08:20 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-01-2011

Non se trata só de cambiar unha lei, hai que modificar unha cultura política en relación co papel que xogan os medios públicos

CRTVG: A reforma pendente

Valorar (14)

ANA BELÉN PONTÓN MONDELO



A creación da Radio e Televisión de Galiza, hai máis dun cuarto de século, foi un fito de grande relevancia. As expectativas xeradas eran moitas, tanto no plano simbólico, como na potencialidade de avanzarnos no terreo da normalización lingüística, cultural ou política. Crear un espazo de comunicación galego e en galego. Sen embargo, no balanzo destes anos, moitas das teorías e esperanzas que naceran cos medios públicos fóronse desinflando. O instrumento púxose ao servizo doutros intereses que deturparon a potencialidade que tiñan -e teñen- a radio e televisión públicas. E neste devalar, aparece o debate sobre a necesidade da reforma. Esta non dá cristalizado e, de momento, só temos iso, debate. Encerellados no "eterno" debate andamos no Parlamento neste ano que rematou coas doce badaladas que anunciaron o 2011.

Aló polo mes de marzo acordamos por unanimidade constituír unha ponencia para abordar conxuntamente a reforma da lei da CRTVG. Case nove meses despois o balanzo, estrictamente persoal, é xa clarificador en relación coa estratexia do PP. Facer que se fai. Simular interese por reformar a lei, ao tempo que se practica unha política en relación cos medios públicos que afonda nos aspectos mais negativos. Porque non se trata de negar a necesidade de cambiar a lei que creou a compañía, mais hai moitas cousas que podían mudar xa, sen ter que esperar ao cambio normativo. E confeso que teño a impresión de que o debate sobre a reforma da norma, actúa como un placebo que oculta outros vicios e desviacións que a lei non vai mudar de repente. Expresouno con clareza Xosé Manuel Vega durante a súa comparecencia na ponencia. Non se trata só de cambiar unha lei, hai que modificar unha cultura política en relación co papel que xogan os medios públicos. É preciso desgubernamentalizalos -que non despolitizar- o funcionamento dos mesmos.

Co actual marco normativo, o funcionamento dos medios debería ser xa radicalmente diferente. Mais para iso, quen ocupa o poder político, debe apostar realmente por unha tele e radio galega, ao servizo do país, non dos intereses particulares do partido gobernante. E isto non existe. Hai un control e utilización dos mesmos que perverte o actual marco legal. Ver o telexornal é a mellor evidencia do dito. Hai unha estratexia clara de potenciar o PP, ben sexa na súa dimensión estatal, galega ou local. Galiza non é referencia, é anécdota. O debate e pluralidade non existen, con sucedáneos vergoñantes que non cumpren nin co mínimo requisito de que as forzas políticas con representación parlamentar teñan presenza nos mesmos. A cultura galega está anulada, invisibilizada.

Teño poucas esperanzas en que a ponencia conxunta vaia chegar a un punto de encontro que supoña unha reforma real do papel dos medios públicos na Galiza. Porque neste debate, o fundamental non é como se nomea ao Director da CRTVG, o fundamental é si hai un pacto para que os medios galegos sexan un instrumento ao servizo do pobo galego. E neste punto, o desencontro coas forzas estatais está servido.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña