala. Hai cousas que non se compran, non se venden e moito menos as regalan. O pouco que temos (demasiado para algúns) houbo que gañalo palmo a palmo. Agora toca defendelo.

A pesares do que poida parecer, son tremendamente optimista e estou convencido que a pesares de ser este un contexto terribelmente complexo, 2011 tamén nos deparará ao conxunto das galegas e dos galegos boas novas. Co optimismo, non patolóxico, senón de quen cre que hai alternativa e de que o pobo galego estará á altura das circunstancias, non quixera rematar un artigo que leva un título como este, sen cambiarlle o signo de interrogación(?) do mesmo por un de exclamación(!). A pesares de todo, Feliz 2011!


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña